YouVersion Logo
Search Icon

Éxodo 6

6
Iavé, o Deus dos pais
1O Señor díxolle a Moisés: —"Agora verás o que vou facer co faraón. Forzado por man rexa, deixaravos saír e mesmo vos botará da súa terra".
2Deus seguiu dicindo: —"Eu son Iavé. 3Aparecinme a Abraham, a Isaac e a Xacob co nome de Deus todopoderoso; pero non lles dei a coñecer o meu nome Iavé. 4Eu fixen con eles un pacto: darlles o país de Canaán, terra na que viviron coma forasteiros. 5Estou escoitando as queixas dos israelitas que os exipcios asoballan; teño en conta o meu pacto. 6Dilles, pois, ós israelitas: Eu, Iavé, tirareivos de debaixo da carga que vos impoñen os exipcios, sacareivos da súa servidume, librareivos con brazo estendido e con grandes escarmentos. 7Tomareivos coma meu pobo e eu serei o voso Deus. Saberedes que eu son Iavé, o voso Deus, o que vos tirou de debaixo da carga dos exipcios. 8Levareivos á terra que xurei darlles a Abraham, a Isaac e a Xacob, e daréivola a vós en posesión. Eu, Iavé".
9Moisés díxolles ós israelitas todo iso. Pero non lle fixeron caso, polo desfalecemento do espírito baixo a dureza do traballo.
10O Señor díxolle a Moisés: 11—"Vai onda o faraón, rei de Exipto, e dille que deixe saír os israelitas da súa terra". 12Moisés respondeulle: —"Se non me fan caso os israelitas, como mo vai facer o faraón, sendo eu tan torpe de palabras?" 13Pero o Señor seguiu falando con Moisés e Aharón e dándolles as súas ordes para os israelitas e para o faraón, rei de Exipto, co fin de sacar de alí ós israelitas.
Xenealoxía de Moisés e Aharón
14Estes foron os xefes dalgunhas familias patriarcais. Fillos de Rubén, primoxénito de Israel: Hanoc, Palú, Hesrón e Carmí. Estes son os clans de Rubén. 15Fillos de Simeón: Iemuel, Iamín, Ohad, Iaquín, Sohar e Xaúl, o fillo da cananea. Estes son os clans de Simeón.
16Estes son os nomes dos fillos de Leví, conforme as súas xeracións: Guerxón, Quehat e Merarí. Leví viviu cento trinta e sete anos.
17Fillos de Guerxón: Libní e Ximí, coas súas familias. 18Fillos de Quehat: Amram, Ishar, Hebrón e Uziel. Quehat viviu cento trinta e tres anos. 19Fillos de Merarí: Mahlí e Muxí. Estes son os clans de Leví, conforme as súas xeracións.
20Amram tomou por muller á súa parente Ioquébed, que lle deu a Aharón e a Moisés. Amram viviu cento trinta e sete anos. 21Fillos de Ishar: Córah, Néfeg e Zicrí. 22Fillos de Uziel: Mixael, Elsafán e Sitrí. 23Aharón tomou por muller a Elixeba, filla de Aminadab e irmá de Nahxón; ela deulle por fillos a Nadab, Abihú, Elazar e Itamar. 24Fillos de Córah: Asir, Elcanah e Abiasaf. Estes son os clans de Córah. 25Elazar tomou por muller unha das fillas de Futiel, que lle deu a Pinhás. Estes son os xefes das familias dos levitas, conforme os seus clans.
26Foi a Aharón e a Moisés ós que lles dixo o Señor: —"Sacade as multitudes dos israelitas de Exipto"; 27os que falaron ó faraón, rei de Exipto, de deixalos saír de alí. Eses foron Moisés e Aharón. 28Cando o Señor falou con Moisés en Exipto, 29díxolle: —"Eu son Iavé. Repítelle ó faraón, rei de Exipto, todo o que eu che digo".
30Respondeulle Moisés: —"Como me fará caso o faraón, sendo eu tan torpe de palabra?"

Currently Selected:

Éxodo 6: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in