Deuteronomio 3
3
Guerra santa e conquista do reino de Og en Baxán
1Logo nós volvemos para subir camiño de Baxán, cando Og, o rei de Baxán, nos saíu ao encontro en Edrei en plan de guerra, el e todo o seu exército. 2Entón díxome o Señor: Non lles teñas medo, xa que chos puxen na túa man, a el, a todo o seu exército e o seu país; e has de lles facer o mesmo que lle fixeches a Sihón, o rei dos amorreos, que reinaba en Hexbón. 3Deste xeito, o Señor, o noso Deus, tamén nos entregou nas nosas mans a Og, rei de Baxán, e a todo o seu exército, e derrotámolo ata non deixarlle sobrevivente. 4Daquela, apoderámonos de todas as súas cidades, sen que quedase ningunha que non lla tomásemos. Sesenta cidades de toda a comarca de Argob, eran o reino de Og en Baxán. 5Todas estas cidades estaban fortificadas con altos muros, porta dobre e trancas, sen contar as cidades de abundante poboación perizita desde antigo. 6Consagrámolas ao exterminio, o mesmo que fixeramos con Sihón, rei de Hexbón; consagramos cada unha das cidades: a homes, mulleres e meniños; 7deixamos para nós todos os animais e o botín destas cidades.
8Entón, arrebatámoslles a dous reis amorreos do outro lado do Xordán este territorio: desde o río Arnón ata o monte Hermón. 9(A xente de Sidón chámalle Sirion ao Hermón, mentres que os amorreos lle chaman Senir). 10Todas as cidades da Chaira e todo o Galaad e todo o Baxán ata Salcah e Edrei, eran cidades do reino de Og en Baxán. 11(Og, o rei de Baxán, era o único que quedaba do resto dos refaítas: Velaí o seu sartego!, o sartego de bronce que hai en Rabat dos amonitas; ten nove cóbados de longo por catro de ancho medido en cóbados ordinarios).
12Ata entón, tomaramos posesión de todo este territorio.
Reparto entre as tribos da Transxordania
Entregueilles aos rubenitas e gaditas a metade da montaña de Galaad e mais as súas cidades, desde Aroer, que se atopa á beira do río Arnón. 13A metade da tribo de Menaxés entregueille o resto de Galaad e todo o Baxán, toda a rexión de Argob, que fora o reino de Og. (A toda esta rexión de Baxán, chámanlle país dos refaítas).
14Iaír, o fillo de Menaxés, recibiu toda a rexión de Argob ata as fronteiras dos guexurritas e dos macateos, e ata o día de hoxe estes habitantes chamáronse co seu nome, e a Baxán chamóuselle Tendas de Iaír. 15A Maquir entregueille o Galaad. 16Os rubenitas e ós gaditas entregueilles desde Galaad ata o río Arnón, servindo de fronteira o medio do río, e ata o río Iaboc, a fronteira dos amonitas. 17E ademais a estepa que ten o Xordán por fronteira, desde Xenesaret ata o mar da estepa, isto é, ata o mar Morto e ao Nacente onde está, augas abaixo, a liña divisoria de augas do Pisgah.
Ordes de Moisés para preparar a invasión da Cisxordania
18Daquela deivos estas ordes: O Señor, o voso Deus, entregouvos este país en posesión, pero vós, soldados, e todos os homes útiles para a guerra, pasaredes diante dos vosos irmáns israelitas. 19Soamente as vosas mulleres, os vosos meniños e os vosos rabaños —pois eu sei que tendes moitos rabaños— quedarán nas vosas cidades, nas que vos acabo de dar, 20Ata que o Señor, o voso Deus, faga descansar ós vosos irmáns, como vos fixo a vós, e ata que tamén eles tomen posesión da terra que o Señor, o voso Deus, lles vai dar ao outro lado do Xordán. Entón cada un de vós poderá volver á súa posesión, a que eu vos dei.
Súplica de Moisés: O don da terra
21Entón deille estas ordes a Xosué: Ti viches cos teus propios ollos todo o que o Señor, o voso Deus, lles fixo a eses dous reis, o mesmo lles fará o Señor a todos os reinos nos que ti vas entrar. 22Non lles teñades medo, pois o Señor, o voso Deus, estará comprometido na guerra ao voso favor.
23Entón eu fíxenlle ao Señor esta súplica: 24Meu Señor, Deus! Ti comezaches por permitirlle ao teu servo ver a túa grandeza e a túa man forte, que deus pode haber no ceo ou na terra, que faga as mesmas obras ca ti, ou teña o mesmo poder? 25Permíteme que eu poida cruzar para ver esa boa terra que está da outra banda do Xordán, esa boa montaña e o Líbano. 26Pero enfadouse o Señor contra min pola vosa culpa e non me fixo caso, senón que me dixo: Xa abonda! Non sigas falándome nestes termos. 27Sube ao cume do Pisgah, e levanta a vista cara ao Occidente e cara ao Norte, cara ao Sur e cara ao Nacente: olla cos teus ollos, pois ti non cruzarás o Xordán que aí tes. 28Dálle ordes a Xosué: anímao e infúndelle valentía, xa que el será o que cruzará á fronte deste pobo e quen lle dará en herdanza esta terra que ti estás vendo. 29Logo quedamos no val diante de Bet Peor.
Currently Selected:
Deuteronomio 3: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT