YouVersion Logo
Search Icon

Éxodo 25

25
Construción do santuario
1O Señor faloulle a Moisés: 2—"Di
lles ós israelitas que me presenten unha ofrenda. Aceptarédela de todos aqueles que de corazón ma queiran ofrecer. 3As cousas que podedes aceptar como ofrenda serán: ouro, prata e bronce, 4púrpura violácea, escarlata e carmesí, liño e pelo de cabra, 5peles de carneiro curtidas, peles de teixugo e madeira de acacia, 6Aceite para as lámpadas, aromas para o óleo de unción e para o incenso, 7pedras de ónix e pedras de engaste para o efod e para o peitoral. 8Que me fagan un santuario, onde eu habite no medio deles. 9Faredes o tabernáculo e os utensilios para o culto conforme o modelo que eu che indicarei.
A arca
10Construirás unha arca de madeira de acacia de dous cóbados e medio de longa, un e medio de ancha e un e medio de alta. 11Revestirala de ouro puro por dentro e por fóra; por enriba, ó arredor, poraslle unha cinta tamén de ouro. 12De ouro fundido farás catro argolas e porasllas nos catro cantos, dúas para un flanco e dúas para o outro. 13Despois farás varais de madeira de acacia, revestiralos de ouro 14e meteralos polas argolas dos dous lados da arca, para podela transportar. 15Os varais quedarán metidos nas argolas e non se sacarán delas. 16Na arca meterás o testemuño que eu che darei.
17Farás o propiciatorio de ouro puro, de dous cóbados e medio de longo e un e medio de ancho. 18Despois cicelarás dous querubíns de ouro para os seus dous extremos. 19Porás un querubín en cada extremo, formando un corpo co propiciatorio. 20Os querubíns despregarán as ás cara arriba, cubrindo o propiciatorio; mirarán cara ó centro deste, un enfronte do outro. 21Porás o propiciatorio encima da arca, e nesta depositarás o testemuño que eu che darei. 22Desde enriba do propiciatorio, entre os dous querubíns que están encima da arca do testemuño, virei ó teu encontro e direiche todo o que teña que mandarche para os israelitas.
A mesa dos pans sagrados
23Farás unha mesa de madeira de acacia, de dous cóbados de longa, un de ancha e un e medio de alta. 24Revestirala de ouro puro e poraslle ó redor unha cinta de ouro. 25O redor faraslle un reborde dun palmo, no que porás tamén unha cinta de ouro. 26Farás catro argolas de ouro e poralas nos catro cantos da mesa, unha por cada pé. 27As argolas estarán agarradas no reborde. Por elas meteranse os varais para transportar a mesa. 28Os varais faralos de madeira de acacia, revestidos de ouro. Con eles poderase erguer a mesa. 29Farás tamén pratos, cuncas, xerras e vasos para as libacións, todo de ouro puro. 30Encima da mesa porás os pans presentados, que estarán sempre diante de min.
O candelabro
31Farás un candelabro de ouro puro, traballado a martelo, coa súa base e co seu fuste. Formarán unha peza con el as súas copas, os seus cálices e as súas corolas. 32Dos seus lados sairán seis brazos, tres dun lado e tres do outro. 33Cada brazo terá tres copas, coma a flor da améndoa, co seu cáliz e a súa corola. Serán o mesmo os seis brazos que sairán do candelabro. 34O candelabro terá no fuste catro copas, coma as flores da améndoa, cada unha co seu cáliz e coa súa corola. 35Debaixo de cada parella de brazos que saen do candelabro, levará un cáliz. Así será cos seis brazos. 36Os cálices e mais os brazos serán dunha mesma peza, cicelados en ouro puro. 37Despois farás sete lámpadas e poralas no candelabro, para que alumen cara adiante. 38As pinzas para avivecelas e os seus cinseiros serán de ouro puro. 39Cun talento de ouro puro farás o candelabro e todos os seus trebellos. 40Coida de facelo todo conforme o modelo que che mostrei na montaña.

Currently Selected:

Éxodo 25: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in