Ezequiel 13
13
Oráculos reelaborados contra os falsos profetas de Xerusalén
1Veume a palabra do Señor nestes termos:
2Fillo de Adam, profetiza contra os profetas de Israel, profetiza e dilles ós que profetizan desde o seu propio corazón: escoitade a palabra do Señor:
3Así fala o Señor Iavé:
Ai dos profetas que profetizan
e seguen o seu propio espírito,
pero sen veren!
4Coma as raposas entre as ruínas
son os teus profetas, Israel.
5Non subistes ás brechas,
non erguestes un muro
ante a Casa de Israel,
para que resistise firme na guerra,
o día do Señor.
6Viron cousas ilusorias,
e adiviñaron mentiras
os que dicían "oráculo do Señor",
cando El non os mandou,
aínda que agardaban que lles confirmase a palabra.
7Acaso non vistes vós visións ilusorias,
e acaso non dixestes adiviñanzas mentireiras,
cando diciades "oráculo do Señor",
pero eu non falara?
8Por iso, así fala o Señor Iavé:
—Por falardes en van
e terdes visións mentireiras,
por isto estou eu contra vós,
—é o Señor, Iavé quen fala—:
9A miña man estará contra os profetas
que profetizan visións ilusorias
e adiviñanzas mentireiras;
eles non formarán parte da asemblea do meu pobo,
nin serán inscritos no censo da Casa de Israel,
nin entrarán na terra de Israel.
Así recoñeceredes que eu son o Señor, Iavé.
10Polo feito de que eles extravían o meu pobo,
dicíndolle: "Haberá paz", cando non a haberá,
e cando o meu pobo constrúe un muro,
eles danlle o recebo;
11por isto dilles ós que fan o recebo:
Caerá de certo,
haberá unha tormenta arrasadora,
farei que caian bolas de pedrazo
e que irrompa un vento de furacán.
12E velaí: caerá o muro. Non se vos preguntará entón:
"Onde está o recebo que vós destes?".
13Por isto, así fala o Señor Iavé:
—Desencadearei un vento de furacán coa miña ira,
coa miña ira haberá unha tormenta arrasadora,
e co meu noxo haberá pedrazo para a destrución.
14Eu tirarei o muro ó que vós lle destes recebo,
e fareino vir á terra;
os seus alicerces quedarán ó descuberto;
caerá, e vós pereceredes debaixo del.
Entón recoñeceredes que eu son o Señor.
15Eu levarei ó extremo a miña ira contra o muro,
e contra os que lle deron o recebo,
e logo direivos: "Xa non hai nin muro
nin os que lle deron o recebo.
16Os profetas de Israel profetizan sobre Xerusalén,
e ven acerca dela visións de paz,
pero non hai paz",
—é o Señor, Iavé, quen fala—.
Oráculos de xuízo contra as falsas profetisas
17Oe, fillo de Adam, encárate coas fillas do teu pobo, que profetizan o que lles sae do seu corazón, e profetiza contra elas.
18Dilles: así fala o Señor Iavé:
—Ai das que cosedes lazos en todos os pulsos
e facedes carapuchos para as cabezas de calquera medida
para cazar a vida!
Declarades cazada a vida do meu pobo,
mentres mantedes viva a vosa propia vida.
19Profanádesme a min diante do meu pobo
por un puñado de cebada, por un bocado de pan,
sentenciando á morte a vida que non debía morrer,
e mantendo viva a vida que non tiña dereito a vivir,
embelecando o meu pobo que escoita os vosos embustes.
20Por iso, así fala o meu Señor Iavé:
—Velaí que eu estou contra os vosos carapuchos,
cos que vós cazades as vidas coma paxaros;
arrincareinos dos vosos brazos,
e deste xeito deixarei libres as vidas que vós cazades,
a vida dos paxaros.
21Racharei os vosos carapuchos
e librarei das vosas mans o meu pobo,
que non volverá a ser presa das vosas mans.
Deste xeito recoñeceredes que eu son o Señor.
22Por aflixirdes o corazón do xusto con mentiras,
sen que eu o aflixa;
e por apreixardes forte as mans do impío,
para que non se retire do seu mal comportamento
e deste xeito poida vivir;
23por isto, non volveredes ter máis visións ilusorias,
non volveredes adiviñar máis adiviñanzas mentireiras;
librarei o meu pobo das vosas mans.
Entón recoñeceredes que eu son o Señor.
Currently Selected:
Ezequiel 13: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT