Deuteronomio 4
4
A Lei, don de Deus, é fonte de sabedoría e de vida
1E agora, Israel, escoita as leis e decretos que eu vos ensino a cumprir para que vivades, entredes e tomedes posesión da terra que o Señor, Deus dos vosos pais, vos entrega. 2Non engadades nada ás palabras dos mandamentos que eu vos ordeno, nin lles quitedes nada, cumprindo as ordes do Señor, o voso Deus, que eu vos impoño. 3Os vosos ollos viron o que o Señor fixo en Baal Peor: a todo home que se foi tras do Baal de Peor, o Señor, o teu Deus, exterminouno do medio de ti, 4mentres que todos vós, que vos apegastes ao Señor, o voso Deus, seguides vivos o día de hoxe.
5Velaí que, tal e como o Señor, o meu Deus mo mandara facer, vos ensinei mandamentos e preceptos, para que obrásedes conforme eles dentro da terra onde ides entrar para tomardes posesión dela.
6Observádeos e poñédeos en práctica, pois isto será a vosa pericia e a vosa sabedoría ós ollos dos pobos. Estes, ao escoitaren todos estes mandamentos, dirán: esta gran nación é o pobo máis experto e máis sabio, 7pois, que gran nación ten os seus deuses tan cerca de si como está o Señor, noso Deus, sempre que o invocamos? 8E que gran nación ten mandamentos e preceptos tan xustos coma esta lei que hoxe eu vos propoño? 9Pero ti ten moito coidado de ti, ten coidado coa túa vida, de non esqueceres cousas que viron os teus ollos e de que non se che aparten do teu corazón todos os días da túa vida. Cóntallelas a teus fillos e a teus netos.
Condescendencia de Deus na comunicación da súa Alianza e dos seus
mandamentos
10O día que estiveches no Horeb na presenza do Señor, o teu Deus, o Señor díxome: Xúntame en asemblea a este pobo, e fai que escoite as miñas palabras, para que aprendan a respectarme todos os días que vivan nesa terra e para que llelas aprendan a seus fillos. 11Entón vós achegástesvos e quedastes ao pé da montaña, e o monte resplandecía cunha lumarada que chegaba ao mesmo corazón do ceo, con escuridade, con nube e con espesos negróns. 12Entón o Señor falouvos desde o medio da lumarada. Vós oïades o son das palabras, pero non percibiades ningunha figura, soamente a voz. 13El manifestouvos a súa alianza coa que vos obrigaba a cumprir os dez mandamentos; si, escribiunos en dúas lousas de pedra. 14Entón a min mandoume o Señor que vos ensinase os mandamentos e decretos, para que os puxésedes en práctica na terra na que iades entrar para tomardes posesión dela.
15Tende moito coidado con vós mesmos, que, o día que o Señor vos falou no Horeb desde o medio da lumarada, non vistes ningunha figura. 16Non vos pervertades fabricando para vós ningún ídolo da forma de calquera divindade: imaxe masculina ou feminina, 17imaxe de calquera animal que hai no abismo, imaxe de calquera paxaro alado que voa no ceo, 18imaxe de calquera réptil do chan, imaxe de calquera peixe que hai nas augas de debaixo da terra.
19E cando levantes os ollos cara ao ceo e contemples o sol, a lúa e as estrelas, todas as constelacións celestes, non te deixes seducir, adorándoos nin dándolles culto, pois o Señor, o teu Deus, repartiunos entre todos os pobos que hai de debaixo de todo o ceo. 20Pero a vosoutros o Señor colleuvos e sacouvos do forno do ferro, de Exipto, para constituírvos no que o día de hoxe sodes, o pobo da súa herdanza.
A Alianza do Deus celoso e as testemuñas da Alianza
21O Señor enfadouse contra min pola vosa culpa, e xurou que eu non cruzaría o Xordán nin entraría nesa bendita terra que o Señor, o teu Deus, che vai dar en herdanza. 22Si, eu vou morrer nesta terra, sen poder cruzar o Xordán, mentres que vosoutros cruzarédelo e tomaredes posesión desa bendita terra. 23Tende coidado, non vos esquezades da alianza do Señor, o voso Deus, a que el pactou convosco, nin vos fagades ídolos da figura de calquera cousa, porque cho prohibiu o Señor, o teu Deus; 24pois o Señor, o teu Deus, é lume que devora, é un Deus celoso.
25Cando teñas fillos e netos e te fagas vello nesa terra, se te pervertes facendo ídolos da figura de calquera cousa e facendo o que está mal ós ollos do Señor, o teu Deus, enfadándoo deste xeito, 26poño hoxe por testemuñas contra vós o ceo e mais a terra: desapareceredes axiña da terra á que ides pasar cruzando o Xordán para tomardes posesión dela; non alongaredes os vosos días sobre ela, senón que desaparecederes completamente. 27O Señor esparexeravos por entre as nacións e soamente uns poucos quedaredes entre os pobos a onde o Señor vos levará. 28Aló adoraredes deuses, feitos por mans humanas, pau e pedra que nin ven nin oen, nin comen nin olen. 29Pero desde alí buscaredes o Señor o teu Deus, e atoparalo, se o buscas con todo o teu corazón e con toda a túa alma. 30Cando, ao cabo de certos días, todas estas maldicións te cerquen e che veñan enriba, volveraste ao Señor, o teu Deus, e escoitarás a súa voz, 31pois o Señor, o teu Deus, é un Deus compasivo: non te abandonará nin te destruirá nin esquecerá a Alianza que con xuramentos lles prometeu a teus pais.
32Si, pregúntalles ós tempos antigos, que houbo antes de ti desde o día en que Deus creou a humanidade sobre a terra, e desde un cabo do ceo ata o outro cabo do ceo: Houbo algo tan grande coma isto ou oíuse algo semellante? 33Escoitou algún pobo a voz de Deus falándolle desde o medio do lume, tal coma ti a escoitaches, e seguiches vivindo? 34Ou intentou algún deus vir coller para si unha nación do medio doutros pobos, con castigos, con sinais e prodixios, con guerra, con man forte e brazo estendido, con terrores grandes, de maneira semellante a todo o que o Señor, o voso Deus, fixo no voso favor en Exipto ós teus propios ollos?
35A ti fíxoche ver todo isto para que saibas que o Señor é o teu Deus, que fóra del non hai outro. 36Desde o ceo fíxoche escoitar a súa voz para instruírte, e sobre a terra fíxoche ver a súa gran luminaria para que escoitases as palabras que saían do medio do lume, 37e seguiches vivo diante del. Amou a teus pais e escolleu a súa descendencia despois deles, e por isto fíxote saír de Exipto na súa presenza coa súa gran forza, 38para desposuír diante túa a pobos máis grandes e poderosos ca ti, para facerte entrar e darche en posesión a súa terra, tal como hoxe sucede. 39Recoñéceo hoxe e dálle voltas no teu corazón: o Señor é Deus, arriba no ceo e abaixo na terra, e que non hai outro. 40Garda os seus mandatos e leis que eu mando hoxe: serache bo para ti e para teus fillos despois de ti, e alongarás os teus días sobre a terra que o Señor, o teu Deus, che vai dar para sempre".
Apéndice histórico: as cidades de refuxio na Transxordania
41Entón separou Moisés tres cidades ao outro lado do Xordán, ao Nacente do sol, 42para se refuxiaren alí os homicidas por mataren ao seu próximo sen querer e sen odialo de véspera nin de antevéspera; refuxiándose nunha desas cidades, vivirá. 43Para os rubenitas, separou Béser no deserto, na terra cha; para os Gaditas, Ramot, en Galaad; e para os menaxitas, Golán, en Baxán.
44Esta é a Lei que lles propuxo Moisés ós fillos de Israel. 45Estas son as normas, preceptos e decretos que lles promulgou Moisés ós fillos de Israel, cando saíron de Exipto. 46Foi no outro lado do Xordán, no val que está fronte a Bet Peor, no país de Sihón, rei amorreo, quen reinaba en Hexbón. A Sihón venceuno Moisés e mais os fillos de Israel, cando saían de Exipto, 47e tomaron posesión do seu país e do territorio de Og, rei de Baxán (os dous reis amorreos que vivían do outro lado do Xordán): polo Nacente do sol, 48desde Aroer, que está na ribeira do Arnón, ata o monte Sión, isto é, o Hermón, 49e mais toda a Arabah do outro lado do Xordán cara ao Nacente, e ata o mar da Arabah debaixo das ladeiras do río Pisgah.
Currently Selected:
Deuteronomio 4: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT