YouVersion Logo
Search Icon

Éxodo 34

34
Renovación da alianza
1O Señor díxolle a Moisés: —"Labra dúas táboas de pedra, o mesmo cás primeiras. Eu escribirei nelas as palabras que había nas que rompiches. 2Disponte para mañá. Sube cedo ó monte Sinaí e agárdame alí, no cume da montaña. 3Que ninguén suba contigo; que non se vexa unha persoa en todo o monte; que non pazan preto del nin ovellas nin vacas".
4Moisés labrou dúas táboas de pedra, o mesmo cás primeiras. Ergueuse cedo e rubiu ó monte Sinaí, conforme lle mandara o Señor, levando consigo as dúas táboas de pedra. 5O Señor baixou na nube e parou alí con el. Moisés pronunciou o nome do Señor.
6O Señor pasou diante del proclamando: —"O Señor, o Señor, Deus compasivo e benfeitor, tardo á ira, rico en amor e lealdade, 7que garda o seu amor ata a milésima xeración, que perdoa as culpas, os pecados e os erros, pero non declara inocente ó culpado, e castiga as culpas dos pais ata a terceira e a cuarta xeración".
8Moisés, ó tempo que se prostraba polo chan e adoraba, 9dixo: —"Se merezo, Señor, o teu favor, pídoche que veñas ti connosco. Este pobo ten cerviz dura, pero ti perdoarás as nosas culpas e pecados e farás de nós a túa herdade".
10O Señor respondeulle: —"Eu vou facer convosco unha alianza. A vista de todo o teu pobo farei marabillas que nunca se fixeron en ningún país nin nación. Todo o pobo que te rodea poderá ver os feitos do Señor, pois farei por medio de ti cousas marabillosas. 11Observa o que hoxe che mando. Eu botarei de diante de ti ós amorreos, ós cananeos, ós hititas, ós perizitas, ós hivitas e ós iebuseos. 12Gárdate de facer pactos cos moradores da terra na que entras, para que logo non teñas contigo unha trapela. 13Polo contrario, derrubarás os seus altares, crebarás as súas estelas, tronzarás as súas árbores sagradas.
O decálogo cúltico
14Non adorarás deuses alleos, porque o Señor, que leva nome de celoso, éo de verdade. 15Non concluirás pactos cos moradores do país, non sexa que, despois de se prostituíren cos seus deuses e de lles ofreceren culto, te conviden a comer dos seus sacrificios e ti aceptes. 16Non tomes de entre as súas fillas mulleres para os teus fillos, non sexa que ó prostituírense elas cos seus deuses, leven á prostitución tamén ós teus fillos. 17Non te fagas imaxes de deuses.
18Garda a festa dos Ácimos. Sete días comerás pan sen levedar, como che mandei, pola festa do mes de abib, pois no mes de abib saíches de Exipto. 19Todos os primoxénitos son meus; e meus son tamén os primoxénitos machos do teu gando, das ovellas e das vacas. 20As primeiras crías da asna poderalas rescatar por unha ovella; pero, se non as rescatas, deberalas esnocar. Rescatarás os teus fillos primoxénitos. E non viredes onda min coas mans baldeiras.
21Seis días traballarás e o sétimo descansarás. Descansarás o mesmo na sementeira coma na recolleita. 22Celebrarás a festa das Semanas, ó comezo da sega do trigo, e a festa da Colleita, á fin do ano.
23Tres veces no ano presentaranse todos os varóns diante do Señor, Deus de Israel. 24Cando eu bote as nacións de diante ti e anchee as túas fronteiras, ninguén cobizará a túa terra, namentres sobes visitar o Señor o teu Deus, as tres veces no ano.
25Non ofrecerás pan lévedo co sangue do sacrificio. Do sacrificio da festa da Pascua non deixarás quedar nada para o día seguinte. 26Levarás á casa do Señor o teu Deus os primeiros froitos da túa terra. Non cocerás o cabrito no leite de súa nai".
O mediador da alianza
27O Señor díxolle a Moisés: —"Pon por escrito estas palabras, pois conforme a elas fago contigo e con Israel esta alianza". 28Moisés estivo alí co Señor corenta días e corenta noites. Nelas non comeu pan nin bebeu auga. E escribiu nas táboas as palabras da alianza, os dez mandamentos.
29Cando Moisés baixou do monte Sinaí, traendo consigo as dúas táboas da alianza, non sabía que lle brillaba a pel da cara, por conversar co Señor. 30O veren que a pel da cara lle brillaba, Aharón e os israelitas tiñan medo de aproximarse a Moisés. 31Moisés chamou por eles e entón viñeron onda el Aharón e os xefes da comunidade. E Moisés conversou con eles. 32Despois acercáronse a el todos os israelitas, e Moisés deulles as ordes que recibira do Señor no monte Sinaí.
33Cando acabou de falarlles, tapou a cara cun veo. 34Sempre que Moisés entraba onda o Señor para falar con El, quitaba o veo, ata que volvía a saír. Cando saía, dáballes ós israelitas as ordes do Señor. 35Os israelitas podían ver como lle brillaba a pel da cara. Pero Moisés tapábaa co veo, ata que volvía outra vez a falar con Deus.

Currently Selected:

Éxodo 34: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in