Éxodo 5
5
Primeiro encontro co faraón
1Moisés e Aharón presentáronse ó faraón para lle dicir: —"Isto di Iavé, o Deus de Israel: Deixa saír o meu pobo, para que celebre a miña festa no deserto".
2Respondeulles o faraón: —"E quen é Iavé, para que eu o obedeza e deixe saír a Israel? Non coñezo a Iavé, e non deixarei saír a Israel". 3Eles dixeron: —"O Deus dos hebreos chámanos. Déixanos facer polo deserto unha viaxe de tres días, para ofrecermos un sacrificio a Iavé o noso Deus, e que non nos fira coa peste ou coa espada".
4O rei de Exipto respondeulles: —"Moisés e Aharón, por que molestades o pobo no traballo? Ide cumprir co voso labor". 5E engadiu: —"Eles son un pobo xa numeroso no país, e agora queredes que deixen o traballo".
Os traballos forzados dos hebreos
6Aquel día ordenoulles o faraón ós capataces e ós gardas: 7—"Non sigades dándolle palla a esa xente que prepara os adobes, como faciades ata agora. Que a busquen eles mesmos. 8Pero esixirédeslles a mesma cantidade de adobes que facían ata hoxe, sen rebaixarlles nada, pois son uns lacazáns. Por iso berran, dicindo: Queremos ir ofrecer un sacrificio ó noso Deus. 9Póndelle a esa xente un traballo máis duro. Que se entreteñan con el e que non lles dean creto a contos mentireiros".
10Foron os capataces e os gardas e faláronlle ó pobo: —"Isto di o faraón: Non seguirei provéndovos de palla. 11Ide vós mesmos buscala onde queira que a haxa. Pero a vosa tarefa non ha minguar en nada".
12A xente espallouse por toda a bisbarra, á pescuda de restrollo para a palla dos adobes. 13Os capataces apremábanos, dicíndolles: —"Acabade a xeira do día, como cando tiñades palla". 14Os capataces do faraón batían nos inspectores israelitas que eles mesmos puxeran á cabeza da xente, e dicíanlles: —"Por que non completades agora a cantidade asignada, coma nos días pasados?"
15Os inspectores israelitas fóronse queixar ó faraón: —"Por que tratas os teus servos deste xeito? 16Sen nos daren a palla, esíxennos que fagamos os adobes. Os teus servos levan os paus, cando a culpa é do teu pobo".
17O faraón respondeulles: —"Lacazáns é o que vós sodes, lacazáns. Por iso andades dicindo: Queremos ir ofrecer un sacrificio a Iavé. 18Ide traballar agora mesmo. Non se vos dará a palla; pero vós entregaredes os adobes que vos tocan".
19Os inspectores israelitas víronse nun apuro, cando lles dixeron: —"Non minguará en nada a cantidade de adobes asignada". 20E, ó que saíron de ver o faraón, foron falar con Moisés e Aharón, que os estaban agardando. 21Dixéronlles: —"Que o Señor olle o voso feito e que xulgue. Fixéstesnos aborrecer polo faraón e polos seus servidores, e puxésteslles na man a espada para que nos maten".
22Moisés volveuse cara ó Señor e rogou: "Señor, por que aflixes a este pobo? Para que me mandaches? 23Desde que entrei onda o faraón para falarlle no teu nome, el trata peor ó teu pobo, e ti non fas nada por libralo".
Currently Selected:
Éxodo 5: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT