YouVersion Logo
Search Icon

Éxodo 10

10
A praga da lagosta
1O Señor díxolle a Moisés: —"Vai onda o faraón. Eu endurecino a el e á súa corte, para facer diante deles os meus sinais, 2e para que así poidas contarlles a teus fillos e a teus netos como tratei eu ós exipcios e os sinais que fixen con eles. Dese xeito saberedes que eu son o Señor".
3Moisés e Aharón presentáronse ó faraón, para dicirlle: —"Así fala Iavé: Por canto tempo te negarás a abaixarte diante de min? Deixa saír o meu pobo, para que me ofreza culto. 4Se non o deixas saír, mañá traerei a lagosta ó teu país. 5Cubrirá a superficie da terra, de xeito que non se poderá nin ver o chan; comerá o resto salvado do pedrazo; rillará as plantas todas que crecen nos campos. 6Encherá a túa casa, as dos teus ministros e as de todos os exipcios, cousa que nunca viron teus pais nin teus avós, desde o día en que viñeron á terra ata hoxe". Moisés deu a volta e saíu de onda o faraón. 7Os ministros dixéronlle ó faraón: —"Ata cando nos seguirá poñendo trapelas este home? Deixa marchar esa xente, e que ofrezan culto ó seu Deus Iavé. Ou non te dás conta aínda de que Exipto se está botando a perder?"
8Fixeron volver a Moisés e a Aharón onda o faraón, e este díxolles: —"Ide e dade culto a Iavé, o voso Deus. Pero cales son os que irán?"
9Respondeulle Moisés: —"Iremos nós cos nenos e cos vellos, cos fillos e coas fillas. Levaremos tamén as ovellas e as vacas, pois celebramos a festa de Iavé".
10Díxolle o faraón: —"Así vaia Iavé convosco, coma eu vos deixarei saír a vós e a vosos fillos! Pero vedes como son cativas as vosas intencións? 11Non. Ide soamente os homes e dade culto a Iavé, pois iso é o que pedistes". E con iso o faraón botounos da súa presenza.
12O Señor díxolle a Moisés: —"Estende a túa man sobre Exipto, e que entre a lagosta por todo o país, que coma a herba dos campos e o que quedou do pedrazo".
13Moisés tendeu a vara sobre Exipto, e o Señor empuxou cara ó país un vento do leste, todo o día e toda a noite. Pola mañá o vento siroco trouxera a lagosta. 14A lagosta entrou por todo o país e pousouse en toda a terra de Exipto. Tan grande cantidade de lagosta non a houbera antes nin a volvería haber despois. 15Cubría a superficie da terra, ata escurecela. Comeu a herba dos eidos e os froitos das árbores que quedaran do pedrazo. En todo o Exipto non quedou chisca de verde, nin nas árbores nin nos campos.
16O faraón fixo chamar a toda présa a Moisés e a Aharón, para dicirlles: —"Pequei contra Iavé, o voso Deus, e tamén contra vós. 17Agora perdoade o meu pecado, tamén por esta vez, e rogade a Iavé, o voso Deus, para que arrede de min este mortífero castigo".
18Moisés saíu de onda o faraón e rogou ó Señor. 19O Señor trocou aquel vento por un vento forte do mar, que levou a lagosta e a guindou no Mar Rubio. Non quedou unha lagosta nos lindeiros de Exipto. 20Pero o Señor endureceu o corazón do faraón, e este non deixou saír os israelitas.
As tebras
21O Señor díxolle a Moisés: —"Ergue a túa man cara ó ceo, e virán sobre Exipto unhas tebras tan pechas, que se poderán apalpar".
22Moisés estendeu a súa man cara ó ceo e viñeron tres días de néboa escura sobre Exipto. 23Nos tres días non se vían uns ós outros nin se podían mover do seu sitio. Pero nas moradas dos israelitas había luz.
24O faraón mandou chamar a Moisés, para dicirlle: —"Ide e dade culto a Iavé. Podedes levar convosco os vosos fillos; deixade só as ovellas e as vacas".
25Respondeulle Moisés: —"Permitirasnos levar tamén vítimas para os sacrificios que habemos ofrecer a Iavé, o noso Deus. 26O gando terá que vir connosco, sen que quede aquí nin unha uña, pois del temos que ofrecer culto a Iavé, o noso Deus. Nós non sabemos aínda o que lle habemos ofrecer; só o saberemos alí".
27Pero o Señor endureceu o corazón do faraón, que non quixo deixalos saír. 28Díxolle a Moisés: —"Arrédateme de aquí, e non te me poñas máis diante. Se un día volves verme, morrerás".
29Respondeulle Moisés: "Como ti digas. Non che volverei ver a cara".

Currently Selected:

Éxodo 10: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in