YouVersion Logo
Search Icon

Éxodo 24

24
Conclusión e rito da alianza
1O Señor díxolle a Moisés: —"Subide onda min, ti, Aharón, Nadab, Abihú e setenta anciáns de Israel, e prostrádevos desde lonxe. 2Soamente Moisés se aproximará ó Señor, pero non os outros. E o pobo que non suba".
3Moisés veu e expúxolle ó pobo as palabras do Señor e as súas decisións, e o pobo a unha respondeu: —"Faremos todo o que dixo o Señor". 4Moisés puxo por escrito todas as palabras do Señor.
O día seguinte Moisés ergueuse cedo, construíu un altar na aba da montaña e chantou doce estelas, polas doce tribos de Israel. 5Despois mandou a algúns mozos israelitas que ofrecesen holocaustos e sacrificios de comuñón ó Señor. 6Moisés colleu a metade do sangue e botouna en recipientes, e a outra metade asperxeuna no altar. 7Despois colleu o libro da alianza e leullo en voz alta ó pobo. Este respondeu: —"Faremos todo o que dixo o Señor, e obedeceremos". 8Entón colleu Moisés o sangue e asperxeu ó pobo con el, dicindo: —"Este é o sangue da alianza que o Señor fai convosco, conforme as palabras lidas".
9Moisés, Aharón, Nadab, Abihú e setenta anciáns de Israel subiron á montaña 10e viron ó Deus de Israel. Debaixo dos seus pés había coma un pavimento de zafiro, limpo coma o mesmo ceo. 11Deus non alongou a man contra os escolleitos de Israel, que puideron ver a Deus. Despois comeron e beberon.
12O Señor díxolle a Moisés: —"Sube á montaña e queda onda min. Dareiche as táboas de pedra coa lei e cos mandamentos que escribín, para que llos ensines ó pobo".
13Moisés foi, co seu axudante Xosué, e subiu ó monte de Deus. 14Os xefes do pobo deixáralles encomendado: —"Agardade aquí, ata que volvamos onda vós. Aharón e Hur quedan convosco. Se alguén tiver un preito, que llelo expoña a eles".
15Moisés subiu á montaña, que estaba cuberta pola nube. 16A gloria do Señor fixera morada sobre o monte Sinaí. A nube tapou o monte por seis días. O sétimo día chamou o Señor a Moisés desde o medio da nube. 17Os israelitas a gloria do Señor aparecíalles coma un lume coruscante no cume da montaña. 18Moisés entrou na nube, subiu á montaña e quedou alí corenta días coas súas noites.

Currently Selected:

Éxodo 24: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in