Éxodo 20
20
Os dez mandamentos
1O Señor pronunciou estas palabras:
2—"Eu son o Señor, o teu Deus, que te saquei da terra de Exipto, da condición de escravitude.
3Non terás xunto comigo outros deuses.
4Non farás para ti imaxes nin figura ningunha do que hai enriba no ceo, nin abaixo na terra, nin nas augas de debaixo da terra. 5Non te prostrarás diante delas nin as adorarás, pois eu, o Señor teu Deus, son un Deus celoso. No caso dos que me aborrecen, eu castigo os pecados dos pais nos fillos, nos netos e nos bisnetos. 6Pero no caso dos que me aman e gardan os meus preceptos, eu mostro misericordia por todas as xeracións.
7Non pronunciarás en van o nome do Señor o teu Deus, pois o Señor non deixa sen castigo ó que pronuncia en van o seu nome.
8Pensa no día do sábado, para o faceres día santo. 9Traballarás seis días na semana, e neles farar a túa tarefa. 10Pero o día sétimo é sábado, dedicado ó Señor o teu Deus. Nel non farás traballo ningún, nin ti, nin o teu fillo, nin a túa filla, nin o teu servo, nin a túa serva, nin o teu gando, nin o forasteiro que habite nas túas cidades. 11Porque o Señor fixo en seis días o ceo, a terra, o mar e todo o que hai neles, e no sétimo día descansou. Por iso mesmo bendiciu o Señor o día do sábado e declarouno día santo.
12Honra a teu pai e a túa nai, para que a túa vida sexa longa na terra que o Señor teu Deus che dá.
13Non matarás.
14Non cometerás adulterio.
15Non roubarás.
16Non darás un testemuño falso contra o teu próximo.
17Non cobizarás a casa do teu próximo: nin a súa muller, nin o seu escravo, nin a súa escrava, nin o seu boi, nin o seu asno, nin nada de canto é seu".
18O pobo enteiro percibía os tronos, os lóstregos, o soar da trompeta e o fumegar do monte. A vista diso tremía e mantíñase lonxe. 19Dicíanlle a Moisés: —"Fálanos ti, e escoitaremos; pero que non nos fale Deus, non sexa que morramos".
20Moisés respondeulles: —"Non teñades medo. Deus vén para probarvos e para que teñades á vista o seu temor e non pequedes". 21O pobo quedou lonxe, e Moisés aproximouse á nube mesta, onde estaba Deus.
Código da alianza: O altar
22O Señor díxolle a Moisés: —"Fálalles ós israelitas: Vós mesmos puidestes ver como vos dirixín a palabra desde o ceo. 23Non faredes deuses de prata para poñelos ó meu lado, nin vos fabricaredes deuses de ouro. 24Faime un altar de terra e ofréceme sobre el os holocaustos e os sacrificios de comuñón, as túas ovellas e as túas vacas. En calquera sitio onde eu faga o meu nome memorable, virei onda ti e bendicireite. 25Se me fas un altar de pedra, non o fagas de pedra labrada, pois ó picar a pedra co punteiro, lixaríala. 26Non subas ó meu altar por escaleiras, para non mostrares desde elas as túas partes.
Currently Selected:
Éxodo 20: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT