Skip to content

Ester 2

2
Ester escollida para ser a raíña
1Despois daquilo, cando a carraxe do rei Axuero minguou, recordouse de Vaxtí e tamén do que fixera ela e do que el decretara contra ela. 2E dixeron os funcionarios ós seus ministros: —"Temos que lle buscar ó rei doncelas virxes de belida presenza. 3Que en cada provincia do reino escolla o rei encargados de recoller as doncelas virxes de belida presenza e que as xunten no pazo de Xuxán, na casa das mulleres, baixo as ordes de Hegué, o eunuco real custodio das mulleres, e que lles dea canto precisen para o seu adorno, 4e a moza que máis lle praza ó rei será raíña no posto de Vaxtí". E gustoulle ó rei a proposta e así se fixo.
5Había no castelo de Xuxán un xudeu, de nome Mardoqueo, fillo de Iair, fillo de Ximí, fillo de Quix o benxaminita. 6Este fora deportado de Xerusalén cos cativos levados con Ieconías, rei de Xudá, por Nabucodonosor, rei de Babilonia. 7Criara el a Hadasah, ou sexa, Ester, filla dun seu tío, orfa de pai e nai, rapaza de fermosa figura e belida presenza, a quen adoptara Mardoqueo coma filla tras de lle morreren a ela pai e nai.
8E aconteceu que ó coñecerse a orde do rei, o seu decreto, e ó se xuntaren moitas mozas no pazo de Xuxán, baixo a autoridade de Hegué, foi tamén escollida Ester para a casa do rei e confiada a Hegué, o custodio das mulleres.
9Gustoulle a Hegué a rapaza, que achou graza ós seus ollos, e de seguido lle deu as cremas de tocador e a correspondente mantenza, e sete doncelas escollidas da casa do rei, e levouna coas súas doncelas á mellor sala do harén das mulleres. 10Ester non desvelou nin o seu pobo nin a súa parentela, porque Mardoqueo lle aconsellara que non o descubrise. 11Mardoqueo paseaba a cotío por diante do patio da casa das mulleres para saber da saúde de Ester e de canto lle sucedía. 12A cada rapaza chegáballe a súa vez para ir onda o rei Axuero, despois de se preparar durante doce meses, segundo prescribía o regulamento das mulleres. Os meses do tratamento repartíanse así: seis meses con óleo de mirra e outros seis con aromas e cremas para mulleres. 13Cando unha rapaza entraba onda o rei, dábanlle todo o que pedía para levar consigo desde a casa das mulleres ata a casa do rei. 14Presentábase á tardiña e volvía ó amañecer a outra casa das mulleres, que vixiaba Xaaxgaz, o eunuco encargado das concubinas. Non volvería a entrar onda o rei, a non ser que a chamase polo seu nome, por lle ser do seu agrado.
15Cando a Ester, filla de Abihail, tío de Mardoqueo, que el tomara por fillo, lle chegou a súa vez de entrar onda o rei, non pediu cousa ningunha, fóra do que lle dixera Hegué, o eunuco do rei, custodio das mulleres. Ester enfeitizaba a todos os que a vían. 16Ester foi levada onda o rei Axuero, ó pazo real no décimo mes, o mes de Tebet, no ano sétimo do seu reinado. 17O rei quíxolle máis a Ester do que a todos as outras mulleres; tanto que lle puxo na cabeza a coroa real e declarouna raíña no posto de Vaxtí.
18O rei ofreceu un gran banquete a todos os xefes e servidores en honra de Ester; concedeu un día festivo en todas as provincias e repartiu regalos en abundancia, como corresponde á riqueza do rei.
Ester na casa das concubinas
19Cando Ester se xuntou coas outras doncelas na casa das concubinas, Mardoqueo estaba destinado ó servizo da porta do rei. 20Ester non desvelou a súa parentela nin o seu pobo, como lle aconsellara Mardoqueo, pois ela obedecía os mandados de Mardoqueo como cando se criaba con el. 21Naqueles mesmos días, cumprindo Mardoqueo o seu servizo na porta do rei, Bigtán e Térex, dous eunucos do rei, gardas da porta, estaban descontentos e preparaban un atentado contra o rei. 22Informouse Mardoqueo do asunto e contoullo á raíña Ester e ela díxollo ó rei de parte de Mardoqueo. 23Pes—cudouse o caso e resultou ser verdade; polo que foron colgados os dous do madeiro e o caso quedou escrito nos anais do rei.