Skip to content

Ester 10

10
Gabanza de Mardoqueo
1O rei Axuero impuxo un tributo ó país e ás illas do mar. 2Todas as mostras de poderío e de forza e o relato da grandeza de Mardoqueo, coas que o engrandeceu o rei, non é certo que se atopan escritas no libro das crónicas dos reis dos medos e dos persas? 3Nelas cóntase: —"O xudeu Mardoqueo foi o segundo despois do rei, o meirande dos xudeus, o máis querido da multitude dos irmáns, home sempre dedicado a procurar o ben para o seu pobo e promotor da paz de toda a súa raza".
4 E dixo Mardoqueo: —"Todas estas cousas viñeron de parte de Deus; 5 porque relembrando o soño que tiven tocante a isto, non fallou nin sequera unha delas: 6 nin a fonteliña que se converteu en río e a luz e o sol e a auga abundante. O río é Ester, a quen o rei fixo esposa e raíña. 7 As dúas cobras somos eu e Hamán. 3 Os pobos son os que se xuntaron para destruír o nome dos xudeus. 8 A miña nación é Israel, que clamou a Deus e foi salvada. O Señor salvou ó seu pobo e liberounos de todos estes males; obrou Deus grandes sinais e prodixios coma endexamais non os houbera no resto das nacións. 9 Por iso Deus sinalou dúas sortes, unha para o seu pobo e outra para o resto dos pobos; 10 e estas dúas sortes cumpríronse na hora, no intre e no día determinado na presenza de Deus e de todos os pobos. 11 Entón Deus lembrou ó seu pobo e fíxolle xustiza á súa herdade; 12 para estes, os días catorce e quince do mes de Adar serán días de xuntanza, de ledicia e gozo diante de Deus por xeracións para sempre no seu pobo Israel".
Nota encol da tradución grega do libro
13 No ano cuarto de Tolomeo e Cleopatra, Dositeo, que dicía ser sacerdote e levita, e o seu fillo Tolomeo, trouxeron a presente carta dos Purim, que dixeron ser verdadeira e traduciuna Lisímaco, fillo de Tolomeo, dos de Xerusalén.