YouVersion Logo
Search Icon

Éxodo 28

28
As roupas dos sacerdotes
1Manda vir onda ti a teu irmán Aharón e a seus fillos Nadab, Abihú, Elazar e Itamar. De entre todos os israelitas serán eles os meus sacerdotes. 2A teu irmán Aharón faraslle vestimentas sacras, que lle dean honor e maxestade. 3Ordena a artesáns destros, dotados de espírito de sabedoría, que preparen as roupas coas que Aharón será consagrado sacerdote. 4Deberanlle facer estes ornamentos: o peitoral, o efod, o manto, a túnica bordada, a mitra e a faixa. Para faceren os vestidos sacros para o sacerdocio do teu irmán Aharón e dos seus fillos 5serviranse de ouro, de púrpura violácea, escarlata e carmesí, e de liño fino.
O efod
6O efod faralo de ouro, de púrpura violácea, escarlata e carmesí, e de liño fino torcido e bordado. 7Levará dúas ombreiras, unha por cada lado, que servirán para atalo. 8Terá para cinguilo un cíngulo, que será da súa mesma feitura: de ouro, de púrpura violácea, escarlata e carmesí, e de liño fino torcido. 9Collerás dúas pedras de ónix e gravarás nelas os nomes das tribos de Israel, 10seis nomes nunha pedra e seis na outra, por orde de nacemento. 11Farás gravar os nomes das tribos de Israel nas dúas pedras, engastadas en ouro, como fan os ourives gravadores de selos. 12Despois porás as dúas pedras nas ombreiras do efod, para lembranza das tribos de Israel. Aharón levará sobre os ombreiros os nomes dos israelitas, para lembranza diante do Señor. 13Faraslles engastes de ouro 14e dúas cadeíñas de ouro puro, trenzadas coma un cordón, e poralas trenzadas nos engastes.
O peitoral
15Farás o peitoral das sortes, traballado con arte, da mesma feitura do efod, de ouro, de púrpura violácea, escarlata e carmesí, e de liño fino torcido. 16Será cadrado, dobre, un palmo de longo e un de ancho. 17Levará engastadas catro ringleiras de pedras. Na primeira unha sardónica, un topacio e unha esmeralda; 18na segunda un rubí, un zafiro e un xaspe; 19na terceira un ópalo, unha ágata e unha ametista; 20e na cuarta un crisólito, un ónix e un berilo. Estarán todas nas súas ringleiras, engastadas en ouro. 21As pedras corresponden ós nomes das tribos de Israel, doce pedras por doce nomes. Cada unha levará gravado un nome, coma un selo; e así as doce tribos cos seus nomes.
22Farás para o peitoral cadeíñas de ouro puro, trenzadas coma un cordón, 23e dous aneis de ouro, que lle porás ó peitoral nos seus dous cabos. 24Pasarás as dúas cadeíñas de ouro polos aneis dos dous cabos do peitoral, 25e as puntas das cadeíñas fixaralas nos engastes, collidos no lado dianteiro das ombreiras do efod. 26Farás outros dous aneis de ouro e poralos nos dous cabos da parte baixa do peitoral, polo lado de dentro, de cara ó efod. 27E dous aneis máis que farás aínda, fixaralos nas dúas ombreiras do efod, na súa parte baixa dianteira, onda a xuntura, por enriba do cíngulo do efod. 28Os aneis do peitoral ligaranse cos do efod cun cordón de púrpura violácea, de xeito que o peitoral quede por riba do cíngulo do efod e non se solte del.
29Dese xeito Aharón levará os nomes das tribos de Israel no peitoral das sortes, sempre que entre no santuario, para lembranza perpetua diante do Señor. 30No peitoral das sortes porás os urim e os tummim, e así irán sobre o corazón de Aharón, sempre que este entre onda o Señor, Aharón levará sempre sobre o corazón, na presenza do Señor, as sortes de Israel.
O manto
31Farás tamén tecer o manto do efod, todo de púrpura violácea. 32No medio, por enriba, levará unha abertura, cunha orla de reforzo ó arredor, coma unha cota, para que non esgace. 33No borde baixo, ó arredor, poraslle granadas de púrpura violácea, escarlata e carmesí, e, mesturadas con elas, campaíñas de ouro. 34As granadas e as campaíñas alternaranse por todo o arredor. 35Aharón vestirá este manto cando faga o servizo, de xeito que se sinta o tintín cando entre no santuario, na presenza de Deus, e tamén cando saia. Así non morrerá.
A diadema
36Farás unha flor de ouro puro e gravarás nela, como se grava un selo: Consagrado ó Señor. 37Cun cordón de púrpura violácea suxeitarás a flor na cara dianteira da tiara. 38Porala na testa de Aharón, que cargará coas culpas dos israelitas, cando estes ofrezan as súas ofrendas sacras. Aharón levará a flor sempre na fronte, para reconcilialos co Señor.
Outros vestidos
39O manto do efod faralo de liño; e o mesmo a tiara e mais o cíngulo; será todo bordado. 40Os fillos de Aharón faraslles tamén túnicas, cíngulos e tiaras, que lles dean honor e maxestade. 41Así é como vestirás a teu irmán Aharón e a seus fillos. Unxiralos e consagraralos, para que me sirvan como sacerdotes. 42Faraslles calzóns de liño, que lles cubran cadrís e coxas, que lles tapen as partes. 43Aharón e os seus fillos levaranos cando entren na Tenda do Encontro e cando se acerquen ó altar para o servizo do santuario, para que non cometan falta, e morran. Esta será lei perpetua para Aharón e para seus fillos.

Currently Selected:

Éxodo 28: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in