YouVersion Logo
Search Icon

Éxodo 14

14
O paso do Mar Rubio
1O Señor díxolle a Moisés: 2—"Dilles ós israelitas que fagan un rodeo e que acampen diante de Pi-hahirot, entre Migdal e o mar, enfronte de Baalsefón, e que poñan as tendas cara ó mar. 3O faraón pensará: Os israelitas andan perdidos no país; o deserto péchalles o paso. 4Eu endurecerei o corazón do faraón, de xeito que se botará a perseguirvos, e eu mostrarei a miña gloria á conta súa e dos seus exércitos. Entón saberán os exipcios que eu son Iavé". Os israelitas fixeron o mandado.
5Dixéronlle ó rei de Exipto que o pobo fuxira. O corazón do faraón e o dos seus ministros volvéronse contra el, e dicían: —"Que fixemos, deixando saír do noso servizo a Israel?" 6O faraón mandou que enganchasen o seu carro, e mobilizou o seu exército. 7Tomou seiscentos carros escolleitos e logo os outros carros de Exipto con todos os xefes do exército. 8O Señor endureceu o corazón do faraón, rei de Exipto, para que perseguise ós israelitas, que saían co brazo ergueito. 9Os exipcios perseguíronos e atrapáronos, acampados onda o mar. A cabalería, os carros, os cabaleiros e o exército enteiro do faraón chegaron a Pi-hahirot, diante de Baalsefón.
10Cando o faraón se aproximaba, ergueron os israelitas a súa vista e viron ós exipcios que corrían tras deles. E, cheos de medo, clamaron cara ó Señor. 11Dixéronlle a Moisés: —"Seica non había sepulturas en Exipto, para que nos fixeses vir morrer no deserto? Que ben nos fixeches con sacáresnos de Exipto? 12Non che diciamos xa alí: Déixanos, que nós serviremos ós exipcios? Mellor nos era servilos que vir morrer no deserto".
13Moisés respondeulles: —"Non teñades medo. Mantédevos enteiros e veredes a salvación que vos concederá hoxe o Señor. Os exipcios que hoxe vedes, non os veredes nunca máis. 14O Señor loitará por vós. Vós agardade calados".
15O Señor díxolle a Moisés: —"Que queixas son esas cara a min? Manda ós israelitas que se poñan en marcha. 16Ti ergue a vara, alonga a man sobre o mar e párteo en dous, de xeito que os israelitas pasen polo medio a pé enxoito. 17Eu endurecerei o corazón dos exipcios, que seguirán perseguíndovos. E mostrareime glorioso á conta do faraón, á dos seus carros e á dos seus cabaleiros. 18O mostrar a miña gloria á conta deles, aprenderán os exipcios que eu son Iavé".
19O anxo de Deus, que ía diante das hostes de Israel, cambiouse e púxose detrás. Tamén se moveu de diante para detrás a columna de nube. 20Púxose entre os exércitos de Exipto e os de Israel. A nube por unha banda era de tebra e pola outra alumaba a noite, de xeito que en toda a noite non puideron aproximarse os uns ós outros.
21Moisés alongou a man sobre o mar, e o Señor removeuno cun vento forte do leste, que soprou toda a noite, ata secar o mar, coas augas partidas. 22Os israelitas entraron polo medio do mar a pé enxoito. As augas facían muros á súa dereita e á súa esquerda. 23Os exipcios que os perseguían, a cabalería do faraón, os carros e os cabaleiros, entraron no mar tras deles.
24Cerca da madrugada, ollou o Señor desde a columna de nube e de lume para o campamento exipcio e cubriuno de confusión. 25Pexou as rodas dos carros, de xeito que non podían case que andar. Os exipcios entón dixeron: —"Fuxamos dos israelitas, pois Iavé loita por eles contra nós".
26O Señor díxolle a Moisés: —"Estende a man cara ó mar, e as augas volveranse sobre os exipcios, os seus carros e os seus cabaleiros". 27Moisés alongou a man cara ó mar e, contra a mañá, este volveu ó seu sitio. 28Os exipcios, fuxindo, deron con el, e o Señor alagounos nas súas augas. As augas, ó xuntárense, cubriron os carros, os cabaleiros e todo o exército do faraón, que entrara no mar tras de Israel. Non quedou nin sequera un.
29Os israelitas pasaron a pé enxoito polo medio do mar, mentres as augas facían muro á súa dereita e á súa esquerda. 30Aquel día salvou o Señor a Israel do poder dos exipcios. Israel puido ver na beira do mar os exipcios mortos. 31Israel recoñeceu con que man poderosa o Señor tratara ós exipcios. O pobo temeu ó Señor e creu nel e no seu servo Moisés.

Currently Selected:

Éxodo 14: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in