Ester 5
5
Ester preséntase no pazo do rei
1 O terceiro día, cando acabou de rezar, espiu as roupas ruíns e vestiuse de raíña. Recuperada a súa brillante beleza, invocou a Deus, que coida de todos e a todos salva, e collendo consigo a dúas doncelas, apoiouse con suavidade nunha delas, mentres a outra ía detrás sosténdolle o fondo do vestido. 2 Ia ela relucente, no cume da súa fermosura, coa cara alegre coma a dunha namorada, aínda que o seu corazón estaba apreixado pola angustia. 3 Abrindo todas as portas, chegou á presenza do rei; estaba o rei sentado no trono real, vestido coa roupa das celebracións públicas, todo cuberto de ouro e de pedras preciosas e cunha aparencia impresionante. 4 Levantando o rostro, relucente de gloria, botoulle unha ollada tan chea de ira, e a raíña esvaeceu; perdeu a cor e apoiou a cabeza enriba da serva de diante. 5 Trocou Deus, entón, o corazón do rei en dozura, e, angustiado, ergueuse de présa do trono e colleuna nos seus brazos e en canto ela volvía en si, el dicíalle verbas suaves 6 coma: —"Que che pasa, Ester? Eu son o teu irmán, ten confianza. Non morrerás, pois o meu decreto é só para a outra xente. Achégate". 7 E collendo o rei o cetro de ouro pousouno no pescozo de Ester e bicouna, dicindo: —"Fálame". 8 Ela respondeu: —"Señor, vinte coma un anxo de Deus e o meu corazón turbouse polo respecto da túa gloria. Porque es admirable e o teu rostro está cheo de maxestade". 9 Dito isto volveuse a esvaecer. O rei turbouse e todos os seus servos puxéronse a reanimala. 10 O rei preguntoulle: —"Que sucede, raíña Ester? Que desexas? Daráseche anque sexa a metade do reino". 11 Respondeu Ester: —"Se ó rei lle prace, veña o rei con Hamán hoxe ó convite que lle teño preparado". 12 O rei dixo: —"Correde onda a Hamán e que faga o que pide Ester". 13 Despois de beber o viño do convite díxolle o rei a Ester: —"Cal é a túa petición? Daráseche. Que desexas? Daráseche aínda que sexa a metade do reino". 14 Ester respondeu, dicindo: —"Esta é a miña petición e a miña arela: 15 se atopei graza ós ollos do rei, e se ademais lle prace ó rei darme o que lle pido e facer o que eu arelo: que veña o rei con Hamán ó convite que mañá lle vou ofrecer, de acordo coa palabra do rei".
16 Nese día Hamán saíu cheo de ledicia e de gozo no seu corazón; pero cando Hamán viu a Mardoqueo na porta do pazo e que non se ergueu nin sequera se moveu diante del, encheuse de carraxe Hamán contra Mardoqueo. 17 Hamán alporizouse e foi para a súa casa e avisou e fixo vir os seus amigos e a súa muller Zérex. 18 Contoulles Hamán a grandeza da súa riqueza e a multitude dos seus fillos e todas as cousas con que o tiña engrandecido o rei e como o enxalzara por riba dos príncipes e dos ministros do rei, 19 e engadiu Hamán: —"Ademais a raíña Ester convidoume a min só co rei ó convite que lle ofreceu, e tamén mañá só eu fun convidado por ela co rei. 20 Pero todo isto non é nada para min en canto siga vendo a Mardoqueo, xudeu, sentado á porta de rei". 21-28 Díxolle Zérex, a súa muller, e todos os seus amigos: —"Que fagan un madeiro de cincuenta cóbados de alto, e mañá pídelle ó rei que sexa pendurado nel Mardoqueo, e así poderás entrar contento despois ó convite co rei". Gustoulle o consello a Hamán e mandou facer o madeiro.
Dereitos reservados: SEPT