Éxodo 13
13
A lei dos Ácimos e a lei dos Primoxénitos
1O Señor díxolle a Moisés:
2—"Conságrame todo primoxénito. Todo primeiro nacido que bote o ventre, tanto se é dos homes coma dos animais, perténceme a min".
3Moisés díxolle ó pobo: —"Lembrade este día en que saístes de Exipto, da casa da servidume, cando con man rexa vos sacou de alí o Señor. Non comades pan lévedo nese día. 4Saídes hoxe, no mes de abib. 5Cando o Señor vos introduza na terra dos cananeos, dos hititas, dos amorreos, dos hivitas e dos iebuseos, conforme o xuramento que fixo a vosos pais, unha terra que deita leite e mel, no mes de abib celebraredes esta festa. 6Sete días seguidos comeredes pans ácimos; o día sétimo será a festa do Señor. 7Comeredes pans ácimos durante os sete días, e que na túa casa non se vexa pan fermentado nin no teu territorio pan lévedo ningún. 8Nese día explicaraslle ó teu fillo: Isto é polo que o Señor fixo por min, cando saín de Exipto. 9Será coma un sinal que pos no teu brazo e coma unha lembranza diante dos teus ollos; levarás nos teus labios a lei do Señor, que te sacou de Exipto con man forte. 10Observa este rito de ano en ano, no seu día.
11Cando o Señor te dea introducido na terra dos cananeos, conforme vos xurou a ti e a teus pais, e cha dea en posesión, 12consagrarás ó Señor todos os primoxénitos. As primeiras crías dos teus gandos, se son machos, perténcenlle ó Señor. 13A primeira cría dun asno poderala rescatar cunha ovella; se non a rescatas, tela que desnocar. Os teus fillos primoxénitos telos que rescatar. 14Cando mañá o teu fillo che pregunte: Que significa isto?, ti diraslle: O Señor sacounos con man forte de Exipto, da casa da servidume. 15O faraón teimaba en non deixarnos saír, e entón o Señor matou a todos os primoxénitos de Exipto, os dos homes e os do gando. Por iso nós sacrificamos para o Señor as primeiras crías do gando que son machos, e rescatamos os fillos primoxénitos. 16Será coma un sinal que pos no teu brazo e coma unha lembranza diante dos teus ollos: o Señor sacoute de Exipto con man forte".
A primeira xeira do camiño
17Unha vez que o faraón deixou saír o pobo, Deus non o conduciu polo camiño que leva a Filistea, que é máis curto, pois preveu: "—Non sexa que, ó vérense en guerra, se arrepintan e dean volta para Exipto". 18Deus fíxolles dar polo deserto un rodeo, na dirección do Mar Rubio. Os israelitas saíran de Exipto ben armados.
19Moisés levaba consigo os ósos de Xosé, pois este fixéralles xurar ós israelitas: —"Deus visitaravos certamente, e entón levaredes de aquí os meus ósos convosco".
20Saíron de Succot e acamparon en Etam, á beira do deserto. 21O Señor camiñaba diante deles, polo día nunha columna de nube para os guiar, pola noite nunha columna de lume para os alumear. Dese xeito camiñaban de día e de noite. 22Nin a columna de nube se afastaba do pobo polo día nin a de lume pola noite.
Currently Selected:
Éxodo 13: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT