YouVersion Logo
Search Icon

Éxodo 30

30
O altar do incenso
1Farás un altar de madeira de acacia, para queimar nel o incenso. 2Faralo cadrado, dun cóbado de longo, un de ancho e dous de alto, con cornos saíntes nos ángulos. 3Revestiralo de ouro puro, por enriba, polos lados e nos cornos; poraslle unha cinta de ouro ó redor. 4Debaixo da cinta, nos dous flancos, poraslle dúas argolas de ouro, para meter os dous varais con que podelo transportar. 5Os varais serán de madeira de acacia, revestidos de ouro. 6Colocarás o altar diante do veo que tapa a arca da alianza, diante do propiciatorio que cobre o testemuño, onde eu virei ó teu encontro. 7Aharón queimará nel incenso recendente, ó tempo de axeitar cada mañá as lámpadas, 8e cando as acenda pola tarde. Será incenso perpetuo diante do Señor, polas xeracións. 9Non ofreceredes nel incenso prohibido, nin holocaustos, nin ofrendas, nin verteredes libacións. 10Aharón fará por el a expiación, unxindo unha vez no ano os seus cornos co sangue do sacrificio polo pecado; así polas xeracións. O altar está consagrado ó Señor".
Prezo do rescate
11O Señor díxolle a Moisés: 12—"Cando contes os israelitas para facer o seu censo, cada persoa pagará ó Señor un rescate pola súa vida; así non sufrirán praga ningunha, ó seren rexistrados. 13Cada persoa rexistrada pagará medio siclo, segundo o peso do siclo do santuario que é de vinte óbolos; medio siclo será o voso tributo para o Señor. 14Cada persoa rexistrada, de vinte anos para arriba, pagará este tributo ó Señor. 15Nin o rico dará máis nin o pobre dará menos da metade dun siclo, como tributo ó Señor polo rescate das súas vidas. 16Recollerás o diñeiro do rescate dos israelitas e dedicaralo ó servizo da Tenda do Encontro. Servirá para memorial diante do Señor de que os israelitas rescataron as súas vidas".
A pía de bronce
17O Señor díxolle a Moisés: 18—"Farás unha pía de bronce, coa base tamén de bronce, para as ablucións. Porala entre a Tenda do Encontro e o altar e botarás auga nela. 19Aharón e seus fillos lavarán nela as mans e mais os pés. 20Cando entren na Tenda do Encontro, lavaranse con auga, e así non morrerán. E o mesmo cando se acerquen ó altar para oficiar ou para queimar unha ofrenda ó Señor. 21Lavarán as mans e os pés, e así non morrerán. Esta é lei perpetua para eles e para os seus descendentes, polas xeracións".
O óleo da unción
22O Señor díxolle a Moisés: 23—"Procúrate aromas da mellor calidade: cincocentos siclos de mirra virxe, douscentos cincuenta de cinamomo recendente e douscentos cincuenta de canela, 24cincocentos siclos de casia, en peso do santuario, e sete litros de aceite de oliveira. 25Con todo iso farás o óleo da unción santa, un perfume recendente, coma o que fan os perfumistas. Será o óleo da unción santa. 26Con el unxirás a Tenda do Encontro e a arca da alianza, 27A mesa cos seus recipientes, o candelabro cos seus trebellos, o altar do incenso, 28o altar dos holocaustos con todos os seus utensilios, e a pía coa súa base. 29Consagrarás estas cousas todas, para que sexan santísimas: calquera que as toque quedará tamén santificado. 30Unxirás a Aharón e a seus fillos, para que me queden consagrados na función de sacerdotes.
31Diraslles ós israelitas: Este será o meu óleo santo da unción polas xeracións. 32Non poderedes unxir con el ningunha outra persoa. Nin faredes un preparado coma este. Foi consagrado, e será santo para vós. 33Calquera que prepare outro óleo coma este e unxa con el un profano, será excluído do pobo".
O incenso
34O Señor díxolle a Moisés: —"Procúrate estes aromas: ámbar, uña recendente, gálbano e incenso puro, todo nas mesmas cantidades. 35Con todo iso prepara o incenso, conforme á arte dos perfumistas, mesturado con sal, puro e santo. 36Despois moerás un pouco, ata convertelo en po, e porás unha parte del diante da arca, na Tenda do Encontro, na que eu virei onda ti. Terédelo por cousa santa. 37Para os vosos usos non faredes incenso composto conforme a esa receita. Ese terédelo por cousa consagrada ó Señor. 38O que faga para o seu uso un aroma coma ese, será excluído do pobo".

Currently Selected:

Éxodo 30: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in