Deuteronomio 28
28
As bendicións
1Se escoitas con actitude de obediencia a voz do Señor, o teu Deus, gardando e pondo en obra todos os seus mandamentos, que eu mando hoxe, o Señor, o teu Deus, converterate no máis grande de todos os pobos da terra. 2E todas estas bendicións que seguen, virán sobre ti e chegaranche a ti, xa que lle fas caso á voz do Señor, o teu Deus:
3Benia ti na cidade, e benia ti no campo.
4Benia o froito do teu ventre, o froito da túa terra e o froito do teu gando, o parto das túas vacas e as crías das túas ovellas. 5Benia túa cesta e mais a túa artesa.
6Benia ti cando entres e benia ti cando saias.
7Os teus inimigos, que contra ti se levanten, converteraos o Señor en derrotados na túa presenza: por un só vieiro saíron contra ti e por sete vieiros escaparán. 8O Señor ordenará que a bendición estea contigo nas túas arcas e nas empresas da túa man. El bendicirate no país que o Señor, o teu Deus, che vai dar. 9Constituirate o Señor nun pobo consagrado a El, tal como cho xurou, se ti cumpres os mandamentos do Señor, o teu Deus, e camiñas polos seus vieiros. 10Entón todos os pobos da terra verán que o nome do Señor se invoca sobre ti e teranche medo. 11O Señor concederache ter bens de abondo: froitos do teu ventre, froitos do teu gando e froitos da túa terra, cando esteas na terra que o Señor lles xurou a teus pais que cha daría.
12O Señor abrirá no teu favor o seu precioso tesouro do ceo, mandando ao seu tempo a chuvia que precisa o teu país e bendicindo calquera obra da túa man de xeito que ti lles prestes a populosas nacións, mentres que ti non terás preciso de pedir prestado.
13O Señor porate á cabeza e non ao rabo, estarás sempre arriba e non abaixo, se lles fas caso ós mandamentos do Señor, o teu Deus, que hoxe che mando gardar e pór en práctica, 14e se non te desvías cara á dereita nin cara á esquerda de ningunha destas disposicións que eu vos mando hoxe, camiñando tras deuses alleos e dándolles culto.
15Pero se non lle fas caso á voz do Señor, o teu Deus, pondo coidado en cumprir todos os seus mandamentos e preceptos que eu che mando hoxe, entón todas estas maldicións virán enriba de ti e afectaranche:
16Maldito sexas ti na cidade e maldito sexas ti no campo.
17Maldito sexa o teu cesto e mais a túa artesa.
18Maldito sexa o froito do teu ventre, e o froito da túa terra, e do teu gando.
19Maldito sexas ao entrares e maldito ao saíres.
20Que o Señor mande contra ti a maldición, a derrota e o castigo en todas as empresas da túa man, ata seres destruído e desapareceres, por causa da maldade dos feitos cos que me abandonaches.
21Que o Señor che apegue a peste ata facerte desaparecer de sobre a terra, na que ti entraches para tomala en posesión. 22O Señor ferirate coa tise, con febres, con flegmóns, con queimaduras, e coa seca, coa peste do cornecho e do mildeu, que te perseguirán ata que desaparezas.
23O ceo que está sobre a túa cabeza volverase bronce, e a terra que está debaixo de ti volverase ferro. 24O Señor mandará, como chuvia para a túa terra, po; e cinsa baixará do ceo sobre ti, ata que te destrúa.
25O Señor fará de ti un vencido diante dos teus inimigos; sairás contra eles por un só camiño, pero terás que fuxir da súa presenza por sete camiños. Volveraste o obxecto de vexación de todos os reinos da terra. 26E o teu cadáver servirá de carnada para todas as aves do ceo e mais para os bechos da terra, e non haberá quen os espante.
27O Señor ferirate coas úlceras de Exipto e cos tumores, coa sarna e coa tiña, das que non che será posible curar. 28O Señor ferirate coa loucura, coa cegueira e co desvarío da túa mente. 29A luz do mediodía terás que andar ás apalpadelas, como anda ás apalpadelas o cego na escuridade, e non poderás dar remate ós teus camiñares. Todos os días certo que serás maltratado e roubado, e non haberá quen te salve.
30Casarás cunha muller, e outro home violaraa; construirás unha casa, e non habitarás nela; plantarás unha viña, e non collerás os primeiros froitos. 31O teu boi será degolado ós teus ollos, e ti non comerás del; o teu burro serache roubado na túa mesma presenza, e non volverá onda ti; o teu rabaño será entregado ós teus inimigos, e ti non terás quen te salve.
32Os teus fillos e as túas fillas serán entregados a un exército estranxeiro; os teus ollos estarán véndoo, consumiranse de ollar para eles todo o día, pero nada estará no poder da túa man. 33Os froitos da túa terra e todo o produto do teu traballo comerao un pobo que ti non coñecías. Ti non serás máis ca un oprimido e un esmagado para sempre. 34Si, ti volveraste louco co que aparecerá ante os teus ollos, cando ti o vexas.
35O Señor ferirate nos xeonllos e nas coxas cuns furunchos malignos, que non serás capaz de curar, desde a planta do teu pé ata o curuto.
36O Señor farate marchar a ti e ao rei que ti constituíches sobre ti, xunto a un pobo que non coñecías nin ti nin os pais, e terás que darlles culto alí a deuses estranxeiros: de pau e madeira! 37Ti volveraste o asombro, escarnio e o riso de todos os pobos a onde o Señor te conduza.
38Botarás moita semente no campo, pero pouco recollerás, porque a comerá o saltón. 39Plantarás viñas e traballaralas, pero o viño non o beberás nin o vendimarás, porque o comerá o pedreiro. 40Terás oliveiras no teu territorio, pero con aceite non te unxirás, porque as túas olivas caerán no chan. 41Enxendrarás fillos e fillas, pero non os terás contigo, porque marcharán á catividade. 42Todas as túas árbores e os froitos da túa terra recibiranos en herdanza os insectos.
43Os emigrantes que hai no medio de ti subirán máis ca ti, cada vez máis arriba, mentres ti baixarás cada vez máis abaixo. 44Eles prestaranche a ti, e ti non lles poderás prestar a eles, eles servirán de cabeza, e ti de rabo.
45Todas estas maldicións virán contra ti, perseguirante e afectarante ata seres exterminado, xa que non lle fixeches caso á voz do Señor, o teu Deus, gardando os mandamentos e os preceptos que El che mandou. 46Estas maldicións quedarán de sinal e de prodixio en ti e na túa descendencia para sempre.
47Xa que non serviches o Señor, o teu Deus, con alegría e coa felicidade do corazón, por causa da abundancia en todo, 48servirás os teus inimigos, onde o Señor te envíe —na fame, na sede, na nudez e na privación de todo—, e El porache un xugo de ferro no teu pescozo, ata acabar contigo. 49Como unha aguia levanta o voo, así levantará o Señor contra ti un pobo que vén de lonxe, desde o cabo da terra, un pobo do que ti non oirás a lingua, 50un pobo de rostro duro, que non ten respecto ao ancián nin ten compaixón do neno. 51Comerá o froito do teu gando e o froito da túa terra, ata que ti desaparezas, porque non che deixará trigo, nin mosto, nin aceite novo, nin os partos das túas vacas, nin as crías do teu rabaño ata facerte desaparecer.
52Asediarate por todas as portas das túas cidades, ata botar abaixo as murallas altas e inaccesibles, nas que ti puñas a túa seguridade en todo o teu país. Si, asediarate por todas as portas das cidades que hai no teu país, que o Señor, o teu Deus, che deu.
53Terás que comer o froito do teu ventre, a carne dos teus fillos e das túas fillas que o Señor, o teu Deus, che deu, cando sexa o asedio e a opresión coa que te oprimirá o teu inimigo. 54O ollo do home máis delicado e máis elegante que hai en ti mirará con degaro para seu irmán, para a muller do seu seo e para o resto de seu fillo que deixa sobrante, 55para non ter que compartir con eles a parte da carne do propio fillo que está comendo, non sexa que non lle quede todo para el, cando veñan o asedio e a opresión, coa que o teu inimigo te oprimirá en todas as portas das túas cidades.
56A muller máis delicada e máis elegante que nin sequera se atrevía a pór na terra a planta do seu pé, de elegante e delicada que era, o seu ollo mirará con degaro para o home do seu seo, para o seu fillo e para a súa filla, 57e para as libranzas que saen do seu seo e para os fillos que acaba de dar a luz. Si, comeraos ás agachadas por falta de todo, cando sexa o asedio e opresión con que o teu inimigo te oprimirá en todas as portas das túas cidades.
58Se non coidas de cumprir todos os preceptos desta lei escrita neste libro, respectando este Nome glorioso e temible, O Señor, o teu Deus, 59entón o Señor fará máis extraordinarios os teus castigos e os castigos da túa descendencia: uns castigos grandes e inflexibles, unhas enfermidades malignas e durísimas; 60fará volverse contra ti todas as pragas do Exipto, que tanto medo che provocan, e apegaránseche a ti. 61Tamén fará rubir o Señor sobre ti todas as enfermidades e todos os castigos que non están descritos no libro desta lei, ata que desaparezas.
62Vós quedaredes uns poucos homes, despois de serdes tan numerosos coma as estrelas do ceo, porque non lle fixeches caso á voz do Señor, o teu Deus. 63E resultará que o mesmo que o Señor se compraceu en vós facéndovos o ben e multiplicándovos, así se compracerá tamén o Señor destruíndovos e facéndovos desaparecer, e seredes arrincados de sobre a terra, na que entrastes a tomar posesión dela. 64O Señor esparexeravos por entre todos os pobos, desde unha punta da terra á outra punta, e ti daraslles culto alí a deuses alleos, que nin coñecías ti nin os teus pais: madeira e pedra! 65Entre eses pobos non terás descanso, nin a planta do teu pé terá un lugar de acougo, senón que o Señor che dará alá un corazón asustado, ollos apagados e respiración ansiosa: 66A túa vida estará pendurada dun fío diante de ti. Terás pavor de día e de noite, e non te fiarás da túa vida. 67Pola mañá dirás: Quen me dera que fose a tarde; e pola tarde dirás: quen me dera que fose a mañá, por causa do pavor que abraiará o teu corazón, e por causa da visión que contemplarán os teus ollos.
68O Señor farate volver en barcos a Exipto polo camiño que che dixo:
Non volverás de novo ver ese camiño; e alí seredes vendidos ós teus inimigos coma escravos e escravas, e non haberá nin quen compre".
69Estas son as palabras da Alianza, que o Señor lle mandou a Moisés pactar cos fillos de Israel no país de Moab, ademais da Alianza que pactou con eles no Horeb.
Currently Selected:
Deuteronomio 28: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT