Deuteronomio 31
31
A sucesión de Moisés
1Moisés acabou dicíndolle estas palabras a todo Israel. 2Logo díxolles:
—"Hoxe cumpro cento vinte anos; xa non son capaz de saír e de entrar. Por iso díxome o Señor: Non cruzarás este Xordán.
3O Señor, o teu Deus, é quen cruzará o Xordán diante de ti. El destruirá ante ti estes pobos e ti tomaralos en posesión. Xosué será quen pase á túa fronte tal como o dixo o Señor. 4O Señor faralles a estes pobos o mesmo que lles fixo ós reis dos amorreos, a Sihón e a Og, e ao seu país: exterminalos. 5O Señor poraos diante de vós, e vós farédeslles tal e como eu vos mande. 6Sede valentes! Sede fortes! Non teñades medo nin tremades ante a súa presenza que o Señor, o teu Deus, é quen irá contigo: non te deixará só nin te abandonará".
7Despois Moisés chamou a Xosué e díxolle á vista de todo Israel:
—"Se valente! Se forte!, que ti entrarás con este pobo no país que o Señor lles prometeu con xuramento a seus pais dárllelo, e ti has de llelo entregar en herdanza. 8Certo que o Señor será quen irá diante de ti. El estará contigo, non te deixará só nin te abandonará. Non teñas medo nin te desanimes".
Testemuño litúrxico: a renovación da Alianza
9Despois Moisés escribiu esta lei e entregóullela ós sacerdotes, fillos de Leví, que levaban a Arca da Alianza do Señor, e mais ós anciáns de Israel. 10E Moisés mandoulles isto:
—"O cabo de sete anos, na data precisa do ano da Remisión, durante a festa das Tendas, 11cando todo Israel veña ver o rostro do Señor, o teu Deus, no santuario que El escolla, ti proclamarás esta lei ante todo Israel, de xeito que a escoiten. 12Reúne ao pobo, homes, mulleres e rapaces, e ao emigrante que vive dentro das portas das túas cidades, para que escoiten e aprendan a respectar o Señor, o voso Deus, e para que procuren cumprir todos os preceptos desta lei. 13Así teus fillos, que non teñen coñecemento, escoitarán e aprenderán a respectar o Señor, o voso Deus, todos os días que vós vivades na terra que ides tomar en posesión, pasando o Xordán".
Teofanía para Moisés e Xosué
14Logo o Señor díxolle a Moisés:
—"Olla que os días da túa morte están cerca. Chama a Xosué e presentádevos na Tenda do Oráculo, que eu lle vou dar ordes".
Entón foron Moisés e Xosué e presentáronse na Tenda do Encontro. 15O Señor fíxose ver na tenda, nunha columna de nube, e a columna de nube estivo queda á porta da Tenda.
Introdución ao cantar de Moisés
16Entón o Señor díxolle a Moisés:
—"Olla que ti vas deitarte con teus pais, pero este pobo vaise levantar para prostituírse, indo detrás dos deuses dos estraños, os deuses do país onde vai entrar; vaime abandonar a min e quebrantar a Alianza que eu fixen con el. 17E no día aquel a miña ira inflamarase contra el, e voume apartar deles e taparei para eles a miña cara. Entón o pobo será devorado, e moitas desgrazas e angustias virán sobre el. Dirá entón: Non virán sobre min estas desgrazas por non estar o meu Deus no medio de min? 18Pero eu seguirei tapando a miña cara no día aquel, por causa de todo o mal que el fixo, xa que se volveron tralos deuses alleos.
19Pero agora, escribide para vós este cantar. Ensinádellelo ós fillos de Israel e póndellelo na súa boca, para que me sirva a min de testemuño contra os fillos de Israel. 20En efecto, traerei o pobo á terra que lles prometín con xuramento a seus pais, terra que deita leite e mel, e comerá, fartarase e engordará; pero logo volverase cos deuses alleos e daralles culto, desprezarame a min e romperá a miña Alianza. 21Cando grandes desgrazas e angustias caian sobre el, este cantar dará testemuño contra el, porque non será esquecido na boca da súa descendencia. Si, coñezo ben o plan que hoxe mesmo está facendo, antes de que eu o leve á terra que prometín con xuramento".
22Ese día Moisés escribiu este cantar, e ensinóullelo ós fillos de Israel.
Animo a Xosué
23Logo o Señor mandoulle isto a Xosué, fillo de Nun:
—"Se valente! Se forte!, que ti farás entrar ós fillos de Israel na terra que lles prometín con xuramento, e eu estarei contigo".
Testemuño sacro — literario: o libro da lei a carón da Arca da Alianza
24Cando Moisés acabou de escribir todas as palabras desta lei nun libro, 25deulles esta orde ós levitas, que levaban a arca da Alianza do Señor:
26—"Collede o libro desta lei e póndeo ao lado da Arca da Alianza do Señor, o voso Deus, e que estea alí en testemuño contra ti. 27Porque eu coñezo ben a túa rebeldía e a túa cabeza dura: se hoxe, durante a miña vida convosco, sodes rebeldes co Señor: canto máis o seredes despois da miña morte?
O ceo e a terra testemuño do canto de Moisés
28Xuntade ao meu lado os anciáns das vosas tribos e os vosos xefes, que vou pronunciar nos seus oídos estas palabras e vou pór como testemuñas contra eles o ceo e mais a terra. 29Si, eu sei ben como vos corromperedes despois da miña morte e como vos apartaredes do vieiro que vos ordenei, e entón a desgraza sairá ao voso encontro naqueles días despois de que fagades o mal ós ollos do Señor, enfadándoo cos feitos das vosas mans".
O canto de Moisés
30Entón Moisés pronunciou ata o final as palabras deste canto ós oídos de toda a asemblea de Israel:
Currently Selected:
Deuteronomio 31: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT