Éxodo 27
27
O altar dos holocaustos
1Farás o altar de madeira de acacia, cadrado, de cinco cóbados de longo, cinco de ancho e tres de alto. 2Nos catro ángulos faraslle saíntes coma cornos, que revestirás de bronce. 3Para o altar farás, sempre de bronce, caldeiros para a cinsa, paletas, aspersorios, tenaces e braseiros. 4Dotarás o altar dun enreixado, feito de bronce e en forma de rede. Nos catro cantos levará catro argolas de bronce. 5Porás o enreixado debaixo do reborde saínte do altar, desde a media altura ata o chan. 6Farás aínda para o altar varais de madeira de acacia, recubertos de bronce; 7meterasllos polas argolas dos costados, para podelo transportar. 8O altar faralo oco e de táboas, conforme o modelo que che mostrei na montaña.
O adro
9Co tabernáculo farás tamén o adro. Polo lado sur poraslle cortinas de liño fino torcido, cunha lonxitude de cen cóbados por lado. 10As súas vinte columnas estarán asentadas en vinte baseamentos de bronce. Os ganchos e as argolas das columnas serán feitos de prata. 11Do mesmo xeito, polo norte, o adro levará unha cortina de cen cóbados de longa, vinte columnas asentadas en vinte baseamentos de bronce, con alcaiatas e argolas de prata. 12O ancho, polo ocaso, o adro levará unha cortina de cincuenta cóbados de longa, e dez columnas con outros tantos baseamentos. 13O ancho, polo nacente, a cortina terá tamén cincuenta cóbados. 14A un lado da porta irán quince cóbados de cortina, con tres columnas e os seus baseamentos. 15Do lado oposto, a mesma cousa. 16Para a porta do adro farás unha cortina de vinte cóbados, de púrpura violácea, escarlata e carmesí, de liño fino torcido e bordada; levará catro columnas cos seus baseamentos. 17Todas as columnas ó redor do adro levarán aneis de prata, con ganchos de prata e con baseamentos de bronce. 18O adro terá cen cóbados de longo, cincuenta de ancho e cinco de alto. Será de liño fino torcido, cos baseamentos de bronce. 19Todos os utensilios para calquera dos servizos do tabernáculo, as súas estacas e as do adro, serán todos de bronce.
O aceite da lámpada
20Ordénalles ós israelitas que che traian aceite puro de oliva, para manter a lámpada acesa. 21Aharón e os seus fillos colocarana na Tenda do Encontro, por fóra do veo que tapa o testemuño, para que brille diante do Señor, desde a noite á mañá. Esta é lei perpetua para todas as xeracións de Israel.
Currently Selected:
Éxodo 27: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT