YouVersion Logo
Search Icon

Éxodo 26

26
O tabernáculo
1O tabernáculo faralo con dez lenzos de liño fino torcido, de púrpura violácea, escarlata e carmesí, con querubíns bordados. 2Cada lenzo terá vinte e oito cóbados de longo por catro de ancho. O mesmo medirán todos os lenzos. 3Os lenzos empalmarán uns cos outros, en dúas series de cinco cada unha. 4Farás unhas presillas de púrpura violácea, na beira do lenzo extremo de cada unha das dúas series. 5Cincuenta presillas irán na beira dunha serie e cincuenta na da outra, postas de xeito que caian enfronte unhas das outras. 6Farás tamén cincuenta broches de ouro e axuntarás os lenzos con eles, de xeito que o tabernáculo figure un conxunto. 7Tecerás despois once lenzos de pelo de cabra, para que lle fagan de Tenda ó tabernáculo. 8A lonxitude do lenzo será de trinta cóbados e o ancho de catro. Esta será a medida para todos os lenzos. 9Empalmarás cinco lenzos nunha serie e seis noutra, de xeito que o sexto lenzo caia fronte á porta. 10Porás cincuenta presillas nas beiras de cada unha das dúas series de lenzos empalmados. 11Fundirás cincuenta broches de bronce, meteralos nas presillas, e así quedará composta a Tenda nunha peza. 12En canto ó que sobrar dos lenzos da Tenda, a metade dun deles colgará por detrás do tabernáculo, 13e o cóbado sobrante polos lados colgará polos dous lados do tabernáculo e taparao.
14Farás aínda para o tabernáculo unha cuberta de peles curtidas de carneiro, e por enriba dela outra cuberta de peles de teixugo.
15As táboas do tabernáculo faralas de madeira de acacia. 16A longura dunha táboa será de dez cóbados e o ancho de un e medio. 17Cada táboa rematará en dous cantís, para ensamblar unhas nas outras. E o mesmo todas as táboas. 18Unha vez feitas as táboas para o tabernáculo, porás vinte do lado que mira cara ó sur. 19Farás corenta baseamentos de prata e poralas, dúas a dúas, debaixo das vinte táboas, unha por cada cantil. 20Polo outro lado do tabernáculo, ó norte, porás outras vinte táboas, 21cos correspondentes corenta baseamentos de prata, dúas debaixo de cada táboa. 22Polo lado posterior do tabernáculo, ó ocaso, colocarás seis táboas, 23con dúas máis para os dous cantos. 24Estas encaixarán de abaixo para arriba; as dúas táboas farán os dous cantos. 25Serán, pois, oito táboas, con dezaseis baseamentos de prata, dúas por cada táboa. 26Farás tamén traveseiros de madeira de acacia, cinco para cruzar as táboas dun lado do tabernáculo, 27cinco para as do outro e cinco para as do ocaso. 28O traveseiro que pasará polo medio das táboas irá dun cabo ó outro. 29Recubrirás de ouro as táboas e os traveseiros, e de ouro serán tamén as argolas, polas que pasarán os traveseiros. 30Construirás o tabernáculo conforme o modelo que eu che mostrei na montaña.
O veo e a cortina
31Farás un veo de púrpura violácea, escarlata e carmesí, de liño fino torcido, con querubíns bordados. 32Penduraralo de catro columnas de madeira de acacia, recubertas de ouro, con ganchos de ouro e catro baseamentos de prata. 33Pendurarás o veo de cravos. Dentro porás a arca da alianza. O veo separará o lugar santo do santísimo. 34Porás o propiciatorio encima da arca da alianza, no santísimo. 35Por fóra do veo, do lado norte, colocarás a mesa; e enfronte da mesa, do lado sur do santuario, o candelabro. 36Para a entrada da tenda farás unha cortina, de púrpura violácea, escarlata e carmesí, de liño fino torcido e bordada. 37Para a cortina farás cinco columnas de madeira de acacia, recubertas de ouro, con cinco ganchos de ouro; para as columnas fundirás cinco baseamentos de bronce.

Currently Selected:

Éxodo 26: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in