YouVersion Logo
Search Icon

Éxodo 21

21
Os servos
1Ensínalles tamén estas decisións:
2Se mercas un servo hebreo, servirate por seis anos; pero no sétimo quedará libre, sen rescate. 3Se entrou solteiro, solteiro sairá; se estaba casado, a muller sairá con el. 4Se o amo lle deu muller e esta lle deu a luz fillos e fillas, a muller e mais os seus nenos serán para o amo, e el sairá só. 5Se o servo di: Quérolle ó meu amo, á miña muller e ós meus fillos e non quero saír libre, 6entón o amo levarao á presenza de Deus, porao contra a porta ou contra os linteis, furaralle a orella cunha subela, e el quedará coma servo seu para sempre.
7Se alguén vende a súa filla por escrava, esta non sairá libre como saen os escravos. 8Cando non lle guste ó amo que a destinara para si, este tena que deixar rescatar. Non a poderá vender a estranxeiros, cometendo traizón con ela. 9Se o amo a tiña destinada para o seu fillo, trataraa coma filla. 10Se el toma para si outra muller, non lle negará á serva a mantenza, o vestido e os dereitos maritais. 11Se non lle dese estas tres cousas, ela sairía libre sen rescate.
Leis sobre crimes e feridas
12O que fira de morte a un home, será reo de morte. 13Para o que non estaba ó axexo, senón que Deus llo puxo nas mans, sinalareiche un sitio, onde poida atopar asilo. 14Pero se alguén se ergue aleivosamente contra o próximo e o mata a traizón, sacarédelo mesmo de onda o altar para que morra.
15O que fire a seu pai ou súa nai é reo de morte. 16O que rapte un home, o mesmo se logo o vende coma se o retén no seu poder, é reo de morte. 17O que maldiga a seu pai ou a súa nai é reo de morte.
18Se estala unha rifa e un home fire a outro cun croio ou co puño e o ferido non morre, pero ten que gardar cama, 19no caso de que poida erguerse e andar por fóra cun caxato, o que o feriu será absolto, pero terá que pagarlle o tempo que bote na cama e as medicinas.
20Se un home malla a paus ó seu servo ou á súa serva, de xeito que chegue a matalo, será reo de crime. 21Pero se o servo dura con vida un día ou dous, o amo non será suxeito de vinganza, pois era a súa propiedade.
22Se nunha pelexa entre homes algún bate a unha muller embarazada e lle provoca un malparto, pero sen que aconteza outra desgraza, o culpado pagará a cantidade que sinale o home da muller e que estimen os xuíces. 23Se chega a resultar un dano grave, a compensación será vida por vida, 24ollo por ollo, dente por dente, man por man, pé por pé, 25queimadura por queimadura, ferida por ferida, mancadela por mancadela.
26Se alguén fire nun ollo ó seu servo ou á súa serva e os deixa tortos, deberá darlles a liberdade polo ollo. 27Se lles rompe un dente, deberá darlles a liberdade polo dente.
28Se un boi cornea a un home ou a unha muller, causándolles a morte, o boi será acantazado, e ninguén comerá a súa carne; o dono será declarado inocente. 29Pero se o boi era turrón xa de atrás e, advertido o seu dono, este non o gardou, o boi morrerá acantazado e o seu dono será reo de morte. 30Se lle impoñen un rescate pola vida, terá que pagar a cantidade que lle impoñan. 31Se o boi cornea un rapaz ou unha rapaza, seguirase a mesma regra. 32Se o boi turra contra un servo ou unha serva, o dono terá que pagar ó dono destes trinta siclos de prata, e o boi morrerá acantazado.
33Cando alguén cave un pozo ou abra unha foxa, se non a tapa e cae nel un boi ou un asno, 34o dono do pozo terá que pagar o que lle valía o animal ó seu dono, pero aquel quedarase co animal morto. 35Se o boi de alguén manca o boi doutro e o mata, venderán o boi vivo e repartirán os cartos, e o boi morto irá tamén a medias. 36Pero se era sabido de atrás que o boi era escornón, e o seu dono non o gardou, terá que pagar un boi por outro e o boi morto será seu.
Roubo e outros danos
37Se alguén rouba un boi ou unha ovella e os mata ou os vende, pagará cinco bois por un e catro ovellas por unha.

Currently Selected:

Éxodo 21: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in