Éxodo 2
2
Nacemento e crianza de Moisés
1Un home da tribo de Leví casou cunha muller da mesma tribo. 2A muller quedou embarazada e deu a luz un neno. Atopábao moi fermoso e tívoo encuberto por tres meses. 3Cando xa non podía encubrilo por máis tempo, colleu unha cesta de xuncos, embreouna de betume e de pez, meteu o neno nela e deixouna nunha xunqueira, á beira do río. 4Unha irmá do neno axexaba desde lonxe, para ver que ía ser del.
5Baixou a filla do faraón para se bañar no río e, mentres as súas doncelas paseaban polas beiras, viu a cesta na xunqueira e mandou á súa serva que a trouxese. 6Abriuna e viu nela un neno que choraba. Condoída del, dixo: —"É un neno dos hebreos".
7A irmá do neno díxolle á filla do faraón: —"Queres que vaia buscar unha muller hebrea que o críe?"
8Respondeulle ela: —"Vai". E a rapaza foi chamar a nai do neno.
9Díxolle a filla do faraón: —"Leva este neno e críamo; pagareiche o debido". Ela colleu o neno e criouno.
10Cando o neno era xa grande, levoullo á filla do faraón, que o adoptou coma seu fillo. Púxolle por nome Moisés, dicindo: —"Das augas o saquei".
Moisés mata un exipcio e foxe a Madián
11Cando Moisés era xa grande, foi un día visitar a seus irmáns, e atopounos coas súas cargas. Viu tamén que un home exipcio batía nun hebreo de entre seus irmáns. 12Mirou para un lado e para o outro, e certificando que non había ninguén, matou ó exipcio e enterrouno na area. 13Saíu ó día seguinte e viu dous hebreos pelexando. Díxolle ó agresor: —"Por que bates no teu compañeiro?"
14Respondeulle el: —"Quen te puxo de xefe ou de xuíz entre nós? Ou pensas matarme, como mataches o exipcio?" Moisés colleu medo, pensando: —"A cousa xa se soubo".
15A nova chegou ó faraón, que mandou buscar a Moisés para matalo. Pero Moisés fuxiu do faraón e foise refuxiar en Madián.
Sentado á beira dun pozo, 16chegaron sete fillas que tiña o sacerdote de Madián, para sacaren auga e con ela encher os píos e abeberar o rabaño de seu pai. 17Viñeron os pastores e botáronas de alí. Pero Moisés saíu na defensa delas e abeberoulles os rabaños.
18En volvendo elas onda seu pai Reuel, este preguntoulles: —"Como é que vides tan cedo hoxe?"
19Respondéronlle elas: —"Un home exipcio librounos dos pastores, sacounos a auga do pozo e abeberou o noso rabaño".
20El preguntoulles: —"E onde está? Como deixastes que se fose? Chamádeo para comer".
21Moisés aceptou habitar con Reuel, e este deulle por muller a súa filla Séfora. 22Esta deulle a luz un fillo, ó que lle puxo o nome de Guerxom, pensando: —"Son forasteiro en terra allea".
23Pasado moito tempo, morreu o rei de Exipto. Os israelitas queixábanse e berraban na súa servidume, e os seus xemidos subiron onda Deus. 24Deus escoitou o seu pranto, lembrou o seu pacto con Abraham, con Isaac e con Xacob, 25fixouse nos israelitas, recoñeceu os seus sufrimentos.
Currently Selected:
Éxodo 2: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT