YouVersion Logo
Search Icon

Deuteronomio 32

32
1—"Escoita, ceo, que vou falar; escoita, terra, os ditos da miña boca.
2A miña doutrina caerá en pingas coma a chuvia,
e o meu dito espallarase coma a chuvia mansa sobre a herba tenra,
coma o trebón sobre o céspede.
3Si, proclamarei o nome do Señor.
Proclamación da xustiza salvífica de Deus
Aclamade: a grandeza é do noso Deus.
4El é o Penedo, a súa obra é perfecta.
Si, todos os seus vieiros son xustiza.
É o Deus da fidelidade e non hai nel inxustiza
xusto e recto é El.
5Envolveu os que non lle eran fillos con follas de palmeira,
xeración pervertida e malvada.
Acusación en forma interrogativa
6Isto lle facedes ao Señor, pobo parvo e sen sabedoría?
Non é El o teu Pai, quen te creou?
Non é El quen te fixo, quen che deu o ser?
Beneficios de Deus no pasado
7Lémbrate dos días remotos,
si, considera os anos de xeración en xeración.
Pregúntalle a teu pai, e que cho mostre:
pregúntalles ós teus anciáns, e que cho digan.
8Cando o Altísimo lles repartía a herdanza ós pobos,
e cando separaba ós fillos de Adam:
estableceu as fronteiras das nacións,
segundo o número dos fillos de Israel.
9Si, a parte do Señor é o seu pobo,
Xacob é a súa herdanza.
10Fortaléceo nunha terra de deserto
nunha soidade de ouveos engórdao, rodéao de coidados e aténdeo,
protéxeo coma á meniña do seu ollo.
11O mesmo que a aguia espile a súa niñada,
planea sobre os seus poliños,
estende as ás e os colle, e os levanta sobre as súas ás,
12así tamén o Señor, El só, conducirá o seu pobo,
non haberá con El un deus estraño,
13farao montar de a cabalo sobre as alturas da terra
e daralle de comer os produtos do campo,
daralle a zugar o mel que sae da pena,
o aceite que sae do duro penedo:
14manteiga de vaca e leite de ovellas, con graxa de años,
carneiros da raza de Baxán e cabritos, coa flor dos grans de trigo.
Bebiches fermentado o sangue da uva (e Xacob comerá ata se fartar).
Denuncia do pecado: Tipificación
15Iexurún engordou, e logo couceou;
engordaches, colliches graxas, puxécheste brillante,
pero rexeitou ao Deus que o creou
e deshonrou o Penedo da súa salvación.
16Provocáronlle celos con deuses estraños,
enfadárono con abominacións.
17Ofrecéronlles sacrificios aos demos, non a Deus,
a deuses que antes non coñecían,
deuses novos, acabados de chegar,
ós que vosos pais non respectaran.
18Desprezaches o Penedo que te deu a luz,
Esqueciches o Deus que te trouxo ao mundo.
Castigos históricos en forma oracular
19Viu isto o Señor con enfado,
rexeitou a seus fillos e a súas fillas.
20E dixo: Escondereilles o meu rostro benévolo,
verei cal é o seu porvir,
pois eles son unha xeración de perversión,
fillos nos que non hai fidelidade.
21Eles provocaron os meus celos con quen non é deus,
enfadáronme cos seus ídolos ilusos;
pero eu provocarei os seus celos con quen non é pobo,
cunha nación tola enfadareinos.
22Si, un lume de carraxe acendeuse no meu nariz
abrasa ata as fonduras do Abismo,
devora a terra e os seus froitos,
e requeima os alicerces das montañas.
23Amorearei calamidades sobre eles,
e acabarei coas miñas frechas contra eles:
24cansos de fame, consumidos coa febre e coa peste maligna.
Si, mandarei contra eles dentes de animais,
con veleno de bechos que se arrastran polo chan.
25Por fóra, a espada deixaraos sen fillos;
e, por dentro das casas, o terror.
Berros dos mozos! Berros das mozas!
Berro de meniño que mama, xunto co home encanecido!
26Pensei: vounos espallar,
vou facer desaparecer a súa lembranza de entre os homes,
27se non temese provocar o inimigo
e que os seus adversarios se fagan ilusións
dicindo: A nosa man é poderosa,
pois non foi o Señor quen fixo todo isto.
Reflexións teolóxicas exhortativas á fe no poder do Señor
28Si, son un pobo que derrama os plans,
e neles non hai intelixencia.
29Se fosen sabios, comprenderían isto,
entenderían cal é o seu porvir:
30Como un home pode perseguir a mil
e como dous homes fan fuxir a dez mil,
se non é que o seu Penedo llelos vende
e se non é que o Señor llelos entrega atados?
31Certo que o noso Penedo non é coma o seu penedo,
certo que os nosos inimigos non son quen a xulgar,
32pois a súa viña é das cepas de Sodoma
e dos patróns de Gomorra;
as súas uvas son uvas de veleno
e os seus acios teñen amargor;
33o seu viño é veleno de serpentes,
si, pezoña de cobras destrutoras.
34Non está el gardado ao meu carón,
selado no almacén dos meus tesouros?
35Velaí o día da vinganza e do axuste de contas!
Velaí o intre no que tropezarán os seus pés!
Certo que está próximo o día da súa ruína,
certo que vén ás présas preparado para eles.
36Si, o Señor faralle xustiza ao seu pobo,
e compadecerase dos seus servos,
cando vexa que a forza se acaba,
e que xa non hai escravo nin libre.
37Entón dirá: Onde están os seus deuses,
o penedo onde se refuxiaban?
38Pois comen a graxa dos seus sacrificios
e beben o viño das súas libacións.
Que se levanten a axudarnos,
que sexan a nosa protección!
Anuncio da vinganza sobre os inimigos do pobo
39Agora ollade: certo que eu son eu,
e non hai outros deuses comigo.
Eu fago morrer e fago vivir;
ferín, pero curarei,
e non hai quen escape da miña man.
40Si, levantarei a miña man ao ceo e direi:
Pola miña vida, así será para sempre!
41Afiarei o lóstrego da miña espada
e a miña man collerá a xustiza;
e farei volver a vinganza contra os meus adversarios
e axustarei as contas cos que me odian.
42Emborracharei as miñas frechas de sangue
e a miña espada devorará carne:
do sangue dos mortos e cativos,
das cabezas peludas do meu inimigo.
43Nacións, aclamade ao seu pobo,
que o sangue dos seus servos está sendo vingado;
fai vinganza dos seus adversarios,
e así purifica a súa terra e o seu pobo".
44Foi Moisés acompañado de Xosué, fillo de Nun, e pronunciou todas as palabras deste canto ós oídos do pobo.
Conclusión do canto de testemuño e da lei
45Cando acabou Moisés de pronunciar todas estas palabras para todo Israel, 46díxolles:
—"Entregade o voso corazón a todas as palabras que hoxe poño como testemuño contra vós, pois habédesllelas de pór de precepto ós vosos fillos, para que procuren practicar todas as palabras desta lei. 47Pois non é unha palabra baleira de interese para vós, senón que é a vosa vida; e con esta palabra alongaredes os días sobre a terra, na que entraredes ao cruzar o Xordán para a tomardes en posesión".
Moisés morrerá despois de ver a terra prometida
48Nese mesmo día, o Señor faloulle a Moisés nestes termos:
49—"Sube á montaña esa de Abarim, ao monte Nebó, que está no país de Moab, fronte a Xericó, e olla para a terra de Canaán, porque llela vou dar en propiedade ós fillos de Israel. 50Despois morrerás no monte onde vas subir e xuntaraste cos teus parentes, o mesmo que Aharón, teu irmán, morreu no monte Hor e se xuntou cos seus parentes. 51Por me serdes infieis a min ante os fillos de Israel, nas augas de Meribah de Cadex, no deserto de Sin, por non recoñecer a miña santidade, ante os fillos de Israel, 52por isto verás desde enfronte o país, pero non entrarás nel, nese país que eu lles vou dar ós fillos de Israel".

Currently Selected:

Deuteronomio 32: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in