YouVersion Logo
Search Icon

Éxodo 12

12
A Pascua
1O Señor díxolles en Exipto a Moisés e a Aharón: 2—"Teredes este mes polo primeiro dos meses, o mes principal de todo o ano. 3Dicídelle a toda a comunidade de Israel: No día dez deste mes que cada un busque un año por familia e por casa. 4Se a familia é moi pequena para comer o año enteiro, que se xunte co veciño máis próximo á súa casa, botando conta das persoas. O año será estimado conforme ó que cada un poida comer. 5O año será sen defecto, macho e dun ano. Pode ser o mesmo un año coma un cabrito. 6Gardarédelo ata o catorce deste mes e, entre lusco e fusco dese día, inmolarao a comunidade toda de Israel en asemblea. 7Colleredes o sangue e mollaredes con el as xambas e o lintel das casas nas que se vai comer. 8Comeredes a carne esa noite, asada no lume, con pan sen levedar e con verduras amargas. 9Non comeredes nada del cru, nin cocido en auga, senón asado no lume, con cabeza, patas e entrañas. 10Non deixaredes nada del para a mañá; se vos sobra algo, queimádeo. 11Comerédelo deste xeito: a cintura cinguida, as sandalias nos pés, o caxato na man. Comerédelo ás presas, pois é a Pascua do Señor.
12Esa noite pasarei eu por todo o Exipto e ferirei de morte todos os primoxénitos, desde os dos homes ata os do gando. Farei cumprida xustiza con todos os deuses de Exipto. Eu, o Señor. 13O sangue será o sinal das casas onde vós habitades. En vendo o sangue, pasarei sen me deter, e así, cando eu fira a Exipto, non vos tocará a vós a praga exterminadora. 14Este día quedaravos na memoria e faredes nel festa ó Señor. Será festa de precepto por todas as xeracións.
Os Azimos
15Sete días seguidos comeredes pans ácimos. Desde o primeiro día botaredes o lévedo das casas, pois o que coma pan fermentado entre o primeiro día e o sétimo será excluído de Israel. 16O día primeiro é día de asemblea, e tamén o día sétimo. Neses días non deberedes traballar, fóra de preparar cada un o que ha comer. 17Gardaredes a festa dos Ácimos, pois nese mesmo día saquei eu as vosas multitudes de Exipto. Gardarédela coma festa de precepto por todas as xeracións. 18No mes primeiro, desde a tarde do día catorce ata a do vinte e un, comeredes pan ácimo. 19Neses sete días non gardaredes pan lévedo na casa. Quen coma algo fermentado será excluído da asemblea de Israel, o mesmo o forasteiro coma o indíxena. 20Non comeredes pan fermentado; onde queira que habitedes, comeredes pan ácimo".
Disposicións sobre a Pascua
21Moisés convocou ós anciáns todos de Israel e díxolles: —"Buscade e facédevos cunha res por familia e inmolade a vítima da Pascua. 22Collede un ramallo de hisopo, molládeo no sangue que recollades nun recipiente, e unxide con el o lintel e as xambas da porta. E que ninguén saia da porta da casa para fóra, namentres non amañeza. 23O Señor vai pasar ferindo os exipcios. Pero, en vendo o sangue no lintel e nas xambas, pasará diante da porta sen se deter. Non deixará entrar nas vosas casas ó exterminador para ferir. 24Cumpriredes estas ordes coma lei a perpetuidade para vós e para os vosos fillos. 25Cando un día entredes na terra que o Señor vos dará, conforme a súa promesa, observaredes este rito. 26Entón preguntaranche os teus fillos: Que significa este rito que facedes? 27Vosoutros dirédeslles: É o sacrificio da Pascua, cando o Señor pasou sen deterse diante das casas dos israelitas en Exipto, ferindo os exipcios e deixando a salvo as nosas casas".
Nisto o pobo prostrouse e adorou. 28Os israelitas foron e fixeron como lles mandara o Señor por Moisés e Aharón.
Morte dos primoxénitos
29A medianoite o Señor feriu de morte a todos os primoxénitos de Exipto, desde o primoxénito do faraón que senta no trono, ata o do prisioneiro que está no calabozo, e mesmo os primoxénitos do gando. 30O faraón ergueuse de noite e, coma el, os seus ministros e todo o Exipto, e sentiuse un gran pranto en todo o país, pois non había casa onde non houbese algún morto.
31Na mesma noite mandou o faraón chamar a Moisés e a Aharón, para dicirlles: —"Erguédevos e saíde do medio do meu pobo con todos os israelitas. Ide e dade culto a Iavé, como dixestes. 32Levade convosco, como queriades, os rabaños e o gando. Ídevos e bendicídeme a min tamén". 33Os exipcios facían forza sobre o pobo, para que saíse axiña do país, pois dicían: —"Imos morrer todos".
34A xente sacaba das artesas a masa sen levedar, envolvíaa en mantas e cargábaa ás costas. 35Os israelitas fixeron como lles dixera Moisés. 36Pedíanlles ós exipcios obxectos de prata e ouro e mais roupas. O Señor fixo que o pobo lles caese ben ós exipcios, que lles deixaban canto lles pedían. Así despoxaron ós exipcios.
Saída dos hebreos de Exipto
37Os israelitas saíron de Ramsés cara a Succot. Sen levar conta dos nenos, eran coma seiscentos mil homes. 38Con eles ía tamén unha multitude de xente mesturada, e rabaños de ovellas e de vacas e gando en grande cantidade.
39Coceron a masa que sacaran de Exipto e fixeron bolas de pan asmo, pois non lle deran tempo a levedar. Como saíran de Exipto empuxados, non puideron deterse a preparar merenda para a viaxe.
40A estadía dos israelitas en Exipto foi de catrocentos trinta anos. 41No mesmo día en que se cumprían os catrocentos trinta anos, saíron de Exipto as multitudes do Señor. 42Esa noite velou o Señor para sacalos. Esa noite velan os israelitas por todas as xeracións.
A lei da Pascua
43O Señor díxolles a Moisés e a Aharón: —"Esta será a lei da Pascua: ningún estranxeiro comerá dela. 44Pero poderán comer dela os escravos mercados por diñeiro, se están circuncidados. 45Non comerán dela nin os forasteiros nin os mercenarios. 46Comeredes dentro da casa; non sacaredes fóra carne ningunha; non romperedes ningún óso. 47A comunidade enteira de Israel celebrará esta festa. 48Se vive convosco un estranxeiro e quere celebrar a Pascua do Señor, deberá facer circuncidar a todos os varóns da súa casa, e entón poderá celebrala; será coma un do país. Pero non comerá dela ningún incircunciso. 49A mesma lei rexerá para os que son do país coma para os estranxeiros que habiten convosco".
50Os israelitas todos cumpriron o que o Señor lles mandara a Moisés e a Aharón. 51Naquel mesmo día sacou o Señor as multitudes israelitas de Exipto.

Currently Selected:

Éxodo 12: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in