YouVersion Logo
Search Icon

Ezequiel 37

37
O Espírito do Señor fai revivir os ósos resecos
1A man do Señor pousou sobre min e fíxome saír coa forza do seu espírito, e púxome no medio do val, que estaba cheo de ósos. 2Fíxome pasar ante eles dando voltas: e velaí que había moitísimos sobre a superficie do val, e estaban totalmente resecos. 3Entón díxome:
Fillo de Adam, poderán revivir estes ósos?
Eu repuxen:
Señor, Iavé, ti sábelo.
4Logo díxome:
—Pronuncia un oráculo sobre estes ósos e dilles:
—Osos resecos, escoitade a palabra do Señor:
5Así lles fala o meu Señor, Iavé, a estes ósos:
—Velaí: vou traer sobre vós o alento
e reviviredes.
6Porei sobre vós tendóns
e farei que criedes carne;
cubrireivos con pel, porei en vós o alento,
e reviviredes.
Entón recoñeceredes que eu son o Señor.
7Eu pronunciei o oráculo tal como se me mandara; e mentres eu pronunciaba o oráculo, houbo un trono e logo un terremoto, e os ósos xuntáronse cada un co seu compañeiro.
8Logo ollei e vin que sobre eles había tendóns, a carne ía medrando e a pel íaselles estendendo por riba. Pero non había neles alento. 9Logo díxome:
—Pronúncialle un oráculo ó espírito,
pronúnciao, fillo de Adam,
e dille ó espírito:
Así fala o meu Señor, Iavé:
—Desde os catro ventos, vén, espírito,
e sopra nestes cadáveres, para que revivan.
10Eu pronunciei o oráculo, conforme me mandara.
Entón o espírito entrou neles,
e reviviron, e tíñanse de pé sobre as súas pernas:
era un exército enormemente grande.
11Entón díxome:
—Fillo de Adam, estes ósos son a Casa de Israel enteira.
Velaí o que din: os nosos ósos están resecos,
a nosa esperanza está perdida;
estamos esnaquizados.
12Por iso profetiza e dilles: así fala o meu Señor, Iavé:
—Velaí que eu vou abrir as vosas sepulturas,
e vouvos facer subir das vosas sepulturas, meu pobo,
e vouvos levar á terra de Israel.
13Recoñeceredes que eu son o Señor,
cando eu abra as vosas sepulturas,
e cando vos faga subir das vosas sepulturas, meu pobo.
14Vou poñer en vós o meu espírito
e vouvos facer revivir na vosa terra.
Así recoñeceredes que eu, o Señor, o digo e o fago
—é o Señor quen fala—.
Xesto simbólico da unión dos dous paus
15Veume a palabra do Señor nestes termos:
16—Oe ti, fillo de Adam, colle un pau
e escribe nel "Xudá e os fillos de Israel, os seus aliados";
logo colle outro pau e escribe nel "Xosé, pai de Efraím
e toda a Casa de Israel, os seus aliados".
17E que alguén chos empalme un co outro
para que formen un só pau
e dos dous resulte na túa man un só pau.
18Cando che digan os fillos do teu pobo:
"Non nos explicas que queren dicir para ti estas cousas?",
19respóndelles: —Así fala o meu Señor, Iavé:
—Velaí que eu vou coller o pau de Xosé,
que está na man de Efraím, e os cetros de Israel, os seus compañeiros,
e poreinos sobre o cetro de Xosé, xunto co pau de Xudá,
e convertereinos nun só pau,
para que resulten un só pau,
para que resulten un só na miña man.
20Os dous paus, nos que escribas,
teralos na túa man á vista deles,
21e haslles dicir:
Así fala o meu Señor, Iavé:
—Sabede que eu recollerei os fillos de Israel
de entre os pobos onde marcharon,
xuntareinos do arredor,
e traereinos á súa terra.
22Convertereinos en nación única no seu país, nos montes de Israel,
e un único rei fará de rei para todos eles,
e ese pobo non se volverá converter en dous,
nin se volverá dividir en dous reinos nunca máis.
23E nunca máis se volverán manchar cos seus ídolos,
nin coas súas abominacións,
nin con todos os seus pecados,
senón que os librarei de todos os lugares
onde viven, nos que pecaron.
Purificareinos e serán para min o meu pobo,
e eu serei para eles o seu Deus.
24E o meu servidor David será o seu rei,
o pastor único de todos eles,
e camiñarán conforme as miñas leis,
gardarán os meus preceptos e cumpriranos.
25Entón habitarán no país
que eu lle dei ó meu servidor Xacob,
no que habitaron vosos pais,
e habitarán nel para sempre,
eles, os fillos e os fillos de seus fillos;
e o meu servidor David será o seu príncipe para sempre.
26Establecerei con eles unha alianza perfecta,
e o sinal que eu lles darei
é que a alianza será eterna,
e farei que se multipliquen.
Porei para sempre o meu santuario no medio deles,
27e a miña morada estará no medio deles;
serei o seu Deus e eles serán o meu pobo.
28E cando o meu santuario estea no medio deles para sempre,
recoñecerán que eu son o Señor,
o que consagra a Israel.

Currently Selected:

Ezequiel 37: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in