YouVersion Logo
Search Icon

Deuteronomio 5

5
A revelación do Señor á Asemblea de Israel no Horeb
1Moisés convocou a todo Israel e díxolle:
—"Escoita, Israel, estes mandatos e decretos que eu promulgo ós vosos oídos neste día, para que os aprendades e coidedes de os pór en práctica.
2O Señor, o noso Deus, fixo unha alianza connosco no Horeb; 3non foi cos nosos pais, con quen o Señor fixo esta alianza, senón connosco, estes que hoxe estamos aquí, todos nós, vivos. 4Cara a cara falou o Señor convosco na montaña desde o medio do lume. 5Eu estaba entre o Señor e vós naquel intre, para darvos a coñecer a palabra do Señor, xa que vós lle tiñades medo á presenza do lume, e non quixestes rubir á montaña. Velaí o que dixo:
6Eu son o Señor, o teu Deus, que te fixen saír do país de Exipto, da opresión dos escravos.
7Non terás outros deuses na miña presenza.
8Non farás para ti imaxe esculpida, que represente nada do que hai arriba no ceo, nin abaixo na terra, nin na auga de debaixo da terra. 9Non te prostrarás en adoración diante delas nin te someterás á escravitude no culto a elas, xa que eu son o Señor, o teu Deus, Deus celoso: para os que me aborrecen, castigo o delito dos pais nos descendentes ata a terceira e cuarta xeración; 10pero practico misericordia benfeitora por mil xeracións cos que me aman e gardan os meus mandamentos.
11Non invocarás o nome do Señor, o teu Deus, en van, pois non deixará o Señor sen castigo ao que invoque en van o seu nome.
12Reserva o día do sábado para santificalo, segundo cho mandou o Señor, teu Deus. 13Traballa e cumpre toda a túa misión durante seis días, 14pero o día sétimo é sábado, o descanso para o Señor, o teu Deus. Non farás ningún traballo, nin ti nin o teu fillo nin a túa filla, nin o teu criado nin a túa criada, nin o teu boi nin o teu burro, nin ninguén dos teus animais, nin o estranxeiro que está nas túas cidades; deste xeito, descansarán o teu servo e mais a túa serva o mesmo ca ti. 15Lémbrate de que fuches servo no país de Exipto e de que te sacou de alí o Señor o teu Deus con man forte e brazo estendido. Por isto mandouche o Señor o teu Deus que observases o día de descanso sabático.
16Honra a teu pai e túa nai, tal como cho mandou o Señor, o teu Deus, para que se alonguen os teus días e atopes a felicidade na terra, que o Señor o teu Deus che vai dar.
17Non mates.
18Non cometas adulterio.
19Non roubes.
20Non deas testemuño falso contra o teu próximo.
21Non desexes ter a muller do teu próximo; non cobices a casa do teu próximo, nin a súa terra, nin o seu servo nin a súa serva, nin o seu boi nin o seu burro, nin nada do que lle pertence ao teu próximo.
22Estes mandamentos ditoullos o Señor con forte voz a toda a vosa asemblea na montaña, desde o medio do lume, da nube e do escuro nubrado. Non engadiu máis nada, senón que os escribiu en dúas lousas de xisto, e entregoumos a min.
A mediación de Moisés na promulgación da Lei
23Pero cando escoitastes esta voz que saía do medio do nubrado e cando a montaña ardía en labarada, achegástesvos xunto a min, todos vós, xefes de tribos e anciáns 24e dixéstesme: Velaí que o Señor, o noso Deus, mostrounos a súa gloria e a súa grandeza: escoitámolo falar desde o medio do lume. Hoxe vimos que Deus lle pode falar ao home, e este pode seguir vivo; 25pero agora, ben certo que morreremos. Seguro que nos devorará esa grande labarada, se seguimos nós escoitando de novo a voz do Señor, o noso Deus. Si, morreremos, 26pois un que sexa todo el carne e que escoite a voz do Deus vivo falándolle desde o medio do lume, como poderá seguir vivo? 27Acércate ti e escoita todo o que diga o Señor, o noso Deus, e logo ti dirasnos todo o que che diga o Señor, o noso Deus, e nós escoitarémolo e porémolo en práctica.
28Pero o Señor escoitou as vosas palabras mentres me falabades, e logo díxome o Señor: Escoitei as palabras que che falou este pobo. Está ben todo o que che dixeron. 29Quen me dera que tivesen un corazón deste xeito, para respectarme a min sempre e para gardaren todos os meus preceptos, e para deste xeito seren felices sempre, eles e os seus fillos! 30Vai e dilles: Volvédevos ás vosas tendas. 31Pero ti, queda aquí comigo, que che vou ditar eu mesmo todos os mandamentos e preceptos e ordes que lles ensinarás a eles para que os poñan en práctica no país do que lles vou dar posesión.
32Tende, pois, coidado de pólos en práctica tal como volo mandou a vós o Señor, o noso Deus. Non vos desviedes nin á dereita nin á esquerda. 33Seguide todo o camiño que vos mandou o Señor, voso Deus, e deste xeito viviredes, seredes felices e alongaredes os días que recibiredes en herdanza.

Currently Selected:

Deuteronomio 5: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in