YouVersion Logo
Search Icon

Éxodo 15

15
Canto de grazas dos salvados
1Entón Moisés e os israelitas cantaron este canto ó Señor:
—"Cantarei ó Señor, que se cubriu de gloria,
cabalo e cabaleiro alagou no mar.
2O Señor é a miña forza, a razón do meu canto,
El é a miña salvación.
El é o meu Deus, e loareino,
o Deus de meu pai, e enxalzareino.
3O Señor é un guerreiro.
O seu nome é Iavé.
4Alagou no mar ó faraón cos seus exércitos,
a flor dos seus capitáns afogou no Mar Rubio.
5Os abismos cubríronos,
baixaron ó fondo coma pedras.
6A túa destra, Señor, distínguese pola forza,
a túa destra, Señor, tronza ós inimigos.
7Coa túa aterradora maxestade crebas os teus contrarios,
cando soltas o teu noxo, consómeos coma palla.
8Co soprido do teu furor amoréanse as augas,
érguense en diques as correntes,
callan as augas do mar.
9Os inimigos dicían: Perseguirei, atraparei,
repartirei botín, ata fartar a cobiza;
sacarei a miña espada, despoxarei coa miña man.
10Pero botaches ti un sopro, e cubriunos o mar,
afundíronse coma chumbo nas augas embravecidas.
11Quen hai coma ti, Señor, entre os deuses,
quen coma ti, excelso en santidade,
terrible polas túas obras, facedor de milagres?
12Soamente tendiches a destra, e enguliunos a terra.
13Ti guiaches con amor o pobo rescatado,
coa túa forza leváchelo onda a túa sagrada morada.
14Oírono os pobos e tremeron,
un terror coma de parto agarrou nos filisteos.
15Arrepiaban os grandes de Edom,
tremían os xefes de Moab,
derretíase toda a poboación de Canaán.
16Caeu enriba deles un medo tremente,
o poder do teu brazo deixounos coma de pedra,
namentres pasaba o teu pobo, Señor,
namentres pasaba o pobo que adquiriches.
17Ti leváchelo e plantáchelo na túa propiedade,
no lugar onde fixeches, Señor, a túa morada,
no santuario que ti fundaches coas túas mans.
18O Señor reinará por sempre.
19A cabalería do faraón, os seus carros e os seus cabaleiros, entraron polo mar, e entón botou o Señor as augas do mar por riba deles. 20Pero os israelitas pasaron polo medio do mar a pé enxoito".
21A profetisa Miriam, irmá de Aharón, botou man do pandeiro, e todas as mulleres saíron con pandeiros detrás dela, bailando. Miriam cantaba diante:
—"Cantade ó Señor, que se cubriu de gloria,
cabalo e cabaleiro alagou no mar".
Onda a fonte de Marah
22Moisés fixo marchar ós israelitas de onda o mar Rubio, e colleron a dirección do deserto do Sur. Camiñaron tres días polo deserto, sen atoparen auga. 23Chegaron a Marah. Pero non puideron beber daquela auga, polo seu amargor. Por iso lle puxeron a aquel lugar o nome de Marah. 24O pobo murmuraba contra Moisés e preguntaba: —"Que imos beber?" 25Moisés clamou cara ó Señor, e o Señor mostroulle un madeiro que había botar na auga. A auga volveuse doce.
Alí deulles leis e normas, e púxoos á proba. 26Díxolles: —"Se obedecedes ó Señor, o voso Deus, se facedes o que é debido, se cumprides os seus mandamentos e gardades as súas leis, non botarei sobre vós as pragas que botei sobre os exipcios, pois eu son o Señor que cura".
27Chegaron a Elim, onde había doce fontes e setenta palmeiras. E acamparon alí, preto da auga.

Currently Selected:

Éxodo 15: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in