Ester 6
6
Exaltación de Mardoqueo e ruína de Hamán
1Aquela noite fóiselle o sono ó rei e mandou traer o libro das lembranzas antigas e foron lidas na presenza do rei. 2E atoparon o escrito no que se contaba que Mardoqueo denunciara a Bigtán e a Tarra, dous eunucos do rei, dos que gardaban a porta, que intentaran estender a man contra o rei Axuero. 3O rei preguntou: —"Que homenaxe se lle fixo e que recompensa se lle deu por isto a Mardoqueo?". Respondéronlle os cortesáns do rei, os seus servos: —"Non se lle fixo nada".
4Entón dixo o rei: —"Quen está no patio?". Naquel mesmo intre chegaba Hamán ó patio do pazo real, que viña de fóra para lle pedir ó rei que pendurase a Mardoqueo do alto do madeiro, que mandara erguer para el. 5Os camareiros comunicáronlle ó rei: —"Hamán está no patio". O rei díxolles: —"Que entre". 6Entrou Hamán e preguntoulle o rei: —"Que se lle debería facer a un home a quen o rei quere homenaxear?". Hamán cavilou para si: —"A quen vai querer honrar o rei máis ca a min?". 7Entón Hamán respondeulle ó rei: —"O home a quen o rei quere homenaxear, 8que lle traian as roupas con que se veste o rei, e o cabalo do rei, que leva na cabeza a coroa real. 9O máis importante dos ministros do rei, o primeiro, que recolla os vestidos e o cabalo do rei e que vista ó home a quen o rei quere honrar e que o poña no seu cabalo e que o leve polas prazas da cidade pregoando diante del: Velaquí como se lle debe facer ó home a quen o rei quere homenaxear".
10Entón o rei díxolle a Hamán: —"Vaite de seguido e colle o vestido e mais o cabalo que dixeches e faille todo isto ó xudeu Mardoqueo, que está sentado á porta do pazo e non suprimas nada de todo o que dixeches".
11Hamán colleu o vestido e o cabalo, vestiu a Mardoqueo, sentouno no cabalo no medio da praza da cidade e ía berrando diante del: —"Así se lle fai ó home a quen o rei quere homenaxear persoalmente".
12Mardoqueo volveu para a porta do pazo e Hamán foi para a súa casa chorando e coa cabeza encuberta. 13Contoulle Hamán á súa muller Zérex e a todos os seus amigos canto lle acontecera e dixéronlle os seus amigos e súa muller Zérex: —"Se Mardoqueo, diante do que xa tiveches que humillar a cabeza, pertence á raza xudía, non o poderás vencer, senón que caerás sen remedio diante del". 14Aínda lle estaban falando cando chegaron os eunucos do rei buscar de présa a Hamán para levalo ó convite que lle preparara Ester.
Dereitos reservados: SEPT