Skip to content

1 Macabeos 1

1
1Alexandro, o macedonio, o fillo de Filipo, que reinaba en Grecia, saíu de Macedonia, venceu a Darío, o rei dos persas e dos medos, e reinou no seu sitio. 2Despois fixo moitas guerras, ocupou fortalezas, asasinou reis, 3chegou ata ó cabo do mundo, e apoderouse de moitísimas nacións, e a terra quedoulle sometida. Daquela enfonchouse e encheuse de orgullo; 4xuntou un exército potentísimo e someteu ó seu imperio países, pobos e soberanos, que lle tiveron que pagar tributos. 5Despois de todo isto encamou e, vendo que a cousa era de morte, 6chamou ós xenerais máis ilustres, que se criaran con el desde a mocidade, e repartiulles o seu reino aínda antes de morrer. 7Alexandro morreu cando levaba doce anos de reinado; 8entón os seus xenerais fixéronse cargo do reino. 9Despois que morreu todos se puxeron a coroa de rei, e logo os fillos deles por moitos anos, de xeito que se multiplicaron os males no mundo.
Antíoco IV Epífanes
10Deles saíu un xermolo perverso, Antíoco Epífanes, fillo do rei Antíoco; estivera en Roma como refén e apoderouse do reino o ano cento trinta e sete da era seléucida.
11Daquela houbo algúns israelitas malvados que convenceron ó pobo dicíndolle: —"Veña, hai que facer un pacto coas nacións veciñas, pois desde que nos desvencellamos delas viñéronnos moitas desgrazas".
12A proposta caeu moi ben, 13e algúns do pobo acordaron ir onda o rei; e o rei deulles autorización para seguiren os costumes pagáns; 14entón, por se acomodar ós usos pagáns, fixeron un ximnasio en Xerusalén, 15disimularon os prepucios, abandonaron a alianza santa, emparentaron cos pagáns e vendéronse á maldade.
16Antíoco, cando xa se sentiu seguro no seu trono, decidiu apoderarse tamén de Exipto, para reinar nos dous pobos. 17Invadiu Exipto cun exército moi poderoso, con carros, elefantes, cabalos e cunha grande flota, 18e atacou a Tolomeo, o rei de Exipto. Tolomeo colleu medo e fuxiu, pero tivo moitas baixas. 19Entón Antíoco apoderouse das prazas fortes de Exipto e saqueou o país.
20O ano 143, de volta xa da conquista de Exipto, Antíoco subiu contra Israel e achegouse a Xerusalén cun exército poderoso. 21Entrou todo fachendoso no santuario, colleu o altar de ouro, o candelabro con todos os seus utensilios, 22A mesa dos pans presentados, as cuncas das libacións, as fontes, os incensarios, a cortina, as coroas, e arrincou todo o decorado de ouro que recubría o templo, 23levou tamén a prata, o ouro, a vaixela de valor e os tesouros escondidos que puido atopar; 24e marchou con todo para a súa terra, despois de facer moitas mortes e dicir arrogancias incribles.
25Oíronse queixas en todo Israel,
26laiáronse os príncipes e os vellos;
as mozas e os mozos perderon as forzas,
fóiselles ás mulleres a súa fermosura.
27Entoaron os casados cántigas de queixa,
as casadas no seu leito enchéronse de tristura.
28Tremeu a terra pola grima dos seus habitantes,
a casa de Xacob encheuse de vergonza.
29De alí a dous anos o rei mandou un axente do fisco ás cidades de Xudá e presentouse en Xerusalén cun exército moi grande; 30faloulles con falsidade palabras de paz e creron nelas. Pero de súpeto botouse contra a cidade e castigouna con moita dureza e matou a moitos israelitas. 31Saqueou e incendiou a cidade, desfixo as súas casas e as murallas que a rodeaban, 32levou cativas as mulleres e os nenos e apoderouse do gando. 33Despois converteron a cidade de David nunha cidadela rodeándoa con murallas altas e fortes e tamén con torres. 34Meteron na cidadela a pagáns perversos e a xudeus renegados que se instalaron alí para defendela; 35Almacenaron armas e mantenza e xuntaron alí os espolios que recolleron en Xerusalén, e deste xeito veu ser un grande perigo, 36unha insidia para o santuario, unha ameaza continua para Israel.
37Verteuse sangue inocente arredor do santuario e profanárono.
38Por culpa deles fuxiron os de Xerusalén,
que se converteu así en morada de estranxeiros,
casa estraña para os seus, abandonárona os seus fillos.
39O seu santuario quedou só coma un deserto;
as súas festas convertéronse en dó,
os seus sábados, en oprobio; o seu honor, en aldraxe.
40A súa deshonra igualou a sona doutros tempos,
a súa magnificencia cambiouse en dó.
41O rei Antíoco mandou por un decreto que todos os súbditos do seu Imperio formasen soamente un pobo, 42e que cada un abandonase os seus costumes particulares. Todas as nacións se aviñeron ó mandado polo rei, 43e moitos israelitas adoptaron a relixión mandada, sacrificando ós ídolos e profanando o sábado. 44O rei mandou mensaxeiros a Xerusalén e ás cidades de Xudá con ordes escritas para que todos seguisen as leis estranxeiras; 45nelas prohibíase ofrecer holocaustos no santuario, os sacrificios e as libacións, gardar os sábados e as festas; 46e mandábase contaminar o santuario e os fieis, 47construír altares, templos e ídolos, e sacrificar porcos e animais impuros; 48mandábase tamén que non circuncidasen ós nenos e que se profanasen a si mesmos con impurezas e abominacións de toda clase, 49de xeito que esquecesen a Lei, e cambiasen todos os costumes. 50O que non cumprise as ordes do rei sería condenado á morte.
51Isto foi o decreto publicado en todo o reino. Puxo inspectores en todo Israel, e mandou que se ofrecesen sacrificios en todas as cidades de Xudá, unha por unha. 52Xuntóuselles moita xente do pobo, todos os traidores á Lei, e cometeron tan grandes barbaridades no país 53que os israelitas verdadeiros tiveron que acocharse en calquera escondedoiro que aparecese.
54O día 15 de Kisleu do ano 145 puxeron enriba do altar unha ara sacrílega, e despois foron poñendo aras por todas as cidades de Xudá; 55ofrecían incenso diante das portas das casas e nos rueiros, 56rachaban os libros da Lei que atopaban e botábanos ó lume. 57O que tivese un Libro da Alianza e o que vivise de acordo coa Lei era condenado a morte, segundo o decreto real.
58Un mes atrás doutro facían o mesmo cos israelitas que se atopaban nas súas cidades. 59O día 25 de cada mes sacrificaban na ara construída enriba do altar dos holocaustos. 60Mataban ás nais que circuncidaban ós seus fillos, segundo mandaba o decreto, 61cos meniños colgados ó pescozo; saqueaban as casas e mataban ós que circuncidasen ós nenos.
62Pero houbo moitos en Israel que se mantiveron firmes na súa decisión de non comer nada impuro; 63e preferían antes morrer que lixarse cos alimentos e profanar a alianza santa; e morreron.
64A cólera que descargou sobre Israel foi cousa terrible.