Éxodo 35
35
O sábado
1Moisés reuniu a asemblea, para dicir ós israelitas: —"Estas son as ordes do Señor: 2Seis días traballaredes, pero o sétimo será día santo, sábado de repouso, dedicado ó Señor. O que traballe nese día será reo de morte. 3No sábado non acenderedes lume en ningunha das vosas casas".
Doazóns para o santuario
4Moisés comunicoulle á asemblea dos israelitas: —"Estas son as ordes do Señor: 5Separade dos vosos bens unha ofrenda para o Señor. Cada un traerá xenerosamente en ofrenda para o Señor ouro, prata ou bronce; 6púrpura violácea, escarlata e carmesí, liño ou pelo de cabra; 7peles de carneiro curtidas, peles de teixugo ou madeira de acacia; 8Aceite para o candelabro, aromas para o óleo de unción e para o incenso; 9pedras de ónix ou pedras de engaste para o efod e para o peitoral.
As obras que hai que facer
10Cantos de entre vós teñan habilidade, que veñan para facer o que ordenou o Señor: 11o tabernáculo coa súa Tenda, e coa súa cuberta, os broches, as táboas, os varais, 12as columnas e os baseamentos; A arca cos seus varais, o propiciatorio e o veo que o tapa; 13A mesa cos seus varais e cos seus accesorios, e os pans presentados; 14o candelabro para alumar, cos seus trebellos, coas lámpadas e co aceite do alumado; 15o altar do incenso cos seus traveseiros, o óleo de unción, o incenso recendente, o veo da entrada do tabernáculo; 16o altar dos holocaustos, coa súa reixa de bronce, cos seus varais e con todos os seus trebellos, e a pía coa súa base; 17As cortinas do adro, coas súas columnas e os seus baseamentos, e o veo da entrada do adro; 18As estacas do tabernáculo e do adro, coas súas cordas; 19As vestiduras tecidas para o servizo do santuario e as vestiduras sacras de oficiar do sacerdote Aharón e as dos seus fillos".
As doazóns
20A comunidade dos israelitas retirouse de onda Moisés, 21e todos os que con espírito xeneroso así o decidiron trouxéronlle ó Señor a súa ofrenda para as obras da Tenda do Encontro, para o culto e para as súas sagradas vestiduras. 22Chegaban homes e mulleres, todos os que eran xenerosos, e traían broches, colares, aneis, torques e outros moitos obxectos de ouro; cada un facía a súa ofrenda de ouro ó Señor. 23Os que tiñan púrpura violácea, escarlata e carmesí, liño, pelo de cabra, peles curtidas de carneiro ou peles de teixugo, traían diso que tiñan. 24Os que preferían ofrecer prata ou bronce, facían diso a súa ofrenda ó Señor. Os que tiñan madeira de acacia, traían a madeira para as variadas obras do culto.
25As mulleres expertas na arte de fiar, viñan cos seus fiados de púrpura violácea, escarlata e carmesí, ou de liño fino. 26As que tiñan habilidade para isto e a vontade de facelo, traían pelos de cabra. 27Os xefes ofrecían pedras de ónix e pedras de engaste, para o efod e para o peitoral; 28e, por parte, os aromas, o aceite para alumar, o óleo da unción, o incenso recendente. 29Todo home e muller de espírito xeneroso para poñer a súa parte na obra que o Señor ordenara facer por medio de Moisés, traía a súa ofrenda ó Señor.
Os artífices das obras
30Moisés díxolles ós israelitas: —"Vedes que o Señor escolleu a Besalel, fillo de Urí, fillo de Hur, da tribo de Xudá, 31e que o encheu do espírito de Deus, de sabedoría, de intelixencia e de habilidade para toda sorte de labores: 32para concibir proxectos, para labrar o ouro, a prata e o bronce, 33para tallar pedras e engastalas, para tallar madeira e acabar calquera obra de arte. 34Deulle tamén capacidade para dirixir, a el e a Oholiab, fillo de Ahisamac, da tribo de Dan. 35Deus deulles moita habilidade para levaren a termo calquera sorte de traballo de arte, recamado de púrpura violácea, escarlata e carmesí, para proxectar e para realizar calquera obra".
Currently Selected:
Éxodo 35: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT