Skip to content

Ester 3

3
1Despois destas cousas, o rei Axuero ascendeu a Hamán, fillo de Amedata, o agaguita, e distinguiuno poñendo a súa cadeira máis alta cá de todos os seus compañeiros ministros; 2e todos os funcionarios da corte se axeonllaban ante Hamán por orde real, facéndolle homenaxe; pero Mardoqueo nin lle dobraba os xeonllos nin o reverenciaba. 3Os funcionarios do pazo preguntáronlle: —"Por que ti desobedeces o mandado do rei?". 4Despois de que llo dixeron un día e outro, sen que lles fixese caso, sucedeu que o comentaron con Hamán, para ver se as razóns de Mardoqueo lle abondaban, pois afirmaba facelo por ser xudeu. 5E comprobou Hamán que Mardoqueo non se axeonllaba nin se domeaba diante del e encheuse de carraxe; 6pero pareceulle pouco castigar só a Mardoqueo —pois dixéranlle de que pobo era—, e intentou exterminar a todos os xudeus que había no reino enteiro de Axuero. 7No mes primeiro, o mes de Nisán, do ano doce do rei Axuero, botaron Pur, isto é, sortes, diante de Hamán, para saberen o día e o mes; e caeu a sorte no día trece do mes doce, que é o mes de Adar. 8Entón Hamán díxolle ó rei Axuero: —"Hai un único pobo, espallado e estendido entre os pobos por todas as provincias do teu reino, que ten leis diferentes das doutros pobos, e non obedecen as leis do rei. Non lle convén ó rei consentirllo. 9Se o rei o xulga conveniente, mande publicar un decreto para exterminalo e entregarei dez mil talentos de prata nas mans dos contadores, para as arcas do tesouro real". 10O rei tirou da súa man o anel e púxollo a Hamán, fillo de Amedata, o agaguita, inimigo dos xudeus, 11e díxolle: —"A prata doucha a ti; en canto ó pobo fai o que queiras con el".
12O día trece do primeiro mes foron chamados os escribáns do rei para escribir, e escribiuse, de acordo con todo o que mandara Hamán, ós sátrapas do rei, ós gobernadores que había á fronte de cada distrito e ós príncipes de cada pobo: a cada distrito segundo a súa escritura, e a cada pobo, segundo a súa lingua, a todos no nome do rei Axuero, e selouse co anel do rei. 13E mandaron os decretos, por medio dos correos, a todas as provincias do rei para matar e exterminar e aniquilar a todos os xudeus, mozos e vellos, nenos e mulleres nun só día, o día trece do mes doce, que é o mes de Adar, e saquear os seus bens.
Carta de Asuero (LXX)
14 Velaquí o texto da carta: —"O grande rei Axuero ós xefes e gobernantes, ós seus súbditos das cento vinte e sete provincias que hai desde a India ata Etiopía, escríbelles o seguinte: 15 Sendo xefe de moitos pobos e dono de toda a terra habitada, coidei de non me deixar levar pola soberbia do poder, senón de gobernar sempre con afabilidade e mansedume, e de manter decote en calma as vidas dos que me están sometidos, procurando un reino tranquilo e asisado ata as súas fronteiras e facendo xermolar a paz, tan arelada por todos os homes. 16 Consultados os meus conselleiros sobre como podería levar a cabo isto, Hamán, que destaca entre nós polo seu siso, pola súa inalterable lealdade e rexa fidelidade, e que foi promovido ó segundo posto do reino pola súa dignidade, 17 demostrounos que entre todas as tribos da terra hai mesturado un pobo inimigo, oposto polas súas leis a todas as nacións, que refuga continuamente as ordes dos reis de maneira que non se poida establecer un goberno seguro, endereitado por nós con acerto. 18 Decatámonos de que este pobo é o único que prexudica a todos os homes, afastado pola estraña maneira de vivir coas súas leis, resultando inimigo dos nosos intereses ó cometer as peores maldades para que non se consiga un reino estable. 19 Polo tanto, mandamos que todos os sinalados nos escritos de Hamán, encargado dos nosos negocios e que é coma noso segundo pai, sexan todos exterminados de raíz coas súas mulleres e fillos pola espada dos seus inimigos sen compaixón ningunha nin consideración o día catorce do mes doce, mes de Adar, deste mesmo ano, 20 de maneira que os inimigos antigos e de hoxe sexan violentamente botados nun mesmo día ó sepulcro, e así nos deixen manter no futuro os nosos asuntos en seguranza e paz".
(Texto hebreo: Versículos 14-15)
21 A copia deste escrito tiña que ser publicada coma lei en todas as provincias e tiña que se dar a coñecer en todos os pobos para que estivesen dispostos naquel día. 22 Os correos saíron urxentes por orde do rei, e o decreto foi publicado no pazo de Xuxán. Mentres o rei e Hamán bebían ledos, a cidade estaba abraiada.