YouVersion Logo
Search Icon

Ezequiel 11

11
Anuncio de castigo contra as falsas seguridades dos dirixentes de Xudá
1O Espírito arrebatoume e levoume á porta oriental do templo do Señor, que dá ó nacente, e vin á entrada da porta vintecinco homes; no medio deles vin a Iezanías, fillo de Azur e mais a Pelatías, fillo de Benaías, xefes do exército. 2Entón o Señor díxome:
Fillo de Adam, estes son os homes que están a maquinar iniquidades e a dar malos consellos nesta cidade. 3Están a dicir: "Certo, antes de que se aproxime o tempo de construír casas, a cidade será a pota e nós seremos a tallada".
4Por isto, profetiza contra eles, profetiza, fillo de Adam. 5Entón caeu sobre min o Espírito do Señor e díxome:
Dilles: así fala o Señor: Deste xeito falades vós, Casa de Israel; o que se vos sobe á cabeza seino ben eu. 6Multiplicastes os vosos caídos nesta cidade e enchestes as rúas de vítimas. 7Por isto, así fala o Señor, Deus: as vosas vítimas, as que vós puxestes no medio da cidade, elas son a tallada e a cidade é a pota; pero a vós fágovos saír da cidade. 8Tédeslle medo á espada, pero a espada traereina contra vós é o Señor Iavé, quen fala.
9Heivos facer saír do medio da cidade,
heivos entregar no poder de estranxeiros
e hei facer convosco xustiza.
10A espada caeredes,
sobre o territorio de Israel heivos xulgar,
e deste xeito recoñeceredes que eu son o Señor.
11A cidade non vos servirá de pota
nin vós serviredes de tallada no medio dela:
heivos xulgar sobre o territorio de Israel.
12E deste xeito recoñeceredes que eu son o Señor,
do que non seguistes os preceptos
senón que obrastes segundo os costumes dos pobos
que están ó voso arredor.
13Mentres eu profetizaba, Pelatías, fillo de Benaías, morreu. Entón eu caín rostro en terra e gritei con forte berro:
Ai, meu Señor, Iavé! Vas ti exterminar o resto de Israel?
O verdadeiro resto de Israel
14Entón veume a palabra do Señor nestes termos:
15Fillo de Adam, os teus irmáns, os teus propios irmáns, os homes da túa familia e toda a Casa de Israel desapareceron, pois os habitantes de Xerusalén dinlles a eles: "Quedádevos lonxe do Señor; é a nós a quen se nos deu esta terra en herdanza". 16Por iso dilles: así fala o Señor, Iavé:
—Certo que os fixen apartar entre os pobos,
certo que os esparexín polos países;
pero por un pouquiño eu fun para eles
un santuario nos países a onde foron.
17Por isto, así fala o Señor Iavé:
—Heivos reunir de entre os pobos,
heivos xuntar de entre os países
a onde fostes esparexidos,
e heivos dar a terra de Israel.
18Entrarán nela e retirarán dela
todos os seus ídolos e todas as súas abominacións.
19Heilles dar un só corazón
e infundirei en vós un espírito novo:
arrincarei da súa carne o corazón de pedra
e dareilles un corazón de carne,
20para que se comporten conforme os meus preceptos,
garden os meus mandamentos e os cumpran;
eles serán o meu pobo
e eu serei o seu Deus.
21Pero se o seu corazón se apega
á crenza dos ídolos e das súas abominacións,
eu farei recaer o seu comportamento sobre as súas cabezas,
é o Señor, Iavé, quen fala.
A gloria do Señor abandona o templo e vai a Caldea sobre o profeta
22Entón os querubíns levantaron as súas ás, estando as rodas xunto a eles; a gloria do Deus de Israel sobresaía sobre eles. 23A gloria do Señor levantouse do medio da cidade e detívose sobre o monte que está ó nacente da cidade. 24Logo o Espírito arrebatoume e, en éxtase baixo o efecto do Espírito do Señor, levoume a Caldea onda os desterrados, e a visión que eu vira subiu por enriba de min. 25Eu conteilles ós desterrados todas as cousas que o Señor me concedera ver.

Currently Selected:

Ezequiel 11: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in