Éxodo 39
39
As vestiduras dos sacerdotes
1Con púrpura violácea, escarlata e carmesí, e con liño fino fixeron as vestiduras sagradas para o servizo do santuario, e os ornamentos sacros de Aharón, como ordenara o Señor a Moisés.
O efod
2O efod fixérono de ouro, de púrpura violácea, escarlata e carmesí, e de liño fino torcido. 3Puxeron o ouro en láminas, delas tiraron fíos e con estes bordaron a púrpura violácea, escarlata e carmesí, e o liño fino torcido. 4Fixéronlle dúas ombreiras, unidas polos cabos. 5O cíngulo saía do efod, e era da feitura deste: de ouro, de púrpura violácea, escarlata e carmesí, e de liño fino torcido, como mandara o Señor a Moisés.
6Prepararon pedras de ónix, engastadas en ouro, e gravaron nelas, o mesmo ca nun selo, os nomes das tribos de Israel. 7Colocáronas nas ombreiras do efod, pois eran as pedras da lembranza das tribos de Israel, como lle mandara o Señor a Moisés.
O peitoral
8Fixeron o peitoral, traballado con arte, da mesma feitura do efod, de ouro, púrpura violácea, escarlata e carmesí, e de liño fino torcido. 9Era cadrado, dobre, un palmo de longo e un de ancho. 10Engastaron nel catro ringleiras de pedras. Na primeira unha sardónica, un topacio e unha esmeralda; 11na segunda un rubí, un zafiro e un xaspe; 12na terceira un ópalo, unha ágata e unha ametista; 13e na cuarta un crisólito, un ónix e un berilo. As pedras estaban todas engastadas en ouro. 14Correspondíanse cos nomes das tribos de Israel, doce pedras para doce nomes. Cada pedra levaba gravado coma un selo o nome dunha das doce tribos.
15Para o peitoral fixeron cadeíñas de ouro puro, trenzadas coma un cordón. 16Por parte prepararon dous engastes de ouro e dous aneis tamén de ouro. Os aneis fixáronos nos dous cabos do peitoral. 17Pasaron logo por eles as dúas cadeíñas de ouro 18e as dúas puntas das cadeíñas fixáronas nos engastes que ían collidos na dianteira das ombreiras do efod.
19Outros dous aneis que fixeron puxéronos nos cabos da parte baixa do peitoral, polo lado de dentro, de cara para o efod. 20E outros dous aneis máis fixáronos nas dúas ombreiras do efod, na parte inferior dianteira, onda a xuntura e por enriba do cíngulo do efod. 21Cun cordón de púrpura violácea suxeitaron os aneis do peitoral cos do efod, de xeito que o peitoral quedase por enriba do cíngulo do efod e non se soltase del, como mandara o Señor a Moisés.
O manto
22Teceron despois o manto do efod, todo de púrpura violácea. 23No medio, por enriba, levaba unha abertura, cunha orla arredor, coma unha cota, para que non se esgazase. 24No borde baixo, ó redor, puxéronlle granadas de púrpura violácea, escarlata e carmesí, e de liño fino torcido. 25Fixeron logo campaíñas de ouro puro e puxéronllas por entre as granadas, ó redor, 26Alternándose unhas coas outras. O manto era para oficiar, como ordenara o Señor a Moisés.
Outras vestiduras
27Para Aharón e para os seus fillos fixeron túnicas, 28tiaras e mitras de liño fino con enfeites, e calzóns de liño fino torcido; 29e, por parte, cíngulos de liño fino torcido, bordados, de púrpura violácea, escarlata e carmesí, como o Señor lle ordenara a Moisés.
A diadema
30Fixeron tamén de ouro puro a flor da sagrada diadema e gravaron nela, como se fai nun selo: Consagrado ó Señor. 31Cun cordón de púrpura violácea suxeitárona na dianteira da tiara, como o Señor mandara a Moisés.
Moisés aproba as obras
32Quedaron así acabados os traballos do tabernáculo e da Tenda do Encontro. Os israelitas fixeron todo como lles mandara Moisés.
33Entón presentáronlle a Moisés o tabernáculo e a Tenda, con todos os seus utensilios, os broches, as táboas, os varais, as columnas e os baseamentos; 34A cuberta de pel curtida de carneiro, a cuberta de pel de teixugo, o veo de tapar a arca; 35A arca da alianza, os seus traveseiros e mais o propiciatorio; 36A mesa cos seus accesorios e mais os pans presentados; 37o candelabro de ouro puro coas súas lámpadas, cos seus trebellos e co aceite do alumado; 38o altar de ouro, o óleo da unción, o incenso cos aromas, a cortina da entrada da Tenda; 39o altar de bronce coa súa reixa de bronce, cos seus varais e outros trebellos, a pía co seu fuste; 40A cortina do adro coas súas columnas e os seus baseamentos, a cortina da entrada do adro coas súas cordas e as súas estacas, e todas as demais cousas para o servizo do tabernáculo e da Tenda do Encontro; 41As vestiduras para o servizo do santuario e os sagrados ornamentos para oficiar o sacerdote Aharón e seus fillos.
42Os israelitas fixeron o traballo como o Señor lle ordenara a Moisés. 43Moisés examinou todas as obras, e viu que estaban feitas conforme lle mandara o Señor. E deulles a súa bendición.
Currently Selected:
Éxodo 39: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT