YouVersion Logo
Search Icon

Éxodo 16

16
Os paspallás e o maná
1A asemblea dos israelitas saíu de Elim e chegou ó deserto de Sin, entre Elim e o Sinaí, o día quince do mes seguinte á saída de Exipto. 2Toda a comunidade murmuraba no deserto contra Moisés e Aharón. 3Dicían: —"Sequera morrésemos pola man do Señor na terra de Exipto, sentados ó redor dos potes de carne e con pan a fartar! Trouxéstesnos a este deserto, para matar de fame a toda esta comunidade".
4O Señor díxolle a Moisés: —"Vou facer chover un pan do ceo para vós. O pobo sairá e collerá o que lle cumpra para o día. Quero poñelo á proba, para ver se anda ou non coa miña lei. 5O día sexto prepararán todo o que collan, que será o dobre do recollido os outros días".
6Moisés e Aharón dixéronlles ós israelitas: —"Esta noite saberedes que quen vos sacou de Exipto é o Señor. 7Pola mañá veredes a gloria do Señor, que escoitou as vosas murmuracións contra El. Porque que somos nós, para que murmuredes contra nós?"
8E Moisés díxolles aínda: —"Esta noite daravos o Señor carne que comer e pola mañá pan a fartar, pois escoitou as vosas murmuracións contra El. Porque que somos nós? Non murmurastes contra nós, senón contra o Señor". 9Moisés mandou a Aharón que lle dixese á asemblea dos israelitas: —"Achegádevos ó Señor, que escoitou as vosas murmuracións". 10Mentres Aharón falaba coa asemblea dos israelitas, volveron os ollos cara ó deserto, e viron a gloria do Señor mostrarse na nube.
11O Señor díxolle a Moisés: 12—"Oín as murmuracións dos israelitas. Dilles isto: O anoitecer teredes carne que comer e pola mañá pan a fartar. E saberedes que eu son o Señor, o voso Deus".
13O serán viñeron paspallás e cubriron o campamento. Pola mañá había nos arredores unha capa de orballo. 14Cando esvaeceu o orballo, apareceu no deserto unha capa miúda, coma escamas miúdas, que semellaban xeada sobre o chan. 15Os israelitas, ó que o viron, preguntábanse uns ós outros: —"Que é isto?" Pois non sabían o que era aquilo. 16Respondeulles Moisés: —"Este é o pan que o Señor vos dá para comer. A orde do Señor é a seguinte: que cada un colla o que ha comer: un ómer por cabeza, conforme o número de persoas; que cada un recolla para todos os que hai na súa tenda".
17Os israelitas fixérono así. Uns colleron máis e outros menos. 18Ó medir o maná co ómer, nin ó que collera máis lle sobraba, nin ó que collera menos lle faltaba, porque cada un collera o preciso para comer.
19Díxolles Moisés: —"Que ninguén garde maná para mañá". 20Algúns non fixeron caso de Moisés e gardaron para o día seguinte. Pero encheuse de vermes e podreceu. Moisés enfadouse con eles. 21Cada un collía o que lle cumpría pola mañá, pois cando o sol quentaba, derretía. 22O día sexto recollían ración dobre, dous ómer por persoa. Os anciáns da asemblea viñéronllo dicir a Moisés. 23Moisés respondeulles: —"Iso é o que tiña dito o Señor. Mañá é día de lecer, dedicado ó Señor. Cocede hoxe o que teñades que cocer, guisade o que teñades para guisar, e todo o que vos sobre, gardádeo para mañá".
24Eles gardárono para o día seguinte, conforme dispuxera Moisés, e non podreceu nin colleu vermes. 25Díxolles Moisés: —"Comédeo hoxe, que é sábado, dedicado ó Señor. Hoxe non o atoparedes fóra. 26Poderédelo coller seis días na semana; pero o día sétimo, sábado, non o atoparedes". 27Algúns saíron a recoller no día sétimo, pero non encontraron nada.
28O Señor díxolle a Moisés: —"Ata cando vos negaredes a gardar os meus preceptos e as miñas leis? 29Vedes que o Señor vos deu o sábado. Por iso vos manda o pan de dous días no día sexto. Que cada un quede na súa casa e que ninguén saia do seu sitio o día sétimo". 30E o pobo descansou o día sétimo. 31Os israelitas chamáronlle maná a aquel pan. Era branco, coma semente de coriandro, e sabía a pan con mel. 32Díxolles Moisés: —"Isto manda o Señor: enchede un ómer de maná e conservádeo, para que as xeracións vindeiras poidan ver o pan que eu vos dei no deserto para comer, cando vos saquei de Exipto". 33E Moisés díxolle a Aharón: —"Colle unha tina, mete nela un ómer de maná e pona diante do Señor, como mostra que se garda para as vindeiras xeracións". 34Aharón, seguindo o mandado do Señor a Moisés, puxo a talla de maná diante do Testemuño.
35Os israelitas comeron o maná por corenta anos, ata chegaren a terra de cultivo. Mantivéronse con el, ata entraren na fronteira do país de Canaán. 36O ómer é a décima parte dun efah.

Currently Selected:

Éxodo 16: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in