YouVersion Logo
Search Icon

Éxodo 29

29
Consagración dos sacerdotes
1Este é o rito da consagración dos sacerdotes. Colle do gando un xovenco e dous carneiros sen defecto. 2Colle tamén pan ácimo, bicas ácimas amasadas con aceite, filloas tamén ácimas untadas con aceite, todo feito de flor de trigo. 3Porás todo nunha cesta e ofrecerasmo nela, co xovenco e cos dous carneiros.
4Mandarás a Aharón e a seus fillos acercarse á porta da Tenda do Encontro e bañarse con auga. 5Despois collerás as roupas e vestiraslle a Aharón o manto, o manto do efod, o efod e o peitoral, e cinguiralo co cíngulo do efod. 6Poraslle na cabeza a tiara, e por riba a sagrada diadema. 7Despois collerás o óleo da unción, verterasllo na cabeza, e quedará unxido. 8Logo farás que se acerquen os seus fillos, vestiraslles as túnicas, 9cinguiráslles o cíngulo. O mesmo a Aharón coma a eles poralles as súas mitras. O sacerdocio será a súa propiedade para sempre. Así é como investirás a Aharón e a seus fillos.
Ofrenda
10Farás traer o xovenco diante da Tenda do Encontro, e Aharón e os seus fillos poranlle as mans na cabeza. 11Logo degolaralo diante do Señor, á entrada da Tenda do Encontro. 12Collerás un pouco do seu sangue e mollarás cos dedos os cornos do altar. O resto do sangue verteralo ó pé do altar. 13Sacaraslle o sebo que envolve as entrañas, o que cobre o fígado, os dous riles co sebo que os envolve, e queimaralo todo no altar. 14A carne do xovenco, a súa pel e as súas tripas, queimaralas no lume, fóra do campamento, coma sacrificio polo pecado.
15Despois collerás un dos carneiros, e Aharón e os seus fillos imporán as mans na súa cabeza. 16De seguido, degolaralo, tomarás o seu sangue e asperxerás con el o altar ó redor. 17Porás o carneiro en anacos, lavarás as súas entrañas e as súas patas, poralas cos anacos de carne e coa cabeza 18e queimarás o carneiro todo encima do altar. É un holocausto para o Señor, un sacrificio recendente que lle prace.
19Collerás despois o outro carneiro, e Aharón e os seus fillos imporanlle as mans na cabeza. 20Degolarás o carneiro, collerás do seu sangue e mollarás con el o lóbulo da orella dereita de Aharón e os das orellas dos seus fillos, e tamén os polgares das súas mans e as dedas dos seus pés dereitos, e despois verterás o sangue ó redor do altar.
21Tomarás do sangue que hai enriba do altar e do óleo da unción, e asperxerás a Aharón e os seus vestidos, e ós fillos de Aharón e os seus vestidos. Dese xeito, tanto eles coma os seus vestidos quedarán consagrados. 22Do carneiro collerás logo o sebo, o rabo, o sebo que cobre as entrañas, o lóbulo do fígado, os dous riles co sebo que os envolve e a perna dereita, porque este é o carneiro da investidura.
23Da cesta dos ácimos presentados ó Señor collerás unha bola, unha bica amasada con aceite e unha filloa. 24Porás todo nas mans de Aharón e dos seus fillos e abalaralos ritualmente diante do Señor. 25Collerás todo outra vez das súas mans e queimaralo no altar coma holocausto, coma recendo que prace ó Señor. É un sacrificio no seu honor.
26Despois collerás o peito do carneiro da investidura de Aharón e abalaralo ritualmente diante do Señor. Esa será a túa ración. 27Do carneiro da investidura de Aharón e dos seus fillos consagrarás o peito que foi abalado e mais a perna ofrecida. 28Esta será, por lei perpetua, a ración de Aharón e dos seus fillos, de parte dos israelitas. É a ofrenda que os israelitas ofreceron ó Señor en sacrificio de comuñón.
29As vestimentas sacras de Aharón herdaranas seus fillos, para cando eles sexan unxidos e reciban a investidura. 30O fillo que lle suceda no sacerdocio vestiraas sete días, cando entre na Tenda do Encontro para servir no santuario.
Banquete sagrado
31Collerás o carneiro da investidura, cocerás a súa carne no lugar santo, 32e Aharón e os seus fillos comerano, co pan que hai na cesta, á entrada da Tenda do Encontro. 33Comerán a parte coa que se fixo a expiación na súa investidura e na súa consagración. Non comerá dela un alleo, porque é ración sagrada. 34Se da carne da investidura ou do pan quedase algo para o día seguinte, queimarase no lume. Ninguén comerá ese sobrante, porque é cousa santa.
Expiación polo altar
35Isto é o que farás con Aharón e con seus fillos, conforme che teño mandado. A investidura require sete días. 36Cada día ofrecerás en sacrificio un xovenco para expiación polo pecado. Ofreceralo encima do altar para expiar por el, e despois unxiralo para a súa consagración. 37Durante sete días expiarás polo altar e despois consagraralo. O altar será santísimo; calquera cousa que o toque quedará consagrada.
O sacrificio perpetuo
38Isto é o que ofrecerás sobre o altar todos os días: dous cordeiros dun ano, 39un á mañá e outro á tarde. 40Co primeiro ofrecerás un décimo de flor de fariña, amasada coa cuarta parte dun hin de aceite de oliva, e unha libación de viño. 41Co segundo cordeiro, o da tarde, farás, coma á mañá, unha ofrenda e unha libación: ofrenda recendente que prace ó Señor. 42Este será o holocausto perpetuo ó Señor, polas xeracións, á entrada da Tenda do Encontro, onde me encontrarei convosco e onde vos falarei. 43Alí virei eu ó encontro de Israel, e o lugar quedará consagrado pola miña presenza gloriosa. 44Consagrarei a Tenda do Encontro e mais o altar, consagrarei a Aharón e a seus fillos coma os meus sacerdotes. 45Habitarei no medio de Israel e serei o seu Deus. 46E eles recoñecerán que eu son o Señor, o seu Deus, que os saquei de Exipto e que habito no medio deles. Eu o Señor, o seu Deus.

Currently Selected:

Éxodo 29: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in