Skip to content

Ester 1

1
(TEXTO RECOLLIDO DA VERSIÓN DOS LXX)
1 O ano segundo do reinado do rei Axuero, o Grande, o día un do mes de Nisán, tivo un soño Mardoqueo, fillo de Iaír, fillo de Ximí, fillo de Quix, da tribo de Benxamín, 2 xudeu, que moraba na cidade de Xuxán, home importante, dedicado ó servizo do pazo do rei. 3 Era un dos que Nabucodonosor, rei de Babilonia, levara cativos de Xerusalén con Ieconías, rei de Xudá. 4 O soño foi este: berros, estrondo, trebóns e terremotos e barafunda na terra. 5 Dúas cobras grandísimas corrían unha cara a outra para se combateren e botaron un asubío estarrecente, 6 e ó seu asubío todos os pobos se ergueron para facerlle a guerra á nación dos xustos. 7 Era un día cheo de escuridade e tebras, de dores e angustias, de ruína e grande barafunda na terra. 8 Toda a nación dos xustos se conturbou polo temor da desgraza que lle viña enriba e dispúñanse a perecer, 9 e gritaron a Deus. O seu clamor medrou coma dunha fontela medra un río grande, de moitísima auga. 10 Xurdiu a luz e mais o sol e os humildes erguéronse e devoraron ós soberbios. 11 O espertar Mardoqueo, que tivera este soño, andou preocupado matinando e matinando ata a noite para comprender o seu significado e descubrir o que quería facer Deus.
Conspiración contra o rei
12 Mardoqueo estaba repousando no pazo con Gabatá e Tarra, os dous eunucos do rei que gardaban o patio, 13 oíu os seus designios e pescudou a súa intención e decatouse de que intentaban pórlle a man enriba ó rei Axuero e denunciounos ó rei, 14 que interrogou ós dous eunucos, e despois de confesar a verdade, foron levados ó patíbulo. 15 O rei fixo escribir estas cousas para lembranza e tamén Mardoqueo escribiu sobre o mesmo caso. 16 Por mor daquel feito o rei agasallou con regalos a Mardoqueo e deulle un posto mellor no seu servizo do pazo. 17 Pero Hamán, fillo de Amedata, agaguita, era moi ben mirado polo rei e buscaba a maneira de prexudicar a Mardoqueo e ó seu pobo, polo asunto dos dous eunucos do rei.
(TEXTO HEBREO: Versículos 1-22)
18 Nos días do rei Axuero —aquel Axuero que reinou desde a India ata Etiopía en cento vinte e sete provincias—, 19 naqueles días, cando o rei Axuero sentaba no seu trono real do castelo de Xuxán, 20 no ano terceiro do seu reinado, convidou a comer a todos os seus príncipes e ministros diante del, ós xefes de exército dos persas e dos medos, ós nobres, príncipes e sátrapas das provincias. 21 Quíxolles mostrar a riqueza e a gloria do seu reino e o relucente grandor do seu poder, durante moitos días, cento oitenta días.
22 Pasados eses días, ofreceu o rei a todos cantos vivían no castelo de Xuxán, desde o meirande ó máis pequeno, un xantar de sete días no patio do xardín do pazo real. 23 Había colgaduras brancas e violeta suxeitas con cordóns de liño fino e púrpura en ariños de prata enriba dun piso de mármore e de alabastro, de madreperla e turquesa con columnas de alabastro e leitos de ouro e prata. 24 Bebíase en copas de ouro, todas distintas, viño a treo, de acordo coa fartura real. 25 A norma para a bebida era que non se forzase a ninguén, pois o rei mandáralles ós camareiros da casa que cadaquén bebese á súa vontade.
Comportamento da raíña Vaxtí
26 Tamén a raíña Vaxtí ofreceu un convite para as mulleres no pazo do rei Axuero. 27 No día sétimo, cando o corazón do rei estaba alegre por mor do viño, mandou a Mehumán, Bizetá, Harboná, Bigtá, Abagtá, Zetar e Karkás, os sete eunucos que servían ó rei Axuero, 28 que lle trouxesen a raíña Vaxtí coa coroa real á súa presenza, para mostrarlles ós pobos e ós príncipes a súa fermosura, pois era de belida presenza. 29 Pero a raíña Vaxtí rexeitou a orde que lle dera o rei por medio dos eunucos. O monarca enrabechouse moito e colleuno unha fonda carraxe. 30 E o rei consultou os sabios expertos no dereito real (pois era costume someter os asuntos reais ós coñecedores da lei e do dereito), 31 sendo os máis achegados a el Karxená, Xetar, Admatá, Tárxix, Meres, Marsená e Memukán, os sete príncipes de Persia e Media, os únicos que podían ver cara a cara ó rei e que ocupaban os primeiros postos no reino. Preguntoulles:
32 —"De acordo coa lei que lle hai que facer á raíña Vaxtí por non obedecer a orde do rei Axuero, dada por medio dos eunucos?" 33 Entón Memukán dixo diante do rei e dos príncipes: —"A raíña Vaxtí non soamente ofendeu ó rei, refugando a súa orde, senón tamén a todos os príncipes e a todos os pobos que viven en todas as provincias do rei Axuero; 34 porque o feito da raíña chegará a coñecemento de todas as mulleres, que desprezarán ós seus homes. Dirán: O rei Axuero mandou vir onda el á raíña Vaxtí, e ela non veu. 35 Desde hoxe mesmo as princesas de Persia e Media que saiban o feito pola raíña, desprezarán a todos os príncipes do rei, e xurdirá un vergoñento desprezo e unha grande liorta. 36 Se lle parece ben ó rei publíquese un decreto real que se inclúa entre as leis de Persia e Media, que non se poida retrucar e que diga que a raíña Vaxtí non se presente máis diante do rei Axuero, e que o monarca lle dea a súa coroa a outra máis digna ca ela. 37 E, cando o decreto do rei sexa escoitado en todo o seu reino, aínda sendo tan grande, todas as mulleres lles terán respecto ós seus homes desde o máis grande ó máis pequeno". 38 Pareceulle ben ó rei e ós príncipes a proposta de Memukán e o rei fixo de acordo coas súas verbas; 39 mandou decretos a todas as provincias do reino, a cada provincia de acordo coa súa escritura e a cada pobo segundo a súa lingua, ordenando que todo marido fose dono da súa casa.