Ester 4
4
Os xudeus fan dó e Ester arreda o perigo
1Soubo Mardoqueo canto se fixera e rachou os seus vestidos, vestiuse de saco, cubriuse de borralla e saíu ó medio da cidade dando laios e dicindo: —"Desaparece un pobo inocente". 2Chegou ata a porta do pazo, pois ninguén pode entrar da porta para dentro vestido de saco. 3En cada provincia, onde ía chegando a orde do rei, o seu decreto, os xudeus facían pranto, xaxún, dó e loito; e o saco e a cinsa eran o leito para moitos. 4As doncelas e os eunucos de Ester entraron onda ela e contáronlle todo. A raíña quedou abraiada, e mandoulle roupa a Mardoqueo para que se vestise e quitase o saco, pero el non quixo. 5Chamou Ester a Hatak, un dos eunucos do rei, que el puxera ó servizo dela, e mandouno onda Mardoqueo para informarse de que era aquilo e a que se debía.
6Saíu Hatak e foi onda Mardoqueo, que estaba na praza que hai diante da porta do pazo, 7e Mardoqueo contoulle todo o que acontecera e a cantidade de diñeiro que Hamán prometera botar nas arcas do tesouro de rei polo exterminio dos xudeus. 8Deulle unha copia escrita do decreto publicado en Xuxán para destruílos, para que llo mostrase a Ester e que ela o coñecese; e mandouna que se presentase ó rei para lle rogar e suplicarlle que se considerase do seu pobo. 8 Mandoulle dicir: —"Lembra cando eras pequena e que eu che dei de comer pola miña man. Hamán, o segundo despois do rei, decretou contra nós a morte. Roga ó Señor, e fálalle ó rei en favor noso e líbranos da morte".
9Entrou Hatak e transmitiulle a Ester as verbas de Mardoqueo. 10Ester mandou a Hatak que lle dixese a Mardoqueo: 11—"Todos os funcionarios do rei e todos os habitantes das provincias saben que calquera home ou muller, que se presente diante do rei no patio interior sen ser chamado, é condenado a morte pola lei, agás aquel a quen o rei toque coa punta do cetro de ouro; e eu xa hai trinta días que non fun chamada para entrar onda o rei". 12Comunicáronlle a Mardoqueo as verbas de Ester, 13e Mardoqueo mandoulle dicir: —"Non vaias imaxinar que, por estares na casa do rei, só ti de entre todos os xudeus te vas salvar, 14porque se neste intre ti calas, doutra parte virá a axuda e a liberación dos xudeus, mentres ti e mais a casa do teu pai pereceredes. Quen sabe se para un momento coma este chegaches a ser raíña?". 15Ester mandoulle dicir a Mardoqueo: 16—"Vai e xunta a todos os xudeus que hai en Xuxán e xaxuade por min, sen comer nin beber nada en tres días e tres noites. Eu e mais as miñas doncelas tamén xaxuaremos. Despois entrarei onda o rei, aínda que teña que morrer por culpa do decreto real". 17Mardoqueo foise e fixo todo o que lle mandara Ester.
Oración de Mardoqueo (LXX)
18 Mardoqueo rogou ó Señor, lembrando todas as obras do Señor e dixo: 19 —"Señor, Señor, Rei dos poderes todos, na túa potestade está todo, e non hai quen cho poida impedir se ti decides salvar a Israel. 20 Ti fixeches o ceo e a terra e todo canto hai de admirable debaixo do ceo e es o Señor de todos, e non hai quen poida retrucar o teu señorío. 21 Ti coñeces todas as cousas; ti sabes, Señor, que non foi por orgullo, nin por soberbia, nin por vaidade polo que eu fixen isto de non me axeonllar diante do fachendoso Hamán, pois de boa gana ata lle beixaría eu os pés pola salvación de Israel. 22 Eu fíxeno para non lle dar gloria a un home por riba da gloria de Deus; e non me axeonllarei diante de ninguén, senón só diante de ti, meu Señor; e non o fago por vaidade.
23 E agora, Señor, Deus, Rei, Deus de Abraham, perdoa ó teu pobo, porque nos andan encima vendo como nos han destruír e devecen por exterminar a que desde sempre foi a túa herdade. 24 Non deixes de mirar pola túa parcela que rescataches para ti do país de Exipto. 25 Escoita a miña súplica, móstrate propicio á túa herdade; cambia o noso loito en festa, para que, vivindo, cantemos himnos ó teu nome, Señor. Non peches a boca dos que te loan". 26 Todo Israel berraba con forza, pois tiñan a morte ante a vista.
Oración de Ester (LXX)
27 Tamén a raíña Ester se refuxiou onda o Señor, apreixada pola agonía de morte. Espiu os vestidos de gloria e puxo unha roupa ruín de loito e tristura. En vez de caros aromas, botou na cabeza cinsa e po lixoso, desfigurou o seu corpo canto puido, e cos seus cabelos revoltos tapou a belida fermosura do seu corpo, e suplicou ó Señor dicindo: 28 —"Meu Señor e noso Deus, ti es único. Vén no meu socorro, que estou soíña e non teño outro socorro ca ti, e a miña vida está en perigo. 29 Desde o meu nacemento xa na tribo dos meus devanceiros oín que ti, Señor, escolliches a Israel de entre todos os pobos, ós nosos pais de entre todos os seus antepasados, para que fosen a túa herdade por sempre, e cumprícheslle todo canto lle prometeras. 30 Temos pecado moito contra ti e entregáchesnos nas mans dos nosos inimigos porque honramos ós seus deuses. Xusto es, Señor. 31 Pero agora non lles abonda a nosa amarga escravitude, senón que puxeron as súas mans no poder dos seus ídolos para borrar o decreto da túa boca e destruír a túa herdade; para pechar as bocas dos que te loan e apagar a gloria da túa Casa e do teu altar; 32 e para abrir, en troques, as bocas dos xentís e loaren os seus deuses e admirar eternamente a un rei de carne.
33 Non lles deixes, Señor, o teu cetro ós que non son nada; que non festexen a nosa caída; volve contra eles o seu destino, e, xa que se ergueron eles primeiro contra nós, fai que sirvan de escarmento.
34 Acórdate, Señor, e faite coñecer no momento da nosa tristura e faime valente, rei dos deuses e Señor de toda autoridade. 35 Pon nos meus beizos verbas feiticeiras, cando estea na presenza do león; troca o odio do seu corazón en contra do que nos persegue para desfeita súa e dos que pensan coma el. 36 A nós líbranos co teu poder e acude no meu socorro, que estou soíña, e non teño a ninguén máis ca ti, Señor.
37 Ti coñeces todas as cousas, sabes que eu aborrezo a gloria dos malvados, que abomino o leito incircunciso e o de calquera estranxeiro. 38 Ti coñeces ben a angustia na que me atopo, que me anoxan as alfaias de grandeza cando cinguen as miñas tempas nos días solemnes, como dá noxo un pano impuro, e que non as poño en privado. 39 A túa escrava non comeu á mesa de Hamán nin tivo por gloriosos os xantares reais nin bebeu do viño das libacións. 40 A túa serva non tivo un só momento de ledicia desde o día da miña coroación ata hoxe máis ca en ti só, Señor e Deus de Abraham. 41-47 Oh Deus, que dominas a todos, escoita o clamor dos privados de esperanza, líbranos da man dos malfeitores, e sobre de todo, líbrame a min do meu medo".
Dereitos reservados: SEPT