Éxodo 33
33
O anxo de Deus co pobo
1O Señor díxolle a Moisés: —"Anda, ti e o pobo que trouxeches de Exipto e sube de aquí cara á terra, da que eu xurei a Abraham, a Isaac e a Xacob: Daréillela ós vosos descendentes. 2Eu mandarei diante o meu anxo, desbotarei da terra ós cananeos, ós amorreos, ós hititas, ós perizitas, ós hivitas e ós iebuseos, 3e vós entraredes nesa terra que zumega leite e mel. Eu non irei entre vós, cun pobo que ten a cerviz dura, non sexa que vos destrúa no camiño". 4Cando o pobo escoitou estas tan duras palabras, fixo loito, e ninguén puxo as súas galas.
5O Señor díxolle a Moisés: —"Dilles ós israelitas: Sodes un pobo de cerviz dura. Se por un momento subise entre vós, acabaría convosco. Agora tirade de enriba os atavíos que levades, e verei que fago convosco". 6Os israelitas desprendéronse das galas que levaban, desde o monte Horeb.
A Tenda do Encontro
7Moisés levantou a Tenda e plantouna lonxe, fóra do campamento; e chamouna Tenda do Encontro. O que quería visitar o Señor, saía do campamento e ía fóra del, á Tenda do Encontro.
8Cando Moisés saía cara á Tenda, a xente agardaba de pé, á entrada das súas tendas, ollando como Moisés entraba na Tenda do Encontro. 9Cando Moisés entraba na Tenda, baixaba a columna de nube e pousábase na entrada, mentres Deus se comunicaba a Moisés. 10O pobo todo podía ver a columna de nube pousarse na entrada da Tenda, e todos se erguían e se prostraban, cada un á porta da súa tenda. 11O Señor falaba con Moisés cara a cara, coma un home co seu amigo. Despois Moisés volvía para o campamento; pero o seu servidor Xosué, fillo de Nun, non se ía da Tenda.
Moisés pide a Deus que os acompañe
12Moisés díxolle ó Señor: —"Ti mándasme conducir este pobo, pero non me indicaches aínda a quen mandas comigo, por máis que me teñas dito: Coñézote polo nome e concédoche o meu favor. 13Agora, pois, se merezo o teu favor, ensíname o teu camiño, para que eu te coñeza e faga por merecer o teu favor. Mira por esta xente que é o teu pobo".
14O Señor respondeulle: —"Irei eu mesmo contigo e dareiche o repouso".
15Moisés insistiu: —"Se non vés ti mesmo connosco, non nos fagas rubir de aquí, 16pois como poderiamos saber, eu e mais este teu pobo, que contamos co teu favor, se non no feito de que veñas ti connosco? Entón avantaxariamos, eu e mais este teu pobo, a todos os pobos que hai sobre a terra".
17O Señor respondeulle a Moisés:
—"Concedereiche isto tamén, pois contas co meu favor e coñézote polo nome".
18Entón Moisés pediu: —"Móstrame a túa gloria".
19O Señor respondeulle: —"Farei pasar diante de ti todo o meu ben e pronunciarei diante de ti o nome do Señor, pois fago favores a quen quero e mostro misericordia con quen quero". 20E engadiu: —"Pero non poderás ver a miña cara, porque non pode verme un home e despois seguir vivindo".
21E dixo aínda o Señor: —"Aí tes un lugar cerca de min. Ponte de pé naquel penedo. 22Cando a miña gloria pase, metereite nunha greta e tapareite coa man, ata que eu teña pasado. 23Cando retire a miña man, poderás verme polas costas, pero non poderás ver a miña cara".
Currently Selected:
Éxodo 33: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT