Éxodo 36
36
1Besalel, Oholiab e todos os homes destros, ós que o Señor dera sabedoría e intelixencia para saberen facer a obras destinadas ó culto sagrado, puxéronse ó traballo conforme o mandara o Señor. 2Moisés chamou a Besalel, a Oholiab e a todos os homes destros, ós que o Señor dera habilidade e a cantos estaban dispostos a pó-la súa parte na realización das obras, 3e entregoulles os materiais que os israelitas lle trouxeran coma ofrenda para a obra do santuario que se había facer.
Os israelitas seguían traendo máis ofrendas, unha mañá tras doutra. 4Deixando o seu traballo respectivo na construción do santuario, viñeron os sabios artesáns 5e dixéronlle a Moisés: —"O pobo está traendo xa máis do que cómpre para facer as obras que mandou o Señor". 6Entón deu Moisés a orde de pregoar no campamento: —"Que ningún home nin muller se esforce en traer máis ofrendas para as obras do santuario". E o pobo deixou de traer. 7O que trouxeran xa chegaba e sobraba para facer todas as obras.
O tabernáculo
8Os máis destros dos artífices puxéronse a facer o tabernáculo, de dez lenzos de liño fino torcido, de púrpura violácea, escarlata e carmesí, con querubíns bordados. 9Cada lenzo medía vinte e oito cóbados de longo por catro de ancho; eran todos da mesma medida. 10Os lenzos empalmaban uns cos outros, en dúas series de cinco.
11Fixeron logo presillas de púrpura violácea e puxéronos na orla do lenzo extremo dunha serie, e despois no da outra. 12Cincuenta presillas ían na orla dun lenzo e cincuenta na do outro, de xeito que se correspondían entre elas. 13Fixeron tamén cincuenta broches de ouro e uniron con eles os lenzos entre si. Dese xeito o santuario formaba un conxunto.
14Teceron despois once lenzos de pelo de cabra, que servían de Tenda ó tabernáculo. 15Cada lenzo medía trinta cóbados de longo e catro de ancho, todos da mesma medida. 16Empalmaron nunha serie cinco lenzos e seis noutra, 17e puxeron cincuenta presillas na orla de cada unha das dúas series de lenzos empalmados.
18Fundiron cincuenta broches de bronce para xuntar os lenzos da Tenda e que constituísen unha unidade. 19Fixeron para o tabernáculo unha cuberta de peles curtidas de carneiro, con outra cuberta por enriba de peles de teixugo.
20Despois fixeron as táboas do tabernáculo de madeira de acacia, e puxéronas en pé. 21Cada unha medía dez cóbados de longo e un e medio de ancho. 22Cada táboa remataba en dous cantís, para ensamblar unhas nas outras; as táboas eran iguais. 23Logo distribuíron deste xeito as táboas do tabernáculo: vinte táboas polo lado sur, ó mediodía, 24ás que puxeron debaixo corenta baseamentos de prata, dúas por cada táboa ou unha por cada cantil. 25No outro lado do tabernáculo, o que mira cara ó norte, puxeron outras vinte táboas, 26cos seus corenta baseamentos de prata, dúas debaixo de cada táboa. 27Polo flanco do tabernáculo que mira cara ó mar puxeron seis táboas, 28con dúas máis para que formasen os dous cantos. 29Estas eran parellas por abaixo e encaixaban para arriba, ata a primeira argola. Dese xeito fixeron os dous cantos. 30Eran, por xunto, oito táboas, con dezaseis baseamentos de prata, dúas para cada táboa.
31Fixeron tamén os traveseiros, de madeira de acacia, cinco para as táboas dun flanco do tabernáculo, 32cinco para as do outro e cinco para as do ocaso. 33Fixeron tamén o traveseiro que pasa polo medio das táboas, desde unha punta á outra. 34As táboas revestíronas de ouro, e o mesmo os traveseiros. Tamén eran de ouro as argolas polas que pasaban os traveseiros.
O veo e a cortina
35Fixeron despois o veo, de púrpura violácea, escarlata e carmesí e de liño fino torcido, con querubíns bordados. 36Para penduralo fixeron catro columnas de madeira de acacia, revestidas de ouro, con ganchos tamén de ouro; para as columnas fundiron catro baseamentos de prata.
37Para a entrada da Tenda fixeron unha cortina, de púrpura violácea, escarlata e carmesí, de liño fino torcido, e bordada. 38Levaba cinco columnas que a sostiñan, provistas de ganchos. Os seus capiteis e as súas molduras revestíronos de ouro e os seus baseamentos de bronce.
Currently Selected:
Éxodo 36: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT