Éxodo 22
22
1Se un ladrón é sorprendido furando unha parede e niso o feren e morre, non terá vinganza do sangue. 2Se o sol xa saíra, o ladrón será vingado, pero pagará polo furto; se non ten con que pagar, será vendido. 3Se o boi, o asno ou a ovella que roubou se atopan no seu poder aínda vivos, terá que pagar o dobre.
4Cando alguén asoballe un eido ou unha viña, deixando pacer no eido alleo o seu rabaño, pagará o dano co mellor do seu eido e da súa viña. 5Se se escapa o lume e pega nas silveiras e queima as medas do trigo, os palleiros ou as leiras, o que acendeu o lume pagará o queimado.
6Cando alguén poña en depósito diñeiro ou alfaias onda outro e rouben os bens da casa deste, se aparece o ladrón, este pagará o dobre. 7Se o ladrón non aparece, o dono da casa comparecerá na presenza de Deus, para xurar que non tocou os bens do próximo.
8En caso de prexuízo na propiedade dun boi, dun asno, dunha ovella, de roupa e de calquera cousa que falte e da que un poida dicir: é esta, levarase o caso dos dous á presenza de Deus, e aquel que Deus declare culpado pagará o dobre ó seu próximo.
9Cando alguén lle encargue ó seu veciño a garda dun asno, dun boi, dunha ovella ou de calquera outro animal e ese animal morre, creba un óso ou é roubado, sen que ninguén o vexa, 10o segundo xurará polo Señor ó primeiro que non tocou os seus bens. Este terá que conformarse, pois non haberá compensación. 11Pero se lle roubaron o animal á súa vista, terá que restituírllo ó seu dono. 12Se o animal foi despezado, presentará unha proba e non terá que pagalo.
13Cando alguén lle pida a un veciño un animal prestado, se o animal morre ou rompe un óso, estando ausente o seu dono, aquel terá que pagarllo. 14Se o dono estaba presente, non terá que pagarllo. Se o animal era alugado, entra no aluguer.
Leis morais e relixiosas
15Se un home engaiola unha rapaza solteira e se deita con ela, deberá pagar o seu dote e tomala por muller. 16Se o pai dela se nega a darlla, o home pagará unha cantidade de diñeiro igual ó dote polas doncelas.
17Non deixarás con vida ás feiticeiras.
18O que se axunte cun animal será reo de morte.
19O que ofreza sacrificios a outros deuses, fóra do Señor, será condenado.
20Non aflixirás nin asoballarás os forasteiros, pois forasteiros fostes vós en terras de Exipto.
21Non oprimirás as viúvas nin os orfos. 22Se de feito os oprimes, e eles se queixan a min, eu escoitarei certamente a súa queixa. 23O meu noxo acenderase e fareivos morrer a espada. As vosas mulleres quedarán viúvas e os vosos fillos orfos.
24Se lle emprestas diñeiro a un do meu pobo, ó pobre que vive onda ti, non te portarás coma un usureiro, cobrándolle intereses. 25Se tomas en peñor o manto do teu próximo, antes de poñerse o sol devolverasllo, 26pois é o vestido que ten para cubrir o seu corpo. Con que, se non, se taparía ó deitarse? Se se queixa a min, escoitareino, porque eu son misericordioso.
27Non blasfemes de Deus nin maldigas o xefe do teu pobo.
28Non te descoides na oferta da colleita e da vendima.
Dáme os teus fillos primoxénitos. 29E o mesmo farás cos dos teus gandos e cos dos teus rabaños. Deixarás sete días a cría coa súa nai e no oitavo entregarasma.
30Seredes persoas santas para min. Non comeredes carne de animais esnaquizados: botarédesllela ós cans.
Currently Selected:
Éxodo 22: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT