Skip to content

Ester 7

7
Ester salva ó seu pobo e Hamán é aforcado
1O rei e Hamán foron de contado ó convite preparado pola raíña Ester. 2O rei preguntoulle a Ester, tamén o segundo día, despois de comer e beber: —"Cal é a túa petición, raíña Ester? Serache concedida; e cal é a túa arela? Daráseche ata a metade do reino". 3A raíña Ester, respondendo, dixo: —"Meu rei, se achei graza ós teus ollos, e se ó rei lle prace, concédaseme a miña vida: esta é a miña petición; e a vida do meu pobo: este é a miña arela; 4pois fomos vendidos eu e o meu pobo, para sermos borrados, aniquilados e exterminados. Se soamente fosemos vendidos como escravos ou servas, eu quizais calaría, porque esta desgraza non prexudicaría tanto ó rei".
5Alporizouse o rei Axuero e preguntoulle á raíña Ester: —"Quen é ese e onde está aquel a quen se lle ocorreu facer tal cousa?".
6Ester respondeulle: —"O perseguidor e inimigo é este malvado Hamán". Entón Hamán estarreceu diante do rei e da raíña, 7e o rei ergueuse da mesa levado da carraxe, e saíu da casa ó xardín do pazo mentres Hamán quedou alí para pedir pola súa vida cabo da raíña Ester, pois viu que a súa ruína estaba decretada polo rei.
8Cando o rei volveu do xardín do pazo para a sala do convite, Hamán deixárase caer enriba do diván onde repousaba a raíña Ester. O rei exclamou: —"Seica aínda dentro do meu pazo e diante de min quere forzar á raíña". Non acabara de dicir o rei estas verbas e tapáronlle a cara a Hamán. 9Entrou Harbonah, un dos eunucos, e suxeriu diante do rei: —"Velaquí o madeiro que fixo Hamán para Mardoqueo, que tan ben defendera ó rei; está ergueito a cincuenta cóbados diante da casa de Hamán". E dixo o rei: —"Colgádeo no alto del". 10E colgaron a Hamán no madeiro, o que el fixera erguer para Mardoqueo e deste xeito calmou o rei a súa carraxe.