Skip to content

Ester 9

9
A Festa de "Purim". Vinganza dos xudeus
1No mes doce, o mes de Adar, no día trece, o día mesmo en que foi publicada a orde do rei, o seu decreto, para que fose executado no día mesmo no que os inimigos dos xudeus intentaban facerse donos deles, sucedeu todo ó revés, pois foron os xudeus os que se fixeron donos dos que os odiaban. 2Os xudeus xuntáronse en todas as cidades e provincias do rei Axuero, para lles pó—la man enriba ós que maquinaban a súa ruína e ninguén lles retrucou, porque un gran temor e medo caeu enriba de todos os pobos. 3E todos os xefes das provincias, os sátrapas, gobernadores e demais funcionarios do rei se puxeron da parte dos xudeus por mor do respecto que lles metía a todos eles Mardoqueo, 4porque Mardoqueo era grande na casa do rei e a súa sona espallárase por todas as provincias, e o nome de Mardoqueo medraba máis cada día.
5Os xudeus atravesaron coa espada a todos os seus inimigos; degoláronos, acabaron con eles; fixeron o que quixeron cos que lles tiñan xenreira. 6No castelo de Xuxán mataron os xudeus a cincocentos homes, exterminándoos. 7A Parxandata, a Dalfón, a Aspata, 8A Porata, a Adaliá, a Aridata, 9A Parmaxta, a Arisai, a Aridai e a Iezata, 10os dez fillos de Hamán, fillo de Amedata, inimigo dos xudeus, matáronos, pero non lles botaron man ós seus bens. 11Naquel mesmo día déronlle a coñecer ó rei o número dos executados no castelo de Xuxán. 12O rei díxolle á raíña Ester: —"Só no castelo de Xuxán os xudeus xa mataron e exterminaron a cincocentos homes e ós dez fillos de Hamán; no resto das provincias do rei que che parece que farían? Cal e agora a túa petición? Concederáseche. Seguirase facendo o que ti areles".
13Ester faloulle: —"Se ó rei lle prace, concédaselles ós xudeus que tamén mañá sigan facendo de acordo co decreto de hoxe en Xuxán e que penduren ós dez fillos de Hamán do alto do madeiro". 14Mandou o rei que se fixese así e promulgou o decreto en Xuxán, e colgaron ós dez fillos de Hamán. 15Os xudeus de Xuxán xuntáronse no día catorce do mes de Adar e mataron en Xuxán outros trescentos homes, pero non lles botaron man ós seus bens.
16Os xudeus das restantes provincias do rei xuntáronse para defender as súas vidas e a seguranza contra os seus inimigos e mataron a setenta e cinco mil dos que lles tiñan xenreira, pero non lles botaron man ós seus bens.
17Isto aconteceu no día trece do mes de Adar e no día catorce foi declarado día de repouso, día de xantar de festa e de rexouba. 18Pero os xudeus de Xuxán xuntáronse no día trece e catorce, e repousaron no día quince e declarárono día de festexo e rexouba. 19Por iso os xudeus que habitan nas cidades sen muralla fan festa no día catorce do mes de Adar e celébrano con xantares e rexouba, e nese día agasállanse os uns ós outros con regalos. 19 Mentres que os que habitan nas cidades con muralla celebran o seu día de festa, facéndose regalos mutuamente no día quince do mes de Adar. 20Mardoqueo escribiu estas verbas e mandoulles cartas a todos os xudeus espallados por todas as provincias do rei Axuero próximas e distantes, 21decretando que tiñan que festexar o día catorce e o día quince do mes de Adar de todos os anos, 22coma días nos que os xudeus conseguiron a paz contra os seus inimigos e nese mes o seu pranto tornouse en ledicia e o seu loito en festa, e debían festexalos con xantares, con rexouba e facéndose regalos os uns ós outros e socorrendo ós pobres. 23Os xudeus recolleron entre os seus usos e costumes o que comezaron a facer como lles prescribira Mardoqueo. 24Hamán, fillo de Amedata, o agaguita, o perseguidor de todos os xudeus, intentara acabar con eles e botara sortes (Pur) para aniquilalos e exterminalos. 25Pero cando ela, Ester, se presentou diante do rei, díxolle o rei por decreto que o malvado designio que maquinara contra os xudeus, se trocase contra a súa propia cabeza, e foi colgado do alto do madeiro, el e mais os seus fillos.
26Por iso chamaron a estes días os Purim, da palabra pur (sorte). Así como tamén por todas as palabras da carta aquela, e por todo o que viran con relación a este asunto, e todo canto lles sucedera, 27os xudeus fixeron destes días unha institución perpetua para si e para os seus descendentes, e para todos aqueles que se lles xuntasen, de non deixar de facer nestes dous días canto está prescrito e nos días sinalados de todos os anos, 28e que estes días fosen relembrados e festexados en cada xeración, en cada clan, en cada provincia e en cada cidade. E que estes días do Purim non se poderían esquecer entre os xudeus, nin a súa lembranza se podería borrar dos seus descendentes.
29A raíña Ester, filla de Abihail, e o xudeu Mardoqueo escribiron con toda a súa autoridade urxindo o cumprimento desta carta segunda dos Purim para lle dar forza de lei. 30Mandáronse cartas a todos os xudeus das cento vinte e sete provincias do rei Axuero con verbas de paz e fidelidade, 31para confirmar estes días do Purim nas súas datas, tal como llelo decretara Mardoqueo, o xudeu, e a raíña Ester, e de acordo co que eles mesmos ordenaron para si e para os seus descendentes; é dicir: todo o que se determinou tocante ó xaxún e ás lamentacións. 32O decreto de Ester ratificou estas cousas referentes ós Purim, e así foi escrito no libro.