YouVersion Logo
Search Icon

Éxodo 37

37
A arca
1Besalel construíu a arca de madeira de acacia, de dous cóbados e medio de longo, un e medio de ancho e un e medio de alto. 2Revestiuna de ouro puro por dentro e por fóra, e ó arredor púxolle unha cinta de ouro. 3Fundiu catro argolas de ouro para os seus catro ángulos, dúas para un flanco e dúas para o outro. 4Fixo varais de madeira de acacia e revestiunos de ouro. 5Meteu os varais nas argolas, polos dous flancos da arca, para podela transportar.
6Fixo despois o propiciatorio, de ouro puro, de dous cóbados e medio de longo e un e medio de ancho. 7Cicelou dous querubíns de ouro e púxoos nos dous extremos do propiciatorio, 8un en cada extremo, formando co propiciatorio un mesmo corpo. 9Os querubíns despregaban as ás cara arriba, cubrindo o propiciatorio; miraban cara ó centro deste, un enfronte do outro.
A mesa dos pans sagrados
10Fixo tamén unha mesa de madeira de acacia, de dous cóbados de longo, un de ancho e un e medio de alto. 11Revestiuna de ouro puro e púxolle ó redor unha cinta de ouro. 12O redor fíxolle un reborde dun palmo e púxolle tamén unha cinta de ouro. 13Fundiu catro argolas de ouro e púxollas nos catro ángulos, unha por cada pé. 14As argolas quedaban agarradas no reborde. Por elas meteu os varais para transportar a mesa. 15Os varais fíxoos de madeira de acacia e revestiunos de ouro. 16Fixo tamén de ouro puro os instrumentos da mesa: pratos, cuncas, xerras e vasos para as libacións.
O candelabro
17Fixo despois un candelabro de ouro puro. Traballouno a martelo, coa súa base e co seu fuste. Facían unha peza con el as súas copas, cálices e corolas. 18Dos seus lados saían seis brazos, tres dun lado e tres doutro. 19Cada brazo tiña tres copas, coma flores de améndoa, co seu cáliz e a súa corola; eran iguais os seis brazos que saían do candelabro. 20No fuste do candelabro había catro copas, coma flores de améndoa, cada unha co seu cáliz e coa súa corola. 21Debaixo de cada parella de brazos que saían do candelabro levaba un cáliz; era a mesma cousa cos seus brazos. 22Os cálices e mais as corolas facían unha mesma peza e estaban cicelados en ouro puro.
23Fixo tamén sete lámpadas, coas súas pinzas e cos seus cinseiros, todo de ouro puro. 24Cun talento de ouro puro fixo o candelabro e todos os seus utensilios.
O altar do incenso
25Fixo despois o altar do incenso de madeira de acacia. Era cadrado, dun cóbado de longo, un de ancho e dous de alto; dos seus ángulos saían cornos. 26Revestiuno de ouro puro por enriba, polos lados e nos cornos; púxolle ó redor unha cinta de ouro. 27Nos dous lados, por baixo da cinta, púxolle dúas argolas de ouro, para meter nelas os varais e podelo transportar. 28Os varais fíxoos de madeira de acacia e revestiunos de ouro. 29Despois preparou o óleo da unción santa e o incenso puro de aromas, coma o que fan os perfumistas.

Currently Selected:

Éxodo 37: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in