Éxodo 9
9
A peste no gando
1O Señor díxolle a Moisés: —"Vai onda o faraón e faille saber que isto di Iavé, o Deus dos hebreos: Deixa saír o meu pobo, para que me ofreza culto. 2Se non os deixas saír e os segues detendo pola forza, 3A man de Iavé caerá con peso sobre o gando dos campos. Os cabalos, os asnos, os camelos, as vacas e as ovellas sufrirán unha peste maligna. 4Iavé distinguirá entre o gando dos israelitas e o gando dos exipcios. Aquel non perderá sequera unha cabeza". 5O Señor fixou un prazo: —"Mañá cumprirá o Señor a súa palabra no país". 6E o Señor cumpriu a súa palabra ó día seguinte. Morreu o gando todo dos exipcios; pero dos israelitas non morreu sequera unha cabeza. 7O faraón mandou pescudar sobre o feito, e do gando dos israelitas non morrera sequera unha cabeza. Pero o faraón endureceuse e non deixou saír o pobo.
Chagas na xente e no gando
8O Señor díxolles a Moisés e a Aharón: —"Collede do forno un puño de cinsa, e que Moisés a cisque polo aire, á vista do faraón. 9Trocarase en po, que caerá en todo o Exipto enriba da xente e do gando, producindo chagas purulentas en todo o país".
10Eles colleron cinsa dun forno e presentáronse onda o faraón. Moisés ciscouna polo aire, e produciu chagas purulentas na xente e no gando. 11Os magos non podían resistir diante do faraón, polas chagas que lles saíran, a eles como a todos os exipcios. 12O Señor endureceu o corazón do faraón, e non lles fixo caso, conforme dixera o Señor a Moisés.
O pedrazo
13O Señor díxolle a Moisés: —"Mañá érguete cedo, preséntate ó faraón e comunícalle que Iavé, o Deus dos hebreos, manda isto: Deixa saír o meu pobo, para que me ofreza culto. 14Pois desta botarei todas as pragas enriba de ti, dos teus ministros, do teu pobo, para que saibas que non hai ninguén coma min en toda a terra. 15Se alongase agora mesmo a miña man e te batese coa peste a ti e ó teu pobo, esvaeceríaste da terra. 16Se te manteño vivo, é para facerche ver a miña forza e para que se fale do meu nome en todo o mundo. 17Ti detés aínda o meu pobo e non o deixas saír. 18Pero mira: Mañá destas horas farei caer unha chuvia de pedrazo, tan rexo como non se viu aínda en Exipto, desde o día en que foi fundado ata hoxe. 19Manda poñer ó seguro a túa facenda e canto tes nos eidos. A xente e o gando que se atopen fóra, por non os dares recollido, sufrirán a chuvia do pedrazo, e morrerán".
20Os ministros do faraón que temían ó Señor, meteron ó seguro a súa xente e as súas facendas. 21Os que non deron creto ás palabras de Iavé deixaron fóra os servos e as facendas. 22Despois díxolle o Señor a Moisés: —"Estende a túa man cara ó ceo: que caia pedrazo en toda a terra de Exipto, sobre os homes, os animais e sobre toda a vexetación do campo".
23Moisés tendeu a vara cara ó ceo, e o Señor mandou trebón e pedrazo; caeron lóstregos na terra; o Señor fixo chover pedrazo sobre Exipto. 24Caía o pedrazo e os lóstregos mesturábanse coa pedra. O pedrazo era tan groso e tan rexo, como non se vira en Exipto desde que era pobo.
25O pedrazo feriu todo o que había no campo en Exipto, o mesmo xente que gando; machicou a herba, tronzou todas as árbores. 26Soamente non caeu na bisbarra de Goxén, onde estaban os israelitas.
27O faraón mandou chamar a Moisés e a Aharón, para dicirlles: —"Esta vez fixen mal. Iavé é xusto. Eu e mais o meu pobo recoñecémonos culpados. 28Rogádelle a Iavé, pois temos xa abondo de trebón e pedrazo. Deixareivos saír, e non seguirei deténdovos máis tempo".
29Díxolle Moisés: —"En saíndo da cidade, tenderei as mans cara a Iavé, e entón parará o trebón e deixará de caer pedrazo, para que saibas que a terra é de Iavé. 30Eu sei que ti e os teus servos non temedes aínda a Iavé Deus". 31O liño e a cebada arruináronse, porque esta tiña xa espigas e aquel estaba na flor. 32Pero non se perderon o trigo e o centeo, por seren máis serodios.
33En saíndo de onda o faraón e da cidade, Moisés tendeu as mans cara ó Señor. Os trebóns e o pedrazo remitiron, e parou de chover.
34Cando viu o faraón que rematara a choiva, o pedrazo e os trebóns, volveu pecar, el e os seus ministros, teimando na mesma outra vez. 35O corazón do faraón endureceuse e non deixou saír os israelitas, conforme dixera o Señor por Moisés.
Currently Selected:
Éxodo 9: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT