YouVersion Logo
Search Icon

Éxodo 7

7
Aviso das pragas
1O Señor díxolle a Moisés: —"Voute pór no lugar de Deus para o faraón, e teu irmán Aharón será o teu profeta. 2Ti dirás todo o que eu che mando, e teu irmán Aharón diralle ó faraón que deixe saír os israelitas da súa terra. 3Eu endurecerei o corazón do faraón, e farei moitos sinais e moitos milagres en Exipto. 4O non darvos creto o faraón, eu porei sobre Exipto a miña man e sacarei as multitudes do pobo de Israel daquela terra con fortes escarmentos. 5Os exipcios aprenderán que eu son Iavé, cando alongue a miña man contra o Exipto e saque de alí os israelitas".
6Moisés e Aharón fixeron exactamente o que lles mandaba o Señor. 7Moisés tiña oitenta anos e Aharón oitenta e tres, cando falaron co faraón.
A vara vólvese cobra
8O Señor díxolles a Moisés e a Aharón: 9—"Cando o faraón vos diga: Facédeme algún milagre, ti mandarás a Aharón: Colle a vara e bótaa diante do faraón. E converterase en serpe".
10Moisés e Aharón entraron onda o faraón e fixeron o que o Señor lles tiña ordenado. Aharón botou a vara diante do faraón, e converteuse en serpe.
11O faraón mandou chamar ós seus sabios e feiticeiros, e os magos exipcios fixeron iso mesmo cos seus encantamentos. 12Cada un botou polo chan a súa vara e convertéronse en cobras. Pero a vara de Aharón enguliu as dos magos. 13O faraón teimou na súa e non lles fixo caso, conforme dixera o Señor.
A auga convértese en sangue
14O Señor díxolle a Moisés: —"O faraón ponse duro e non deixa saír o pobo. 15Vai onda el mañá cedo, cando sae para o río. Agárdao á beira do Nilo e leva na man a vara que se trocou en serpe. 16Diraslle así: Iavé, o Deus dos hebreos, mandoume dicirche isto: Deixa saír o meu pobo, para que me ofreza culto no deserto. Ata agora non fixeches caso aínda. 17Iavé di: Nisto poderás recoñecer que eu son Iavé. Coa vara que levo na man baterei na auga do Nilo e trocarase en sangue. 18Os peixes morrerán, as augas federán e os exipcios terán noxo de beber auga do río".
19O Señor mandou a Moisés que lle dixese a Aharón: —"Colle a túa vara e alonga a man sobre as augas de Exipto: os ríos, os canais, as lagoas e depósitos, e que se troquen todos en sangue. Haberá sangue en todo o Exipto, mesmamente nos recipientes de madeira e de pedra".
20Moisés e Aharón fixeron o que o Señor lles mandara. Aharón ergueu a vara, bateu nas augas do río, á vista do faraón e dos seus servidores, e as augas do río trocáronse en sangue. 21Os peixes morreron, as augas fedían e os exipcios non podían beber auga do Nilo. Por todo o país de Exipto había sangue.
22Pero os magos de Exipto fixeron tamén iso cos seus encantamentos. O faraón endureceuse e non lles fixo caso, conforme dixera o Señor. 23Voltou para o seu pazo e non pensou máis naquilo. 24Os exipcios cavaban pozos nas ribeiras do río, buscando auga que beber, pois a auga do río non servía.
A praga das ras
25Pasados sete días desde que o Señor batera o Nilo, 26díxolle o Señor a Moisés: "Vai onda o faraón e comunícalle que isto di Iavé: Deixa saír o meu pobo, para que me ofreza culto. 27Se non o deixas saír, infestarei de ras todo o país. 28O Nilo ferverá con elas, subirán ó teu pazo, á cámara do teu leito, enriba da túa cama, ás casas dos teus ministros e de todo o teu pobo, ós teus fornos e artesas. 29Ti, os teus servidores e todo o teu pobo quedaredes cubertos de ras".

Currently Selected:

Éxodo 7: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in