Ezequiel 45
45
Partilla da terra: a parte do Señor
1Cando repartades en porcións a terra, reservade para o Señor unha parte de ofrenda, unha parte sacra separada do resto da terra, de vinte e cinco mil cóbados de longo e dez mil cóbados de ancho. Será un lugar sagrado, con todo o seu muro de separación arredor.
2Disto deixarase para o santuario un cadrado de cincocentos por cincocentos cóbados todo arredor, e o santuario terá arredor unha eira de cincuenta cóbados. 3E despois destas medicións, mediredes vinte e cinco mil cóbados de longo por dez mil de ancho, pois aquí estará o santuario, o lugar máis santo, 4o máis sagrado do país; e isto será para os sacerdotes que son ministros do santuario, os que se acercan a dar culto ó Señor. Deste xeito terán un lugar para casas e mais un lugar sagrado para santuario. 5Vintecinco mil cóbados de longo por dez mil de ancho serán para os levitas, ministros oficiantes do templo; eles posuirán a súa cidade para habitar. 6E como propiedade de tal cidade, concederédeslle cinco mil cóbados de ancho por vinte e cinco mil cóbados de longo, ó lado da parte destinada ó santuario; isto será de toda a Casa de Israel. 7O príncipe tocaralle a un lado e ó outro do lugar do templo e da parte da cidade, enfronte ó lugar do templo e enfronte ó lugar da cidade, polo lado do poñente, cara ó mar; e polo lado do nacente, cara ó nacente, e a longura será do mesmo xeito para cada unha das partes: desde a fronteira do poñente ata a fronteira do nacente 8do país. Esta será a súa propiedade en Israel, e os meus príncipes xa non volverán oprimir o meu pobo, senón que lle repartirán a terra á Casa de Israel segundo as súas tribos.
9Así fala o Señor, Deus:
—Xa hai abondo convosco, príncipes de Israel!
Deixade a opresión e a violencia;
practicade o dereito e a xustiza;
retirade as vosas explotacións de sobre o meu pobo
—é o Señor, Deus, quen fala—.
10Usade balanzas fieis e fanegas xustas e canadas xustas. 11Que o efah e o bat teñan a mesma cabida: o bat que levante a décima parte do hómer, e o efah que levante tamén a décima parte do hómer: que a súa proporción se faga con hómer. 12O siclo son vinte gueras; vinte siclos máis vinte e cinco siclos máis quince siclos serán para vós unha mina. 13Este será o imposto que vós recolleredes: seis efáhs por hómer de trigo e outros seis efáhs por hómer de centeo. 14Velaí o precepto do aceite, do bat de aceite: a décima parte dun bat por cada kor, pois dez bates fan un hómer e tamén dez bates fan un kor. 15Tamén unha res do rabaño por cada duascentas reses do ben regado chan de Israel será para a ofrenda, para o holocausto, para o sacrificio de comuñón, para facer a expiación sobre eles —é o meu Señor, Iavé, quen fala—.
16Toda a poboación do país terá parte nesta contribución a favor do príncipe de Israel, 17pois o príncipe é o responsable dos holocaustos, da ofrenda, das libacións nas festas, nas lúas novas, nos sábados e en todas as romarías da Casa de Israel. El mesmo fará o sacrificio polos pecados, a ofrenda, o holocausto e os sacrificios de comuñón para facer a expiación en favor da Casa de Israel.
18Así fala o meu Señor, Iavé:
—O día primeiro do primeiro mes collerás un becerro, fillo de vaca, sen defecto, e purificarás de pecados o santuario. 19O sacerdote collerá o sangue do sacrificio de purificación dos pecados, e untará con el os marcos do santuario, as catro esquinas do zócalo do altar e os marcos da porta do adro interior. 20O mesmo has de facer o día sete dese mes, por mor do home que pecou por descoido ou por ignorancia, e así facedes a expiación do templo. 21O día catorce do mes primeiro celebraredes a Pascua, unha festa de sete días, nos que se comerá pan sen fermento. 22Ese día, o príncipe ofrecerá un becerro en sacrificio de expiación por si mesmo e por toda a poboación do país. 23Durante os sete días de festa, ofreceralle ó Señor, cada día, un holocausto de sete becerros e sete carneiros, sen defecto. Durante os sete días tamén ofrecerá, cada día, un sacrificio de expiación polo pecado, un chibo, 24e fará a ofrenda dun efah de fariña por becerro e doutro efah por carneiro e dun hin de aceite por cada efah de fariña.
25Na festa do día quince do sétimo mes farase o mesmo que nestes sete días: os mesmos sacrificios de expiación polo pecado, os mesmos holocaustos, a mesma ofrenda e o mesmo aceite.
Currently Selected:
Ezequiel 45: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT