Ezequiel 47
47
1Logo fíxome volver á entrada do templo, e velaí que debaixo do vestíbulo do templo saía auga cara ó nacente, pois a fachada do templo daba ó nacente e a auga baixaba polo lado dereito do templo, ó sur do altar. 2Logo fíxome saír pola porta do norte e dar a volta polo exterior ata a porta exterior, que mira ó nacente, e velaí que a auga ía correndo pola ladeira dereita. 3Cando o home saíu cara ó nacente, levaba un cordel na súa man e mediu mil cóbados; logo fíxome atravesar pola auga, que me chegaba ós nocellos. 4Volveu medir mil cóbados, e fíxome atravesar polas augas, que me chegaban ata os xeonllos; volveu medir mil cóbados, e fíxome atravesar: a auga ata a cintura! 5Volveu medir mil cóbados: era un río que eu non era capaz de cruzar. Tanto subiran as augas, que eran augas de nadar, un río que non se podía cruzar. 6Entón díxome:
—Viches, fillo de Adam?
Logo fíxome dar a volta, e levoume á beira do río. 7E cando dei a volta, velaí, á beira do río, unha enorme arboredo dun lado e do outro. 8Entón díxome:
—Esta auga está correndo cara á bisbarra do nacente, e baixará sobre a Arabah e entrará no mar Morto; estas augas conducidas cara ó mar, quedarán de certo saneadas. 9E todo ser vivente, que rebula en calquera lugar onde vai tal río, vivirá; peixes haberaos abondo, pois estas augas chegarán alí e farán revivir todo o lugar: onde desemboque o río haberá vida.
10E os pescadores estarán de pé á beira do río:
desde En—Guedí ata Eneglaim
haberá secadoiros para as redes;
os seus peixes serán por especies
tan abundantes coma os peixes do Mediterráneo.
11Nas súas marismas e nas súas lagoas
non haberá saneamento,
senón que se deixarán para ter sal.
12A beira do río, nunha marxe e noutra,
medrará toda clase de árbores froiteiras:
a súa follaxe non murchará,
e a súa froita non acabará,
senón que cada mes dará unha nova colleita,
pois as augas do río
son as que saen do santuario;
por isto a súa froita servirá para comer,
e as súas follas servirán para remedios.
13Así fala o Señor, Deus:
—Estas son as marxes, dentro das que vós repartiredes a propiedade da terra entre as doce tribos de Israel: a Xosé tocaranlle dúas partes de terra. 14Repartiredes a terra, tocándolle a cada un o mesmo có seu irmán, xa que eu xurei coa man levantada, que llela daría ós vosos pais, e por iso esta terra tocaravos a vós en partes de herdanza.
15Estes son os lindeiros do país: polo lado do norte: desde o mar Mediterráneo, polo camiño de Hetlón, entrando en Sedadah, 16Hamat, Berotah, Sibraim —entre a marxe de Damasco e a marxe de Hamat—, Haser do medio que está cerca do territorio de Haverán. 17Así esta fronteira irá desde o mar ata Haser Enón, lindando co territorio de Damasco polo norte, e ó norte tamén o territorio de Hamat. Tal será o lado norte. 18Velaquí o lado do nacente: medide vós entre Haverán e Damasco, e entre Galaad e a terra de Israel, logo o Xordán será a linde ata o mar do nacente. Tal será o lado do nacente. 19Velaí o lado do Négueb, cara ó sur: desde Tamar ata o oasis de Meribah de Cadex, na dirección do río e ata o mar Mediterráneo: tal será o lado do sur, na dirección do Négueb. 20Velaí o lado do poñente: o mar Mediterráneo serve de marxe fronte á entrada de Hamat: este é o lado do poñente.
21Vós repartirédesvos a terra esta entre as tribos de Israel, 22pero farédelo botando ás sortes as partes da herdanza para vós e para os estranxeiros que viven entre vós, os que xa tiveron fillos entre vós; serán para vós coma nativos entre os fillos de Israel, e con eles botaredes ás sortes as partes da herdanza no medio das tribos de Israel. 23Será na tribo na que resida o estranxeiro onde lle daredes a súa parte de herdanza —é o Señor, Deus, quen fala—.
Currently Selected:
Ezequiel 47: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT