Ester 8
8
Decreto en favor dos xudeus
1Aquel mesmo día o rei Axuero deulle á raíña Ester a casa de Hamán, o perseguidor dos xudeus, e Mardoqueo foi presentado ó rei, que xa lle descubrira que era familiar da raíña. 2E colleu o rei o anel que lle quitara a Hamán e deullo a Mardoqueo, e Ester púxoo á fronte da casa de Hamán.
3Volveu Ester a falar diante do rei e prosternouse na súa presenza ata os seus pés, e chorando suplicoulle que mandara anular todos os males que Hamán, o agaguita, decretara contra os xudeus, e todas as maquinacións que intentara contra eles. 4O rei estendeu o seu cetro de ouro de cara a Ester e fíxoa levantar diante súa. 5Ester díxolle: —"Se ó rei lle prace e se atopei graza ós seus ollos, e se xulga axeitada a miña palabra na súa presenza e me ten a min por boa á súa vista, que se escriba a revogación das cartas das maquinacións de Hamán, fillo de Amedata, agaguita, que el escribira para aniquilar os xudeus de todas as provincias do rei. 6Porque como podería eu ver a desventura do meu pobo e soportar a desfeita da miña raza?".
7O rei Axuero respondeulle á raíña Ester e a Mardoqueo, o xudeu: —"Xa lle dei a Ester a casa de Hamán, e a el mandei que o pendurasen no madeiro que el mesmo fixera erguer para os xudeus. 8Vós, pola vosa parte, no que se refire ós xudeus, escribide o que vos pareza ben a xuízo voso no nome do rei e seládeo co anel do rei, porque todo escrito feito no nome do rei e selado co seu anel non se pode revocar". 9Foron chamados os escribáns do rei naquel mesmo intre no terceiro mes, o de Siván, no día vinte e tres, e escribiron todo o que lles mandaba Mardoqueo ós xudeus, ós sátrapas, ós inspectores e xefes das provincias desde a India ata Etiopía, cento vinte e sete provincias; a cada provincia segundo a súa escritura e a cada pobo de acordo coa súa lingua e ós xudeus tamén de acordo coa súa escritura e lingua. 10Escribiron no nome do rei Axuero e selaron co anel do rei e mandaron os escritos por medio dos correos montados en cabalos das cortes do rei. 11Nos escritos, o rei autorizaba ós xudeus que habitaban en todas as cidades, a se poderen xuntar para defender as súas vidas, para ferir, matar e exterminar a toda persoa dos pobos que os atacasen, sen lles perdoar ás mulleres nin ós nenos, e para lles saquear os seus bens; 12e todo isto no mesmo día en todas as provincias do rei Axuero, o día trece do mes doce, o mes de Adar.
13O texto deste documento debía ser publicado, coma lei, en todas e cada unha das provincias, e promulgado en todos os pobos, para que os xudeus estivesen preparados naquel mesmo día para se vingaren dos seus inimigos. 14Os correos, montados en cabalos da mellor caste, saíron correndo de présa, como ordenaba o decreto do rei; o edicto foi publicado tamén no castelo de Xuxán. 15Mardoqueo saíu da presenza do rei vestido con roupas reais de púrpura, violeta e liño branco, cunha gran diadema de ouro e un manto de fino liño e púrpura; a cidade de Xuxán rebordaba de ledicia e gozo. 16Para os xudeus foi todo luz, ledicia, triunfo e gloria. 17En todas as provincias e cidades, en todos os lugares nos que se publicaba a orde e decreto do rei, entre os xudeus había ledicia triunfal, xantares e rexouba de festa. Moitos xentís daquelas terras se fixeron xudeus, porque un gran temor se apoderou deles con relación ós xudeus.
O texto da carta (LXX)
18 Velaquí o texto da carta: 19 —"O gran rei Axuero ós sátrapas das cento vinte e sete provincias que hai desde a India ata Etiopía, e a todos os súbditos fieis, saúde.
20 Hai moitos que, cantos máis favores reciben dos seus benfeitores, tanto máis soberbios se fan, e non soamente causan dano ós nosos súbditos, senón que son incapaces de lle pór lindes á súa insolencia, conspirando en contra dos propios benfeitores; 21 non só acaban co agradecemento dos homes, senón que, enfonchados coa fachenda dos que fan o mal, imaxinan que van escapar da xustiza de Deus, que o ve todo e odia o mal. 22 A miúdo, a moitos que teñen autoridade lles sucede que se deixan manexar polos seus amigos nos seus negocios e fanse responsables de sangue inocente e véñenlles infortunios irremediables, 23 pois con malignas matinacións nacidas da súa perversidade chegaron a enganar a nobre e natural lealdade dos que gobernan. 24 E para comprobar isto non é preciso acudir a historias antigas, que vos estamos contando; abonda con ollar con atención o que está diante de vós, as cousas que fan con conduta pestilente os que teñen o poder indignamente. 25 Por iso temos que nos dispor a procurar para o futuro paz e tranquilidade para todos os homes do reino, 26 iintroducindo os cambios oportunos e xulgando as cousas que van aparecendo con ánimo acolledor e benevolente. 27 Pois Hamán, fillo de Amedata, macedonio, alleo ó sangue dos persas e moi afastado da nosa cordura, foi acollido entre nós coma hóspede, 28 chegando a gozar da amizade que nós temos cos outros pobos, ata o punto de ser proclamado noso pai e sendo reverenciado por todos, ocupando o segundo posto no reino. 29 Pero non podendo soportar o peso da súa grandeza, intentou privarnos do poder e da vida. 30 Pediu a destrución do noso salvador e continuo benfeitor, Mardoqueo, e a de Ester, cabal consorte do reino, e a de toda a raza súa, con toda sorte de falaces razoamentos. 31 Por estes procedementos quixo pasar ó dominio dos macedonios o poder dos persas, pillándonos desamparados. 32 Pero nós comprobamos que os xudeus, destinados ó exterminio polo tres veces criminal, non son malfeitores, senón que se dirixen polas leis máis xustas; 33 e que son fillos do altísimo e grandísimo Deus vivente que endereita o reino co maior acerto tanto para nós coma para os nosos devanceiros. 34 Polo tanto faredes ben non usando os escritos mandados por Hamán o de Amedata, xa que o autor deles foi colgado ás portas de Xuxán xunto con toda a súa familia, dándolle ben axiña o Deus que todo o domina o castigo xusto. 35 Ponde unha copia desta carta en todo lugar público e deixade que os xudeus se gobernen polas propias leis; e axudádenos para que poidan refugar a cantos se ergan contra eles no día da tribulación, isto é, o día trece do mes doce, Adar, 36 porque o Deus que o domina todo trocou en día de ledicia o destinado á destrución e exterminio da raza escolleita. 37 Vós, xudeus, celebrade este día sinalado con toda ledicia coma unha das vosas acostumadas festividades, para que agora e no futuro sexa de salvación para vós e para os persas de boa intención, pero para os falsos e tramposos contra vós, que lles sirva de lembranza de exterminio.
38-39 Toda cidade ou rexión que non faga de acordo con isto será aniquilada coa lanza e lume con ira; non soamente quedará erma de homes, senón que será noxenta para feras e paxaros eternamente".
Dereitos reservados: SEPT