Ezequiel 12
12
Xesto simbólico da deportación para o príncipe e para os dirixentes
1Veume a palabra do Señor nestes termos:
2Fillo de Adam, ti estás vivindo no medio da Casa Rebelde:
teñen ollos para ver, e non ven;
teñen oídos para escoitar, e non escoitan,
pois son Casa Rebelde.
3Oe ti, fillo de Adam, prepara o teu fardelo de desterrado,
e marcha ó desterro en pleno día, ante os seus propios ollos;
marcha do teu lugar a outro lugar á vista deles,
a ver se o ven, pois son Casa Rebelde.
4Colle o teu fardelo, fardelo de deportado,
en pleno día á vista deles;
e sairás polo serán e á vista deles,
como os que saen para o desterro.
5A vista deles fura o muro e saca por el o fardelo.
6A vista deles bótao ás costas, sácao de noite,
cubre a túa cara para non ver o país,
fíxate: fago de ti un sinal para a casa de Israel.
7Eu fixen tal como se me mandara:
collín en pleno día o meu fardelo coma fardelo de desterrado,
furei polo serán no muro coa man, saquei o fardelo na escuridade
e cargueino ó lombo á vista deles.
8A mañá seguinte veume a palabra do Señor nestes termos:
9Fillo de Adam, acaso non che preguntou a Casa de Israel, a Casa Rebelde, que era o que estabas a facer? 10Dilles: así fala o meu Señor, Iavé: Este oráculo é para o príncipe que hai en Xerusalén e para toda a Casa de Israel que está no medio dela. 11Dilles:
Eu fun un sinal para vós:
o mesmo que eu fixen, así se lles fará a eles:
Irán deportados ó desterro.
12O príncipe que vive entre eles cargará ó lombo o seu fardelo na escuridade e sairá polo muro que furaron para poderen saír por el, tapará a súa cara para non ver cos seus ollos o país. 13Eu estenderei a miña rede sobre el, e será cazado na miña trampa; levareino a Babilonia, país dos caldeos, pero el non a verá, aínda que morrerá alí. 14E a todos os que están ó seu arredor, ós seus axudantes e ás súas tropas esparexereinos ós catro ventos, e desenfundarei a espada tras eles. 15E recoñecerán que eu son o Señor, cando os esparexa por entre os pobos e os disperse polos países.
16Pero deixarei de entre eles un resto, uns poucos homes escapados da espada, da fame e da peste, para que conten as súas abominacións nos pobos a onde vaian. Entón recoñecerán que eu son o Señor.
Xesto simbólico contra Xerusalén
17Veume a palabra do Señor nestes termos:
18Fillo de Adam, come o teu pan con estremecemento,
bebe a túa auga con tremor e receo.
19Haslle dicir á xente do país:
—Así fala o Señor Iavé acerca dos habitantes de Xerusalén,
dos que viven na terra de Israel:
Comerán o seu pan con receo
e beberán a súa auga con medo,
pois a súa terra estará feita unha desolación
chea da violencia de todos os que habitan nela;
20As cidades que agora están habitadas, estarán devastadas,
e o país será unha desolación.
Entón recoñecerán que eu son o Señor.
Dinamismo e eficacia das visións e palabras de Iavé contra os ditos populares
21Veume a palabra do Señor nestes termos:
22Fillo de Adam, que significa para vós este dito na terra de Israel, cando dicides: "Os días alónganse, e perde forza a visión?" 23Pois ben, dilles: así fala o Señor Iavé: Eu acabo con este dito que non se volverá a usar máis en Israel. Máis ben, dilles ti estoutro: "Están cerca os días do cumprimento de toda visión profética".
24Certo, non volverá a haber visións vas nin adiviñanzas mentireiras na Casa de Israel. 25Pois eu, Iavé, falarei o que teña que falar, unhas palabras que se cumprirán e non se volverán a demorar; si, nos vosos días, Casa Rebelde, falarei unha palabra e cumprireina é o Señor Iavé quen fala.
26Veume a palabra do Señor nestes termos:
27Fillo de Adam, velaí a Casa de Israel que anda a dicir: "As visións deste van para longo, este profetiza para tempos remotos".
28Pois ben, dilles: así fala o Señor, Iavé: Ningunha das miñas palabras se demorará, pois eu digo unha palabra e cúmprese é o Señor Iavé quen fala.
Currently Selected:
Ezequiel 12: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT